martes, 29 de maio de 2012

A RAG e a Fundación Barrié asinan un novo acordo de colaboración


A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Pedro Barrié de la Maza asinaron un novo convenio que afonda na colaboración entre ambas as dúas institucións e que dará diversos froitos. O máis próximo, o traslado do Seminario de Lexicografía da RAG dende Santiago á sede coruñesa da Barrié, onde recibirá apoio tecnolóxico de cara a acadar o obxectivo a máis longo prazo desta colaboración: adaptar as bases de datos lexicográficos da academia para poder ofrecer contidos, coma o dicionario, a través de diversos soportes, como dispositivos móbiles e portais de internet.
Os presidentes da RAG e da Barrié asinaron coincidiron na necesidade de poñer avances tecnolóxicos ao servizo da renovación educativa. Por parte da fundación, José María Arias Mosquera subliñou a forte compoñente de “comunicación social” que se emprende con estes proxectos, mentres que en nome da academia Xosé Luís Méndez Ferrín agradeceu o importante apoio que lles brinda a Barrié para “manter un constante traballo de renovación permanente”. Neste sentido, Ferrín lembrou que a RAG “é unha institución antiga pero necesita apoios”, xa que carece dunha asociación de amigos, ao xeito doutras entidades semellantes, e o seu financiamento “nunca chega á altura das súas ambicións, que son máximas”.
O director da fundación, Javier López Martínez, explicou que un resultado desta colaboración será o Portal das Palabras, un sitio web que achegará á sociedade de xeito lúdico e distinto os contidos do dicionario.

Información tirada de La Voz de Galicia.





Ningún comentario:

Publicar un comentario