INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
luns, 26 de novembro de 2012
O TSXG anula a consulta ás familias para a elección de lingua no ensino infantil
O TSXG acolle parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a plataforma Queremos Galego contra o Decreto de Plurilingüismo do Goberno de Núñez Feijoo. En concreto, anula o artigo 5.2, no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil, argumentando que a Administración non pode "abdicar" das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica "fóra" da "esfera de elección dos pais".
O TSXG tamén anula o artigo 12.3, no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego.
A CIG-Ensino reclama a derrogación completa do Decreto de Plurilingüismo e o inicio de negociacións para aprobar un novo decreto que recolla os obxectivos e as propostas do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade do Parlamento galego no ano 2004.
En termos semellantes, o BNG demanda "a inmediata derrogación do Decreto do Plurilingüismo e o cesamento do conselleiro de Educación en funcións", e pídelle ao PP que retorne "ao consenso que existiu cando o Parlamento Galego aprobou o Plan de Normalización Lingüística".
AVAL
Pola súa banda, a Consellería de Educación afirmou o seu "escrupuloso respecto" pola sentenza pero considera que o TSXG "avala o equilibrio entre galego e castelán". En relación coa anulación do artigo 5.2, declarou que "a Administración debe exercer a súa competencia do modo máis consensuado posible coas familias". A consellería concluíu que que se están estudando "con prudencia" as sentenzas emitidas, antes de tomar unha decisión.
Seguindo co parecer da Xunta, Alberto Núñez Feijóo defendeu que o TSXG "reforza e avala a inmensa maioría" do decreto do plurilingüismo, do que entende que "hai que modificar só dous parágrafos".
Nesta mesma liña, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, sinalou que non se fará nin unha reforma nin unha derrogación do decreto, e verbo da consulta ás familias dixo que "a consulta pódese facer igual á familia, pero será a Administración quen terá a capacidade de decidir unha vez se escoite ás familias". Vázquez indicou que a anulación do artigo 5.2 invalida a "parte vinculante" da pregunta aos pais para establecer a lingua materna en Infantil, pero "non en si a propia consulta".
Sobre a anulación do artigo 12.3, Vázquez non descartou presentar un recurso de casación.
Máis información en Praza Pública, Galicia Confidencial, Galicia Hoxe ou El País, entre outros.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario