A
Asociación de Nais e Pais de Alumnado do IES
de Sanxenxo vén de dar comezo na biblioteca do devandito centro
a un obradoiro de gamificación destinado a amosar ao detalle
(e dun xeito divertido á par que didáctico) como poñer en marcha
unha empresa e facer que medre no mercado. A actividade, levada a
cabo con persoal da ANPA como docente, achega recursos a 15
participantes. Estes asistirán ao obradoiro todos os martes do
presente ano lectivo. A metodoloxía, segundo nos conta de primeira
man a asociación, é conseguir que cada alumno desenvolva e detente
unha tarefa concreta ao abeiro do obxectivo común e cooperativa:
crear unha empresa.
“Isto”,
sinalan, “permitiralles coñecer e desenvolver habilidades que nun
futuro abran camiño a propoñerse unha iniciativa empresarial dende
un coñecemento previo”. Coñecemento, indican, que é relativo a
cousas como a busca de clientes, a comunicación dixital, o comercio
electrónico, a produción, a contabilidade, o financiamento e, por
suposto, “a introdución das novas tecnoloxías en todos os ámbitos
de produción”. A actividade desenvolverase baixo o seguinte
epígrafe: Xogando a crear futuro. Fagamos a nosa empresas!
Segundo informan os responsábeis
do curso, outro dos obxectivos é permitir que os participantes gañen
competencias de valor para a súa vida futura, non só laborais senón
tamén sociais. A idea, de feito, vai máis alá de ensinar como se
fai unha empresa e como se usan as TIC para facelo: encamíñase a
aprender como se distribúe o traballo, como se vende un produto,
como se inviste o que se gaña e como os integrantes dun grupo
empresarial deciden que facer cos cartos obtidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario