mércores, 21 de xaneiro de 2015

CIG-Ensino chama a defender o galego contra o "roteiro de exterminio" do PP

A central sindical nacionalista denunciou o conxunto de medidas desenvolvidas polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para "combater" o idioma como elemento chave da "cohesión nacional". 

A central sindical nacionalista debruzouse esta terza feira (20 de febreiro) sobre o que denominou como o "roteiro do exterminio" da lingua galega. Unha política lingüística "contranatura", afirmou Marta Dacosta, que se viu endurecida após o ano 2009 coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta. 
Através dunha crítica análise a CIG-Ensino animou a participar na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego o vindeiro 8 de febreiro. Unha mobilización coa que demandar, afirmou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, un "cambio de rumbo" na política lingüística e a modificación do actual marco legal para garantir á lingua propia de Galiza "os mesmos dereitos que ten calquera lingua nun país normalizado". 
O "roteiro do exterminio"
E é que desde a chegada do PP, de novo, ao goberno galego en 2009 producíronse "ataques sistemáticos" contra a lingua galega, denunciou Dacosta. NEste senso, subliñou, após un mes de sentar en Monte Pío, Núñez Feijóo suprimiu a proba de galego no acceso á función pública. Un feito ao que se sumaría a supresión do requirimento de proxectos na lingua de noso nos diferentes concursos nos que participa o profesorado. 
Semanas despois serían eliminadas por parte do goberno galego as axudas económicas ás liñas en galego do ensino infantil e con posterioridade iniciaríanse as "enquisas trampa", en verbas de Dacosta, a respeito da lingua vehicular das crianzas. Unha medida que foi declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. 
Desde 2009 a Xunta de Galiza implementou políticas encamiñadas a "combater" a presenza do galego no ensino, denuncian desde a CIG
No curso 2009-2010 a Consellaría de Educación, encabezada por Jesús Vázquez, reducíu as contías dos premios de innovación en lingua galega, iniciou o proceso de recortes ás equipas de normalización lingüística --que pasarían a se denominar de dinamización-- e presentou as bases para o que sería o Decreto de Plurilingüismo. 
Da man desta norma prohibiríase a impartición en galego das materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía para o que o goberno habilitaría unha liña de axudas para a compra dos novos libros por valor de 5 e 8 millóns de euros. Un diñeiro "dilapidado", denuncian desde a central sindical nacionalista. 
Aliás, no seguinte curso académico (2010-2011) poríase en andamento a Orde de Centros Plurilingües como unha "estratexia" dirixida a "reducir a presenza" da lingua galega nas aulas, apuntan desde a CIG-Ensino. Logo viría a LOMCE e con posterioridade o despedimento do profesorado CELGA, un conflito aínda por resolver no que a xustiza deu a razón @s traballador@s. 
Manifestación o 8 de febreiro
Para a central sindical maioritaria no ensino o obxectivo destas medidas desenvolvidas polo goberno Feijóo é "combater o idioma" e con el "a cohesión nacional" en tanto que elemento chame no fortalecemento da "conciencia" de "sermos donos do noso futuro como pobo". 
Razón, afirmou Anxo Louzao, pola que chaman a cidadanía galega e a comunidade educativa, especialmente, a se sumar á mobilización convocada por Queremos Galego na defensa da lingua propia. O secretario nacional da CIG-Ensino urxe un "cambio de rumo" na política lingüística da Xunta e mudanzas lexislativas que equiparen a lingua galega a calqueroutro idioma. A comezar, salientou, polo cumprimento do actual marco legal, nomeadamente do Plan Xeral de Normalización lingüística que en 2014 cumpriu unha década. 

A Mesa peta esta cuarta feira na porta da ONU denuncia nas Nacións Unidas a "discriminación" do galego

Presentará un relatorio sobre a situación lingüística en Galiza e dará conta das denuncias presentadas pola asociación nos últimos anos. 

Esta cuarta feira (21 de xaneiro), a Mesa pola Normalización Lingüística participa en Xenebra na Revisión Periódica Universal das Nacións Unidas. Un encontro no que será avaliado o grao de cumprimento dos dereitos humanos no Estado español. Neste senso, tamén a respeito dos dereitos lingüísticos de nacións como Galiza onde existe un idioma propio. 
"A discriminación por razóns lingüísticas é un ataque aos dereitos humanos e é indicativa dunha visión de supremacismo lingüístico que se está a reforzar nos últimos tempos", afirmou pouco antes de partir para a sede das Nacións Unidas o presidente da Mesa, Marcos Maceira. 
Xunto con representantes dos territorios que conforman a Rede Europea pola Igualdade Lingüística (ELEN) --constituída en 2011-- a delegación galega intervirá para presentar o seu relatorio a respeito da realidade lingüística que vive o país e dará conta perante a organización internacional da "discriminación" que atinxe o galego, apuntou Maceira. 
O informe que presentará a Mesa pola Normalización Lingüística recolle múltiples casos de "discriminación" polo uso do galego, quer na administración, quer na xustiza ou as aulas
Así é que a Mesa pola Normalización Lingüística presentará as denuncias recollidas durante os anos 2012 e 2013. Entre eles, retrasos en operacións por solicitar a autorización en lingua galega, denegacións de bolsas pre-doutorais por presentar o título universitario en galego ou ameazas en oposicións por utilizar o idioma propio. 
Aliás, describirán perante as Nacións Unidas os "retrocesos" a respeito da oficilidade do galego que se están a viver baixo o actual goberno da Xunta, tales como os decorrentes após a aplicación do decreto 79/2010 para o plurilingüismo. 
Para a organización en defensa do idioma, após avaliar os casos recollidos no informe, fica en evidencia que as "autoridades españolas encoraxan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos", como a xustiza. 
A sesión será retransmitida en streaming através da web das Nacións Unidas á que se pode acceder através desta ligazón

martes, 20 de xaneiro de 2015

Un cable promete axilizar a recarga dos nosos trebellos por USB

Aínda que á hora de recargar a batería dos nosos dispositivos móbiles tendemos a fixarnos principalmente na calidade e potencia do seu cargador, un proxecto de micromecenado en Indiegogo dá conta da importancia do cable, e así lanzaron unhacampaña para financiar o seu SONICable, que nunha semana xa ten multiplicado por 16 a cantidade precisa para que este produto poida ver a luz no mes de marzo.
Este cable de carga presume de ser o máis avanzado do mercado e comercializarase en varias cores e en dous modelos: un para dispositivos con Android (con micro USB) e outro para trebellos con iOS (con conector Lightning).
O cable integra un conmutador para poder desactivar a sincronización de datos
Pero o terminador que vai conectado ao noso dispositivo móbil non é o que define a esta curiosa solución, senón o feito de que no outro extremo ter un conector USB reversible e no propio cable de 1,2 metros ten un interruptor que permite desactivar a conectividade de datos do cable. Este último elemento é o que promete conseguir mellores tempos de carga, xa que ao desactivar a sincronización de datos o cable aproveitaríase unicamente para a carga, o que podería reducir o tempo de carga á metade se o comparamos aos cables que normalmente inclúen os nosos trebellos. O prezo deste cable a través de Indiegogo é de 27 dólares (28,45 euros con gastos de envío incluídos) e a velocidade de carga que promete é máis que discutible (é de agardar que só cargue máis rápido nalgúns portos USB de ordenador, mentres que cun cargador autónomo non habería diferenza con respecto a outro cable calquera de certa calidade).

O alumnado galegofalante presume de lingua

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta a campaña Presume de Galego, que ten como obxectivo que os galegofalantes máis novos poñan en valor o uso que fan da lingua. A iniciativa está dirixida ao alumnado de calquera etapa educativa, de calquera centro de Galicia ou de fóra, que teña o galego como primeira lingua. Para participar, o alumnado debe gravar un audio dun tempo máximo de 1 minuto, preferiblemente en mp3, e cargalo na sección “Colaboración” da páxina web da campaña.

A "nova emigración" galega baleira de mozos un país "estancado"

Galicia afronta un "fenómeno de nova emigración" nos últimos tempos, tal e como destaca o Foro Económico de Galicia nun novo informe de conxuntura económica que analiza as cifras ao remate do terceiro trimestre de 2014. Tal e como destaca o colectivo, o final dese período saldouse no país cunha caída de 21.100 persoas na poboación activa entre os 25 e 34 anos, dos que case unha terceira parte son mozos e mozas con estudos superiores.
O país perdeu 21.100 activos de entre 25 e 34 anos, unha terceira parte deles con estudos superiores
A emigración, que non deixou de medrar en Galicia desde o comezo da crise, débese á situación de "estancamento" da economía galega, xustificada segundo o Foro nese "crecemento nulo, do 0% do PIB" nese terceiro trimestre con respecto dos meses anteriores, o que rachou coa lixeira e mínima tendencia de medre anterior e desde 2012. O coordinador do devandito informe, o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, destaca que este empeoramento débese á febleza do comercio exterior e ao seu comportamento empeorado. Un crecemento "freado" e que sempre estaba ligado ao que ocorre con poucas e grandes empresas como Citroën en Inditex.
"O débil comportamento do sector exterior non permite compensar a demanda interna como até o de agora", advirte o Foro
"A causa fundamental para esta evolución do PIB galego atópase no débil comportamento do sector exterior que non permite compensar a demanda interna, como viña acontecendo ata o de agora. As taxas de variacións de exportacións e importacións foi dun 1,1 e 1,0%, respectivamente, fronte ao 11,6 e 9,0 do ano pasado", engade o estudo.
Ademais, o Foro Económico de Galicia destaca que este estancamento compénsase un chisco polo lixeiro aumento do consumo nas familias e na demanda interna, pero advirte de que isto provoca tamén que se "baleire o colchón" do aforro e aumente o "endebedamento" dos fogares, así como as dúbidas que se crean na cidadanía sobre o futuro económico.
Con todo, existe en Galicia un aumento do 0,4% na actividade produtiva en comparativa interanual, o que se traduciu no terceiro trimestre de 2014 nunha mellora das afiliacións e un crecemento do emprego.
Os parados de moi longa duración aumetaron nun 8% no último ano e suman xa máis de 105.000 galegos
Non obstante, parece difícil falar de recuperación de ter en conta o número de parados de moi longa duración -aqueles que levan máis de dous anos en desemprego- e cuxa cifra aumentou un 8% até acadar máis de 105.000 parados e que supoñen máis do 40% do total de persoas sen traballo, 5,5 puntos máis que o estimado no mesmo período do ano anterior.
No mesmo sentido, o Foro repara na "confirmación" do retroceso do sector industrial en Galiciaxa que, "tras un 2013 onde foi a rama co mellor comportamento, experimentou en 2014 taxas de variación negativas que chegaron no terceiro trimestre ao 3,1%". Só repunta o sector servizos con taxas de variación positivas en todos os trimestres de 2014 (1,9% no terceiro) "contrastando coa evolución negativa que experimentara nos dous anos precedentes".
Por outra banda, na presentación do informe, os economistas galegos aseguraron non estar "nada" preocupados pola actual deflación xa que, como explicou o director do Foro e catedrático da Universidade de Vigo, Santiago Lago Penas, esta será temporal ao estar vinculada co prezo do petróleo, que "volverá subir" nalgún momento. Máis lles preocupa que o conxunto da demanda na UE "non se estea comportando de forma expansiva", debido a que, se a recuperación depende do aforro dos fogares, "esa recuperación ten un límite".

A precaria situación do galego chega este mércores á ONU

A discriminación do galego será analizada pola ONU este vindeiro mércores. A delegación de ELEN (European Language Equality Network) será quen achegue os datos sobre a precaria situación do galego na Revisión Periódica Universal das Nacións Unidas e onde o informe de dereitos humanos presentado polo Estado español será revisado polo Reino Unido, Serra Leoa e Macedonia.
No devandito informe, a delegación de ELEN -da que forma parte A Mesa pola Normalización Lingüística e cuxo presidente, Marcos Maceira, estará presente- presentará un relato con casos concretos de discriminación lingüística nos territorios con idioma propio diferente do castelán no Estado. No caso do galego, incluiranse as demoras en operacións médicas por solicitar a autorización en lingua galega, as denegacións de bolsas predoutorais por presentar o título universitario en galego ou as ameazas en probas de oposicións por empregar o idioma propio.
O informe inclúe casos de discriminación de galegofalantes na sanidade pública, no ensino ou en oposicións
Todos eles, son casos xa denunciados por A Mesa entre 2012 e 2013, pero no informe incluiranse tamén referencias aos "retrocesos a respecto da oficialidade do galego que está a impulsar o actual goberno da Xunta" no ámbito do ensino, como o decreto do plurilingüismo que limita o uso da lingua propia nas escolas.
Segundo A Mesa, estes casos que serán expostos ante a ONU "non son máis que unha parte da totalitade da discriminación que se producen realmente, xa que en moitas ocasións, as vítimas destes abusos ilegais non o denuncian, e a información tampouco chega ás entidades en defensa da lingua ou aos medios de comunicación".
Nos tribunais, como destaca a entidade, "a situación é especialmente grave". Así, lembra que xa se denunciaron casos como a non aceptación dunha demanda en Vigo por estar feita en galego ou o dun xulgado catalán que retirou a custodia dunha filla ao pai, alegando que lle falaba en catalán para separala da nai.
O informe conclúe que as autoridades do Estado "fomentan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos"
O informe será presentado pola Rede Europea pola Igualdade Lingüística (ELEN), que se constituíu en 2011 para traballar na protección e promoción das nacións sen estado de Europa e as linguas en minorizadas e que representa 44 linguas en 21 Estados europeos. Nel, chégase á conclusión de que as autoridades españolas "fomentan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos" e detalla casos da discriminación sufrida por falantes de galego, catalán, éuscaro, aragonés ou asturiano.
Ademais, advirte que a xudicatura, a policía, o sistema educativo e a sanidade pública son "permeables a actitudes non igualitarias que acaban traducíndose acotío en comportamentos abusivos e inapropiados". A ELEN conclúe no estudo que, logo da gran cantidade de probas detalladas en diferentes áreas, resulta claro que "a discriminación contra as linguas propias diferentes do español é sistémica desde o propio Estado, e que esta discriminación está institucionalizada".
A Rede tamén advirte da dificultade e hostilidade que a xustiza española supón para defender os dereitos dos falantes de linguas diferentes ao castelán e enumera unha serie de artigos de diferentes tratados internacionais das Nacións Unidas que "cando menos son violados frecuente e sistematicamente polas autoridades españolas", como o artigo 7 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, dous máis da Convención sobre os Dereitos do Neno ou o primeiro da Declaración sobre os Dereitos das Persoas Pertencentes a Minorías Nacionais ou Étnicas, Relixiosas ou Lingüísticas. Máis de quince artigos que serían incumpridos habitualmente.
O estudo enumera máis de quince artigos de tratados da ONU que serían incumpridos no ámbito lingüístico en España
A sesión da Revisión Periódica Universal da ONU celebrarase en Xenebra (Suíza) o vindeiro mércores a partir das nove da mañáe tratará sobre o cumprimento dos deberes do Estado en relación cos dereitos humanos, tamén cona lingua. Ademais da Mesa, a delegación de ELEN estará composta por Ferran Suay (Acció Cultural del País Valencià ­ ACPV), , Rosa de les Neus Marco (Plataforma per la Llengua, Cataluña), Francesc Felipe, Jaume Fullana e Natxo Badenas (Escola Valenciana).
“A discriminación por razóns lingüísticas é un ataque aos dereitos humanos e son indicativos dunha visión de supremacismo lingüístico que se está a reforzar nos últimos tempos, e en Galiza promovida por un goberno que ademais ten a obriga legal de defender o galego", dixo este luns Marco Maceira, que cre que é "lamentábel que aínda se produzan situacións como as que se denunciarán perante a ONU e que sexan entidades como A Mesa quen actúen para estes casos sexan coñecidos pola comunidade internacional”.
O presidente da Mesa indicou tamén que ademais da denuncia internacional "cómpre unha resposta ampla e contundente por parte da sociedade galega", á que chamou a participar tanto nos diferentes actos que a plataforma Queremos Galego.

A Mesa denuncia o Estado español perante a ONU por vulnerar os dereitos do galego

A MNL leva o 21 de xaneiro ao Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas a denuncia das vulneracións e incumprimentos por parte dos poderes públicos en materia lingüística.

O vindeiro 21 de xaneiro, o Comité de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas recibirá unha denuncia das vulneracións e incumprimentos do Estado español no campo lingüístico. O Comité terá nas súas mans o informe e relatorio das vulneracións en materia lingüística referentes ás tres linguas cooficiais. Será en Xenebra e da man dunha delegación de Elen na que participará a Mesa pola Normalización Lingüística, co seu presidente ao fronte, Marcos Maceira. Elen é unha organización que aglutina diferentes entidades – de Euskal Herria, Catalunya, Valencia...- de defensa dos diferentes idiomas do Estado español.
Cada certo tempo o Comité de DDHH reúnese para avaliar o cumprimento dos diferentes estados que integran a ONU en dereitos humanos. O 21 deste mes realizarán unha desas xuntanzas e por iso a MNL con Elen van estar presentes ese día para denunciar os incumprimentos do Estado español en materia lingüística.
Cidadáns de pleno dereito
Desde A Mesa lembran que hai motivos de abondo para esta denuncia, como o incumprimento por parte do Estado español da Carta Europea das Linguas ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, do incumprimento dos dereitos lingüísticos polas administracións do Estado e mesmo da regresión que se está a producir a respecto do galego por parte de medidas e políticas adoptadas pola Xunta (como o ‘decretazo’ no ensino). “Se optas por vivir en galego non es un cidadán de pleno dereito. Que acceso tes ao galego, por exemplo, na Xustiza, ou mesmo nun ensino no que mesmo hai materias que se prohibe que se impartan en galego?”, indican desde a entidade que preside Marcos Maceira.
A European Language Equality Netwkork presenta a denuncia da que fai parte a Mesa
A MNL dá o paso de “internacionalizar” o que está a acontecer co galego: “Os poderes encarregados de protexer e de promover o galego están a facer todo o contrario, non cumpren con esas obrigas. Por iso se orixina esta denuncia”.
Compromiso
A Mesa non vai estar sola o vindeiro día 21 de xaneiro. A European Language Equality Netwkork, entidade que presenta a denuncia, formouse en Estrasburgo en 2011, substitúe o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos

luns, 19 de xaneiro de 2015

A aplicación web de xestión das aulas CeMIT, a disposición de quen queira usala, mellorala ou adaptala á súa contorna

Xa temos un novo programa aberto a disposición da nosa comunidade, con todo o que iso implica (cousas como a posibilidade de usalo, enriquecelo ou adaptalo ás nosa necesidades máis concretas). Falamos desta volta da aplicación web de Xestión de Aulas (XEA) deseñada para a as aulas da rede CeMIT. A ferramenta en cuestión vén de ser publicada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no Repositorio de Software Libre da Xunta. Neste acubillo en liña, informa a axencia, está xa dispoñíbeis con licenzas libres tanto o código fonte completo da aplicación como a súa documentación. A idea de AMTEGA é facer posíbel as segundas e terceiras vidas para a aplicación en calquera outra iniciativa semellante á rede CeMIT.
Ao mesmo tempo, ábrese o vieiro para iniciativas de colaboración “que permitan a mellora da ferramenta e a incorporación de novas funcionalidades”. 
Como lembraremos, a rede CeMIT é unha iniciativa que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, impulsando, ofreciendo formación pública e de balde en novas tecnoloxías a cidadáns e empresas. Ten rexistrados máis de 40.000 usuarios e leva impartidas máis de 144.000 horas de formación. 
XEA facilita a xestión de todos os recursos da redes, adaptándose ás necesidades de axentes TIC e usuarios. “Por unha banda”, informa AMTEGA, “a aplicación permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan nos distintos centros da rede, a inscrición nas mesmas, apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos”. Por outra banda, explica a axencia, “facilita aos axentes TIC, responsables dos centros e das actividades a organización da súa actividade diaria”.
XEA é unha adaptación, desenvolvida por Fundetec para a AMTEGA, da aplicación ISIS que Fundetec desenvolvera previamente para a xestión do programa CyLDigital da Xunta de Castela e León. O código fonte pode ser descargado dende a páxina do proxecto no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.

A AGAL debate se participa ou non na manifestación de Queremos Galego

A AGAL (Associaçom Galega da Língua) debate se participa ou non como colectivo na manifestación que a plataforma Queremos Galego convocou para o vindeiro 8 de febreiro en Compostela. O colectivo reintegracionista vén de abrir un espazo na Rede para que sexan os seus asociados os que decidan se a entidade "deve ter umha presença coletiva, com faixa e material próprio, ou nom nesta mobilizaçom concreta".
A AGAL abriu un espazo de debate na web ata o vindeiro domingo no que os seus socios decidirán se o colectivo participa na manifestación
Malia que a AGAL non forma parte de Queremos Galego, si ten participado e apoiado varias das súas importantes mobilizacións recentes, como as que se levaron a cabo contra o decreto do plurilingüismo ou polo Día das Letras en 2013. A entidade aclara aos seus socios que sempre que se manifestou xunto á plataforma fíxoo "com umha atitude positiva, com a vontade de indicar que nom só é necessário superar ostatu quo atual da língua na Galiza, como também a estratégia desenhada nas últimas décadas".
E é precisamente ese necesario cambio de estratexia que reivindica o que non ven entre as demandas e o que leva agora a AGAL a abrir un debate interno que, nestas e outras cuestións, xa solicitaron varios dos seus asociados nos últimos tempos. A entidade reintegracionaista insiste en que as dúbidas non son tanto sobre a mobilización en si, senón sobre o contido da mesma. Así, asegura que "a convocatória só atinge umha parte da 'problemática' e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental" e, aínda que recoñece "muitos avanços" nestes últimos trinta anos, tamén cre que "a estratégia que nos afasta do nosso tronco comum galego-português é enormemente pouco eficaz".
"A convocatória só atinge umha parte da 'problemática' e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental", di AGAL
"Do Conselho partilhamos muitas das reivindicações expressadas na convocatória, como o pouco dinamismo do governo galego ou a petiçom de retirada do decreto no ensino, mas também é certo que há outras que continuam a insistir na estratégia errada dos últimos anos, como o caso de pedir a aplicaçom de um obsoleto Plano Geral de Normalizaçom", cre a AGAL, que mantén aberto este espazo de debate na Internet ata o vindeiro domingo e que decidirá a súa participación como colectivo ou non segundo os resultados que aí se acaden.
A entidade pregúntase se non sería bo cambiar impresións entre colectivos antes de convocar a mobilización
Entre as dúbidas que levaron a entidade a abrir o debate está tamén a "forma" ao entender queu se o que se procura é "umha açom coletiva o mais eficaz possível de todo o movimento que trabalha em favor do galego, nom seria redundante fazer umha troca de impressões antes de convocar". AGAL foi consultada 24 horas antes de ter sido convocada a manifestación, segundo aclara, malia destacar a boa relación que mantén e mantivo sempre con Queremos Galego.
No debate aberto ata este domingo 25 pode participar calquera persoa, pero só os asociados á AGAL poderán participar e votar nunha reflexión da que xurdirá a decisión final da entidade reintegracionista. 

Adega pide alimentos ecolóxicos nos comedores escolares e critica a Lei Mordaza

A organización ecoloxista completou a súa asemblea, na que renovou a dirección que se encargará dos actos do 40 aniversario e tamén pediu a saída de Ence da Ría de Pontevedra.

O pasado sábado tivo lugar a 39 Asemblea Xeral de ADEGA, que se elixiu unha nova Xunta Directiva que organizará neste 2015 os actos polo 40 aniversario da asociación ecoloxista galega, que segue presidida por Virxinia Rodríguez con Xandro García como vicepresidente. Así mesmo entregaron os premios Osíxeno 2014 e aprobaron varias declaracións, como en contra da Lei Mordaza ou a favor da introdución de alimentos ecolóxicos do país nos menús escolares. 
"Os alimentos ecolóxicos non son máis caros que os da agroindustria e favorecen á economía do país"
Así, Adega insta ás administracións a “introduciren os alimentos ecolóxicos e de produción local nos menús escolares e anima ás ANPAS a reclamaren unha alimentación máis saudábel e vencellada á terra”. “Consumir alimentos ecolóxicos, de tempada e de produción local nos comedores escolares non só é máis beneficioso para as crianzas, senón tamén para o noso agro, o ambiente e a economía do país, e en absoluto resulta máis caro que os alimentos procedentes da agroindustria”, engade. 
Ademais, Adega criticou á chamada Lei Mordaza por seren “un ataque contra as liberdades civís e os dereitos fundamentais. A norma, aprobada en solitario polo PP, lembra aqueloutra Lei de Orde Pública franquista de 1959, mais coma co réxime que lle deu acubillo, tamén acabará caendo. Trátase dun golpe de estado encuberto para perpetuar no poder ao PP mediante a criminalización da protesta e a instauración dun estado policial, unha aberración democrática”. 
Tamén se amosou a organización ecoloxista contra o Tratado Transatlántico Investimento e Libre Comercio (TTIP) que a UE está a negociar cos EUA e Canadá. “Estes acordos estanse a negociar de costas á cidadanía para ceder ás grandes empresas parcelas enteiras de soberanía dende os estados”, di Adega, que volveu pedir a marcha de Ence da ría de Pontevedra e criticou o Plan de Desenvolvemento Rural da Xunta. 
Premios
A asemblea rematou coa entrega dos premios Osíxeno, que foi en individual para Xosé Luis Rodríguez Domínguez, presidente de Asoar-Armega (Asociación de Armadores de Artes Menores de Galiza); en colectivo para a Plataforma Sarriana polo Río e o de Honra para Xosé Manuel Penas Patiño, membro histórico da Sociedade Galega de Historia Natural.

“Polas fillas dos nosos fillos”, lema da manifestación pola lingua do 8 de febreiro

“Polas fillas dos nosos fillos” é o lema co que Queremos Galego convoca a manifestación polo futuro da nosa lingua o vindeiro 8 de febreiro. O manifesto está a sumar apoios a través da rede. 

A manifestación polo futuro da nosa lingua e contra a política regresiva en materia lingüística do PP xa ten lema. “Polas fillas dos nosos fillos” presidirá a convocatoria para a que xa se están a sumar apoios de entidades e particulares a través das redes sociais nas que se está a difundir o manifesto. O lema foi escollido entre os recibidos a través dunha convocatoria aberta de propostas por parte de entidades e particulares. Un programa de actos en distintas localidades animará á participación nunha manifestación que quere mostrar a dimensión da defensa da nosa lingua nunha situación que a organización define como “crítica”.
“A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza sente un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego”, denuncia o manifesto que parte dos dados da enquisa do Instituto Galego de Estatística que confirman o grande descenso de falantes no que definen como “o lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua”. 
Compromisos reais e accións concretas
Compromisos reais e accións concretas é o que se reclama nun momento en que “é urxente actuar, tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para parar esta desfeita”. 
De cara a futuro, con ese “fillas dos nosos fillos” que reclama a transmisión a xeracións vindeiras, desde Queremos Galego diríxense á política lingüística da Xunta para criticar o decreto que evita o ensino en galego, o papel da televisión pública ou a ausencia de materiais como xogos, filmes ou revistas na nosa lingua ou a imposibilidade de escolarización na nosa lingua. 
“Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sitúanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social”, defenden de cara unha manifestación que quere mostrar a forza da defensa do futuro da lingua. 

A Mesa denuncia o Estado español perante a ONU por vulnerar os dereitos do galego

A MNL leva o 21 de xaneiro ao Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas a denuncia das vulneracións e incumprimentos por parte dos poderes públicos en materia lingüística.

O vindeiro 21 de xaneiro, o Comité de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas recibirá unha denuncia das vulneracións e incumprimentos do Estado español no campo lingüístico. O Comité terá nas súas mans o informe e relatorio das vulneracións en materia lingüística referentes ás tres linguas cooficiais. Será en Xenebra e da man dunha delegación de Elen na que participará a Mesa pola Normalización Lingüística, co seu presidente ao fronte, Marcos Maceira. Elen é unha organización que aglutina diferentes entidades – de Euskal Herria, Catalunya, Valencia...- de defensa dos diferentes idiomas do Estado español.
Cada certo tempo o Comité de DDHH reúnese para avaliar o cumprimento dos diferentes estados que integran a ONU en dereitos humanos. O 21 deste mes realizarán unha desas xuntanzas e por iso a MNL con Elen van estar presentes ese día para denunciar os incumprimentos do Estado español en materia lingüística.
Cidadáns de pleno dereito
Desde A Mesa lembran que hai motivos de abondo para esta denuncia, como o incumprimento por parte do Estado español da Carta Europea das Linguas ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, do incumprimento dos dereitos lingüísticos polas administracións do Estado e mesmo da regresión que se está a producir a respecto do galego por parte de medidas e políticas adoptadas pola Xunta (como o ‘decretazo’ no ensino). “Se optas por vivir en galego non es un cidadán de pleno dereito. Que acceso tes ao galego, por exemplo, na Xustiza, ou mesmo nun ensino no que mesmo hai materias que se prohibe que se impartan en galego?”, indican desde a entidade que preside Marcos Maceira.
A European Language Equality Netwkork presenta a denuncia da que fai parte a Mesa
A MNL dá o paso de “internacionalizar” o que está a acontecer co galego: “Os poderes encarregados de protexer e de promover o galego están a facer todo o contrario, non cumpren con esas obrigas. Por iso se orixina esta denuncia”.
Compromiso
A Mesa non vai estar sola o vindeiro día 21 de xaneiro. A European Language Equality Netwkork, entidade que presenta a denuncia, formouse en Estrasburgo en 2011, substitúe o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos

A Consellaría de Cultura convoca, a través da Fundación Cela, un concurso literario só en español

A Consellaría de Cultura promove un concurso literario só en español. Faino a través da Fundación   Cela, entidade de carácter público cun padroado presidido polo Conselleiro de Cultura. 

“Cultura e Educación, a través da Fundación Camilo José Cela, arranca o ano cunha intensa programación na que destaca a conmemoración do XIII aniversario do pasamento do Premio Nobel padronés”, é o título da información que a propia Consellería recolle na súa páxina web, anunciando a programación da Camilo José Cela na que se inclúe un concurso de microrrelatos nas categorías infantil, xuvenil e adultos só en idioma español. A programación inclúe tamén a “tradicional misa funeral” na Igrexa de Santa María de Adina que se desenvolverá o vindeiro día 22 ás 19 horas. Segundo a Consellaría, no programa de actividades “destaca a conmemoración do XIII aniversario do pasamento do Premio Nobel padronés”.
A programación prepara, no ano previo, o centenario do nacemento de Camilo José Cela e, nesta edición, o concurso de microrrelatos homenaxeará a obra “Viaje a la Alcarria” polo que os pequenos relatos terán que comezar co inicio dese libro do Nobel: El viajero está echado, boca arriba, sobre una chaise-longue forrada de cretona…”. A plataforma creada arredor do concurso, microrrelatosfcjc.com,  está operativa desde este sábado pasado. 
A Xunta reservou nos orzamentos de 2015 unha partida de 257.294 euros para a Fundación Cela, fundación de carácter público despois de ser rescatada polo goberno galego, que conta cun padroado presidido polo conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez. 

venres, 16 de xaneiro de 2015

Xiaomi leva os seus tabletófonos até a excelencia

Xiaomi celebrou nas últimas horas un grande evento para dar a coñecer as súas novidades, demostrando unha vez máis que son quen de deseñar dispositivos moi elegantes e potentes, que conseguen facerse co favor do público chinés e doutros países aos que van achegando os seus produtos pouco a pouco (aínda que parece aínda lonxe o día no que comercializarán os seus trebellos en Europa).
O terminal máis destacable da compañía chinesa é agora o Mi Note, que podería considerarse como un competidor directo do iPhone 6 Plus polo seu tamaño, pero sen buscar a copia como no pasado, e chegando a superar ao produto de Apple en moitas prestacións e incluso en detalles de deseño xa que, por exemplo, o Mi Note non só é máis delgado e máis lixeiro que o iPhone 6 Plus, senón que a súa cámara carece da antiestética protuberancia que ten o produto da compañía da mazá, ou sexa, que o seu sensor, pese a gozar tamén de estabilización óptica de imaxe, conseguiu manter un tamaño reducido (non tendo que sobresaír do grosor do terminal).
O Mi Note chega cunha pantalla Full HD de 5,7 polgadas fabricada por Sharp/JDI e recuberta por un cristal curvo 3D con protección Gorilla Glass 3, ten un marco metálico, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 a 2,5 GHZ, gráfica Adreno 330, 3 GB de RAM, 16/64 GB de almacenamento interno, cámara traseira Sony de 13 Mpíxeles con estabilización óptica e flash Philips de 2 tons, cámara frontal de 4 Mpíxeles, audio de alta fidelidade, batería de 3.000 mAh con carga rápida, dobre SIM con soporte de LTE (unha das tarxetas en formato micro SIM e a outra en formato nano SIM), un peso de 161 gramos e un grosor de 6,95 milímetros. O seu prezo será de 2.299 iuans (318 euros) para o modelo con 16 GB de almacenamento interno e de 2.799 iuans (387 euros) con 64 GB de almacenamento interno.
Pero Xiaomi non deixará este smartphone aí, senón que tamén ofrecerá unha versión máis potente, o Mi Note PRO, que conta xa con LTE de categoría 9 (permitindo descargas até a 450 Mbps), a súa pantalla de 5,7 polgadas leva a súa resolución até os 2.560 x 1.440 píxeles (dando a impresión de que tamén quere medirse con Samsung Galaxy Note 4), procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 64 bits e 8 núcleos, gráfica Adreno 430, 4GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, por un prezo de 3.299 iuans (456 euros). Temos aquí un dispositivo que demostra que Xiaomi tamén podo perseguir a excelencia e medirse cos xigantes do sector chegando incluso a superar a elegancia do seu deseño e adiantándoos en prestacións.