xoves, 27 de setembro de 2012

Twitter tamén estará en galego



A rede social terá a súa versión en lingua galega logo de que miles de usuarios esixisen durante meses á compañía estadounidense a tradución dos seus servizos, campaña á que se adheriu, e que apoiou, a Xunta de Galicia.
Twitter xa pode ser traducido ao galego. A compañía estadounidense abriu o pasado día 19 o seu Centro de Tradución ao noso idioma para que os seus servizos podan ser ofrecidos na nosa lingua. Para iso será necesario o traballo de voluntarios a través do Twitter Translation Center, servizo no que as traducións se aproban automaticamente mediante un algoritmo que ten en conta os votos da comunidade de usuarios.
Xunto co galego incorpóranse outros quince idiomas, entre os que están o gaélico irlandés moderno e o galés, ademais do tamil, serbio, búlgaro, kurdo, vietnamita, croata, romanés, letón, canarês, bielorruso, bengalí, albanés e eslovaco.
O galego era, até a citada data, a única lingua oficial do Estado que non fora considerada polos responsables de Twitter. Castelán, éuscaro e catalán xa tiñan a súa versión en Twitter, mais o galego fora ignorado malia a campaña que durante meses mantivo activa a conta @tweet_en_galego –seguida por case 15.000 usuarios– a prol da nosa lingua e secundada por miles de persoas que utilizaron etiquetas que se fixeron populares e mesmo chegaron a ser tendencia, como #TwitterEnGalego.
Cabe tamén salientar o apoio e adhesión da Xunta de Galicia á iniciativa. Así, no marco da campaña "Redes sociais en galego", presentada no mes de xullo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, promoveuse que desde a Presidencia da Administración autonómica e desde diferentes entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia se lle remitisen cartas a Twitter solicitando a galeguización da ferramenta de comunicación social.
O Goberno galego sumouse deste xeito aos colectivos, cidadanía e redes sociais que reivindicaron a posibilidade de poderen traducir o Twitter ao galego. Logo desta petición, que recompilou máis de 3.000 sinaturas no web www.change.org/es/peticiones/twitter-en-galego-xa, o propio Twitter vén de comunicar a súa autorización.

Información tirada de Galicia Confidencial e mais do web da SXPL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario