martes, 6 de novembro de 2012

A Carta Europea das Linguas fai vinte anos inzada de incumprimentos en Galicia

En novembro de 1992 nacía en Estrasburgo a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Auspiciada polo Consello de Europa, os Estados que a asinaban amosábanse "conscientes do feito de que a protección e o fomento" destes idiomas "representan unha contribución importante á construción dunha Europa baseada nos principios da democracia e da diversidade cultural". Na sinatura deste tratado europeo participou daquela un representante do Estado español. As Cortes Xerais deron o seu visto e prace á participación no acordo e, xa en 2002, o daquela ministro de Exteriores, Josep Piqué (PP), rubricaba o correspondente instrumento de ratificación, isto é, o documento no que o Goberno de España especificaba o grao de cumprimento da Carta ao que se comprometía. Elixiu, na maior parte dos artigos, a maior protección posible para o galego, o catalán e o éuscaro.

Personificado, como é habitual, na figura do rei, o Estado "aprobou e ratificou" o que se dispón na Carta, "prometendo cumprila, observala e facer que se cumpra e observe puntualmente en todas as súas partes". Así e todo, vinte anos despois da sinatura e cando xa pasou unha década dende a súa ratificación, unha ollada ao seu articulado permite concluír que en Galicia este tratado europeo é aínda unha enorme materia pendente especialmente en ámbitos como o ensino ou a xustiza onde, lonxe de avanzar cara aos preceptos comprometidos, se experimentaron notables retrocesos con medidas como a derrogación do decreto 124/2007 de galego no ensino -que establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares en galego- e a súa substición polo denominado decreto do plurilingüismo.
O Goberno español comprometeuse a garantir a posibilidade de recibir o ensino preescolar, primario e secundario en galego
No ámbito educativo o Goberno de José María Aznar asumiu os compromisos máis ambiciosos o cal equivale, dada a vixente distribución de competencias, a que a Xunta tamén os asumiu. Así, dende a ratificación de Carta os poderes públicos están "comprometidas" a "prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais e minoritarias correspondentes", neste caso o galego. Idéntico precepto rexe para o ensino primario, para o ensino secundario e para o "técnico e profesional". Ao tempo, España tamén apostou por "tomar disposicións para que se impartan cursos de ensino para adultos ou de educaicón permanente principal ou totalmente" en galego. No caso da universidade o grao de protección seleccionado foi menor, quedando no "fomento" e/ou "autorización" do "establecemento dun ensino universitario ou outras formas de ensino superior" nas linguas propias.
Neste contexto, no que os últimos datos dispoñibles falan de que só arredor do 20% do ensino obrigatorio é impartido en galego, a reforma educativa que prepara o Goberno central semella que vai dificultar aínda máis o cumprimento da Carta xa que, por exemplo, en 2002 o Estado asumiu tamén o compromiso de "tomar medidas para asegurar o ensino da historia e a cultura das cales é expresión a lingua rexional ou minoritaria" -o Ministerio de Educación prepara unha recentralización do currículum educativo-.

Xustiza e medios de comunicación

Se o cumprimento da Carta no ámbito educativo é escaso a situación non mellora, senón o contrario, se o sector observado é a Xustiza, outro dos máis relevantes no tratado europeo. Como fixo no ensino, neste caso o Estado asumiu como propio o maior grao de compromiso posible, comprometéndose a "asegurar", tanto nos procesos civís como nos penais e administrativos, a posibilidade de utilizar con normalidade as linguas oficiais diferentes do español.
O Estado ofreceu garantías de que os procedementos xudiciais se poderían desenvolver con normalidade en linguas distintas do castelán.
Así, por exemplo, ofreceu garantías de que "os organos xurisdiccionais, por solicitude dunha das partes", ían "levar o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias" ou, en todo caso, lle garantirían "ao acusado -na xurisdicción penal- o dereito de se expresar" na súa lingua. Ademais, non habería obstáculo para empregar unha lingua como ao galego para presentar probas e documentos recorrendo, "se for necesario, a intérpretes e a traducións". Na actualidade, non son poucos os casos que saltan á luz pública no que o emprego normal do galego nos tribunais se converte nunha carreira de obstáculos dificultada, a comezar, polos programas informáticos proporcionados pola Xunta para operar nos xulgados.
A realidade galega tamén difire en boa medida do estipulado na Carta se o ámbito observado é o dos medios de comunicación, onde só se cumpre con normalidade a existencia de, "polo menos, unha emisora de radio e unha canle de televisión" no idioma do que se trate. Non acontece así no que atinxe á garantía de "fomentar ou facilitar a creación e mantemento de, polo menos, un órgano de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias" e as políticas de recortes poñen en serio perigo a comprometida "asistencia financeira ás producións audiovisuais" en galego. Do mesmo xeito, na práctica tampouco existe a aposta por "apoiar a formación de xornalistas e demais persoal para os medios de comunicación que empreguen" estes idiomas, aínda que o Estado se comprometeu a facelo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario