xoves, 29 de novembro de 2012

Prolingua: “A Xunta debería reflexionar sobre o gloticidio emprendido irresponsablemente”


ProLingua acaba de editar dous documentos clave para comprender a situación do idioma galego. Tras as duras críticas ao goberno de Feijóo por parte do Comité de Expertos do Consello de Europa no seu terceiro ciclo de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ProLingua pón a disposición da cidadanía a traducción das partes do informe que analizan a situación do galego e unha completa análise a modo de Consideracións. Menos dun 10% da prensa que se fai en Galiza está en galego e o 50% do ensino nesta lingua está realmente lonxe de cumprirse. Mentres o Comité de Expertos felicita os gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción das súas linguas nativas; ao gobernó galego repróchalle “a redución gradual” do uso da lingua galega, sobre todo no ensino, na xustiza e nos medios de comunicación. E recolle as queixas dos expertos europeos pola falta de información, o "calculado silencio" e ocultamento de datos ofrecidos polas autoridades galegas.
"Cando o pasado 25 de outubro tivemos noticia da publicación deste terceiro informe formamos un grupo de traballo propio capaz de traducir o referido á situación da lingua galega e de elaborar unha rigorosa análise que axude á xente do común a entender cal é a verdadeira situación da lingua a ollos do Consello de Europa, que recomendacións lle traslada á Xunta de Galicia e que cambios percibiu na saúde da lingua de Galicia desde o último informe publicado", explican desde a asociación. E lembran que "o goberno do PP debería ter ben presente que a lingua galega nunca foi un problema e que debe evitarse toda controversia partidaria, porque o galego é un patrimonio de todos, mesmo dos que non o falan". 
Para ProLingua, "a difusión deste Informe debería levar as autoridades galegas a reflexionaren sobre o camiño de glotocidio emprendido irresponsablemente". E considera que o goberno do PP "debe revogar o Decreto de Plurilingüismo e elaborar outro novo consensuadamente, un novo Decreto que abranga e garanta unha liña de ensino en galego como lle pide Europa"; que debe "apoiar os medios en galego e facer cumprir o compromiso do mínimo 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas"; "esixir de verdade un coñecemento digno oral e escrito do galego aos funcionarios da administración, da xustiza e do ensino, á vez que debe acabar coas discriminacións do galego nos eidos laboral, sanitario e asistencial". "O goberno do PP debe cumprir coa Lei de Normalización Lingüística e co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, textos aprobados por unanimidade polo Parlamento Galego".
CAL É A SITUACIÓN?
Mentres o Comité de Expertos felicita os gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción das súas linguas nativas; ao gobernó galego repróchalle “a redución gradual” do uso da lingua galega, sobre todo no ensino, na xustiza e nos medios de comunicación.
No ensino -relata a análise de ProLingua-, os expertos europeos constatan un incumprimento flagrante do teórico 50% en galego que prevé o Decreto e lembran que a Carta obriga a que exista un modelo de ensino en galego, "mandato que o goberno de Núñez Feijoo incumpre".
E continúa: Nos eidos da administración e da xustiza tamén detecta este Informe un retroceso na implantación do galego, con moitas deficiencias non solucionadas polas autoridades e mesmo con evidentes retrocesos en formación e capacitación de persoal, programas informáticos que non permiten o uso da lingua propia, retrocesos na rotulación e nos formularios etc., o que en moitos casos disuade do uso da lingua galega, polo que o Consello de Europa insta as autoridades a acometeren unha verdadeira protección e promoción do idioma galego na administración e na xustiza.
Na vida pública o Consello de Europa constata unha redución no emprego do galego por parte das institucións galegas e a relaxación na esixencia real do coñecemento da lingua para o acceso á función pública.
Canto aos medios de comunicación o Informe di que Galicia non cumpriu cos obxectivos asinados, pois as emisoras e xornais privados apenas chegan a emitir/publicar o 10% en galego. Os expertos europeos amosan tamén a súa preocupación por este desenvolvemento negativo ante o peche de numerosos medios monolingües en galego ou bilingües e a falta de axudas oficiais para estes, que contrasta coas que obteñen os medios en castelán.
Así mesmo, detallan a denuncia do Consello de Europa ante as dificultades que existen na práctica para facer vida normal en galego no mundo laboral, na sanidade e no eido asistencial, "campos onde os usuarios da lingua galega se ven disuadidos para empregaren a súa lingua".

Ningún comentario:

Publicar un comentario