O pasado sábado 5 de maio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou os Premios AELG 2012. O destinado a institucións que se caracterizan pola súa contribución á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais foi, por decisión unánime da Asemblea Xeral de Socios e Socias da AELG, para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas no ámbito da Administración e da educación, traballaron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quixo ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación.
Desde o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quixeron trasladarlle a cada unha das persoas que traballan nos servizos de normalización lingüística (SNL) ou que forman parte do equipo de normalización e dinamización lingüística (ENDL) o seu agradecemento polo labor pasado, presente e futuro. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas non permitían o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, quen dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos –o escolar e o administrativo– desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
Información e un extracto do discurso de Agustin Fernández Paz no web da CTNL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario