INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
mércores, 16 de maio de 2012
O Parlamento pide medidas para afianzar o uso do galego nas redes sociais
O pleno do Parlamento de Galicia vén de lle dar cabida á cuestión da presenza da lingua galega no eido das novas tecnoloxías, e máis concretamente naqueles servizos e recursos maiormente empregados pola mocidade, como son as redes sociais do tipo Facebook, Twitter, Tuenti e demais. Todo comezou cunha proposta do Partido Popular no sentido pór en marcha unha iniciativa que lle reclamase á Xunta máis estratexias para impulsar entre a mocidade o uso da lingua. A proposta foi aprobada cos votos do PP e coa abstención dos grupos da oposición, que a consideraron “un lavado de cara” das políticas de “aniquilación e exterminio” do galego.
A proposta, que significativamente foi desenvolvida nos días previos á celebración do Día das Letras Galegas e logo da publicación dun informe que certificaba e demostraba esta caída do uso da nosa lingua nas comunidades 2.0, maioritariamente empregadas pola xuventude, nace dunha constatación na que coinciden todos os grupos políticos: que o predominio do castelán é evidente e que as feblezas do galego nas redes sociais non son máis ca un reflexo do que acontece na vida real, sobre todo nas vilas e nas cidades.
A intención do PP é asegurar até onde sexa posible que a Xunta de Galicia “non perda a ocasión de incidir nestes ámbitos a fin de tentar transformar a realidade”, que se presenta moi crúa para o noso idioma. Ao xuízo dos responsables da proposta, cómpre formar ambientes favorables para que a mocidade do país faga máis uso da súa lingua nas redes sociais. Con todo, tanto BNG e como PSOE cualificaron a medida de contraditoria, sobre todo tendo en conta, dixeron, cara a onde se dirixe a restante política lingüística do Goberno galego: non precisamente cara á defensa da lingua en todos os ámbitos, sinalaron. Como exemplo, lembraron o acontecido na pasada edición de Xuventude Galicia Net, onde baixo o pretexto de que había participantes de fóra da nosa terra, “excluíuse o galego da comunicación interna do evento”.
Polo tanto, animaron á Xunta a normalizar o uso da lingua en todos os ámbitos e, xa nun plano máis específico e complementario, a revitalizar o proxecto Mancomún, que xurdiu sendo un centro para promover a localización ao noso idioma de programas libres, amais de promover recursos novos e propios.
Información tirada de Código Cero
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario