mércores, 14 de novembro de 2012

Búscanse persoas voluntarias para traducir Twitter ao galego


O proceso de tradución de Twitter ao galego está en marcha e vai a bo ritmo, grazas aos voluntarios e voluntarias que de xeito desinteresado impulsaron todo tipo de accións na propia rede (e noutras redes) para acadalo, pero para rematalo cómpre contar con máis mans neste labor colectivo. Así o conta Carlos García, impulsor desta iniciativa (Twitter en galego), que contou co visto e prace dos responsables da propia rede o pasado 18 de setembro, e que é apoiada e seguida por máis de 16.000 seareiros. ¿Que que queda por facer? Pois hai que lembrar que a aprobación da solicitude, por parte de Twitter, para incluír unha versión en galego do servizo estipula que son os mesmos usuarios galegos os que teñen que achegar o glosario na súa lingua. Este traballo non sei fai nun día e malia estar avanzado, precísanse máis voluntarias/os.
Segundo reflicte Carlos García, o labor colectivo é imprescindible para que axiña poidamos ler Twitter en galego, cousa para a que non é preciso contar con grandes coñecementos en informática ou en filoloxía galega. O sistema vertébrase por votacións. Así, tradúcese un termo e logo a comunidade sométeo a exame, axudándose uns membros a outros e sen que exista a figura dun único supervisor.
O proceso de tradución de Twitter, como recordaremos, tamén inclúe un espallamento alén da web. Así, a intención é chegar á versión móbil do servizo, ás aplicacións de Twitter para Android, iOS, OS X e Windows (TweetDeck) e a outros servizos asociados, para acadar unha localización á altura doutras linguas como o español.

Máis información en Código Cero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario