A CIG-Ensino denuncia tamén a marxinación do noso idioma na Circular dirixida aos auxiliares de conversa.
A modificación da carga lectiva dalgunhas
materias que provocou a implantación da LOMCE ten como consecuencia a
diminución do horario de impartición en lingua galega, xa de por si moi
reducido por mor da imposición do Decreto 79/2010. Por esta razón, a
CIG-Ensino vén de exixirlle ao conselleiro de Educación unha actuación
de urxencia para que a Xunta adecúe as áreas que hai que impartir
obrigatoriamente na nosa lingua e levante o veto para impartir certas
materias en galego, nomeadamente Matemáticas, Física e Química e
Tecnoloxía. A CIG-Ensino advirte que, se esta corrección non se produce,
levará a cabo os procedementos legais correspondentes.
Coa LOMCE, a anterior materia denominada Ciencias Naturais, con
7 sesións lectivas (4 en 1º da ESO e 3 en 2º) pasa agora a desagregarse
en Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química, reducindo a súa carga
lectiva a seis sesións: 4 en 1º da ESO e 2 en 2º, no caso de Bioloxía e
Xeoloxía, e ningunha en Física e Química, materia para a que o Decreto
79/2010 prohibe o uso da nosa lingua. Esta situación provoca a
diminución do horario en lingua galega, xa de por si moi reducido por
mor da imposición do Decreto 79, sen que a Consellaría teña adoptado
ningunha medida para garantir o emprego da nosa lingua na xa exigua
carga lectiva que lle permite o dito decreto.
Circular enviada aos centros en español
A CIG-Ensino reclama tamén a rectificación urxente da Dirección Xeral de Educación que dirixiu unha circular aos centros, dirixida aos auxiliares de conversa escrita exclusivamente en español. “Trátase dunha decisión totalmente desapropiada, mesmo porque esta circular en español até lles foi enviada aos auxiliares de conversa en portugués –explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino- Significa unha renuncia ao noso idioma , un incumprimento da normativa no relativo á lingua oficial da Administración e unha decisión interesada ao ocultarlle ás persoas que realizan este labor a existencia e o estatus da nosa lingua propia”.
“Todas estas actuacións son novas mostras do desleixo da Consellaría de Cultura e Educación co noso idioma, desentendéndose e mesmo actuando en contra do que debe ser a súa obriga primeira: velar pola normalización plena e efectiva da lingua de noso. Por isto, a CIG-Ensino esixe a rectificación inmediata, ampliando as materias a impartir en lingua galega, e o envío da circular no noso idioma”, engade Anxo Louzao.

Ningún comentario:
Publicar un comentario