mércores, 19 de setembro de 2012

A "recentralización" e o "sectarismo" que veñen coa nova reforma educativa


O "escurantismo" e a "recentralización" que agocha a futura reforma da lei orgánica educativa que prepara o Goberno estatal preocupa os sindicatos educativos. Son as continuas filtracións á prensa, e algunha declaración illada de membros do Executivo, as que están empezando a desvelar o contido dunha modificación -a sétima da democracia- que pretende que o Estado impoña máis contidos escolares ás autonomías, así como xeneralizar as reválidas dos alumnos en varias etapas educativas.
O Goberno central pretende impoñer máis contidos ás autonomías e podería decidir até o 65% do que se estuda en Galicia
Xa a pasada semana, El País adiantaba que o Goberno pretende, coa reforma da LOE, aumentar a porcentaxe mínima de contidos fixados polo Estado nos currículos escolares, desde a educación primaria até o bacharelato e a FP. A medida suporía diminuír a marxe de manobra que as autonomías teñen agora para completar os contidos escolares, tal e como recolle o borrador desta lei orgánica educativa preparado polo Ministerio de Educación. Así, e segundo o diario, o Executivo de Madrid pasaría a fixar "os contidos comuns necesarios para a adquisición das competencias básicas", pasando do 55% actual nas comunidades autónomas con lingua propia -como Galicia- ao 65%, e aumentando estes contidos comúns do 65% ao 75% no resto de autonomías.
A medida afectaría a todas as materias, desde Matemáticas até Coñecemento do Medio, pasando pola polémica Educación Cívica e Constitucional, que substitúe a Educación para a Cidadanía. E supón unha modificación máis da que aínda non ten coñecemento a comunidade educativa e, por suposto, tampouco os sindicatos. "Estanse facendo moitos anuncios antes de que as cuestións sexan debatidas e analizadas por todas as institucións educativas", destaca José Fuertes, responsable de Acción Sindical de Ensino Público de CCOO-Galicia, que insiste en que non ten "nin idea" das propostas oficiais porque "non foron presentadas publicamente polo Goberno". No mesmo sentido se manifesta Marcelino Brea, secretario xeral de FETE-UGT na comunidade, ao que non lle parece "axeitada" a forma na que o Executivo está a presentar a nova lei educativa, "sacándoa aos poucos nos medios sen que pase polos órganos de negociación". Para Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, "a columna vertebral que se coñece" desta nova normativa supón "unha contrarreforma, un ataque ao ensino público e un desatino, tanto desde o punto de vista social como pedagóxico".
Os sindicatos ven na medida "un erro pedagóxico" e un "intento de recentralización"
A pretención do Goberno de aumentar a súa intervención no currículo escolar dos cativos é unha vella teima do PP. Desde hai tempo. "Non pode ser que en España haxa 17 sistemas educativos diferentes", adóitase a oír desde Génova. "É un erro, non é positivo; o Executivo vai crear conflito cando a diferenza entre os contidos dunha e doutra autonomía non é tan grande; a marxe de manobra non é tan ampla", aclara José Fuertes, que cre que a decisión de Madrid obedece a unha intencionalidade ideolóxica e que pretende facela servir de "aviso" logo de que Andalucía engadise á nova Educación para a Cidadanía algúns contidos vetados polo Estado. "Queren evitar estas situacións, pero iso será imposible porque as comunidades seguirán tendo posibilidades de engadir contidos, por moi pequenas que sexan", insiste.
Louzao, pola súa banda, destaca que esta intención non é máis que un paso máis do Goberno na súa "estratexia de recentralización que abrangue todos os ámbitos". "A educación é un factor fundamental na colonización mental e social do noso país, unha forma de transmitir unha serie de valores que poñen en cuesitón a nosa historia, a nosa xeografía, a nosa maneira de pensar e o noso idioma", destaca quen lembra tamén que, a efectos prácticos, a porcentaxe de contidos marcados polo Estado xa supera os límites teóricos.
"Ten que haber contidos semellantes no Estado, pero a marxe de manobra para as autonomías é fundamental"
Marcelino Brea, de UGT, prefire nin opinar. "Haberá que analizar en profundidade esa proposta cando se coñezan os detalles", aclara. Desde CCOO, pola contra, insisten en que esta medida engadirá conflitividade a un sector educativo xa golpeado polos recortes e avoga "polo entendemento e a negociación". "Evidentemente, ten que haber contidos educativos semellantes en todo o Estado, pero a marxe de manobra para as autonomías é fundamental", engade, logo de exemplificar: "Como vas explicar a xeografía española en Galicia sen te centrar nos ríos galegos? Como explicas en Coñecemento do Medio o ecosistema sen centrarse nas especificidades de Galicia? É ridículo". "Sería un erro pedagóxico, e máis nun Estado descentralizado como o noso", volve aclarar Fuertes, que cre que o Goberno "non debe partir da base de diminuír os contidos que marcan as autonomías" e menos cando desde o Executivo se insiste en darlle máis autonomía aos centros. "De que autonomía falan se non lles deixan nin adaptar os currículos", aclara.
Onde si se molla UGT é na intención do Executivo de establecer avaliacións externas ao final de cada etapa. Unhas reválidas que estaban confirmadas para ESO e Bacharelato, pero que tamén semella que se establecerán en 3º de Primaria, é dicir, con tan só oito anos. Sería un exame obrigatorio e común para todos os cativos españois co obxectivo da detención precoz do fracaso escolar. "É sectario porque se intenta clasificar o alumnado, ademais de que non coñecemos se existe unha memoria económica que aclare o que supoñen estes cambios", asegura Brea, que insiste en que é "lamentable" que as novidades se vaian coñecendo a través dos medios.
Os sindicatos ven nas reválidas "un despropósito", con intención "sectaria" e que "afondará nas diferenzas sociais"
Desde a CIG, Anxo Louzao considera a instauración de reválidas como "un despropósito" que "pon en dúbida as capacidades da avaliación continua e dos docentes". "Quen mellor que o profesorado para avaliar os coñecementos adquiridos dun rapaz", asegura, tras advertir de que estes exames teñen "un único obxectivo", que non é outro que o de "introducir elementos selectivos para que sexa cada vez menos o alumnado que poida continuar os seus estudos, o que afecta claramente as clases populares e afonda máis nas diferenzas sociais".
Para a CIG, as reválidas tamén "incidirán na centralización do ensino" e na "elitización" do ensino
Aínda máis, Louzao lembra tamén que as reválidas supoñen "que todo estea orientado a que o alumno supere esas probas, o que condiciona o traballo diario e permanente do profesorado". "Vai mermar as destrezas daqueles contidos que non sexan básicos, polo que a educación deixará de ser integral", di, logo de destacar que é "unha forma de afondar na centralización do ensino" ao instaurarse "probas homologadas para todo o Estado que non terán en conta as especificidades de Galicia" e que, tamén, "darán estatus aos centros segundo o número de alumnos que superen esas probas". "É unha elitización dos centros e un paso máis cara á privatización e o desprestixio da escola pública", remata.

"Unha medida política, non pedagóxica"

Dende as editoriais galegas obsérvase con preocupación a anunciada reforma. Manuel Bragado, director de Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), cualifícaa de medida "totalmente política sen ningunha base pedagóxica".
Para Bragado o "globo sonda" lanzado "forma parte dunha batalla recentralizadora iniciada polo Partido Popular que vai supoñer que os contidos do ensino sexan decididos polo Goberno central nunha medida nunca antes acadada no actual período constitucional". E como tal, advirte, vai introducir "un importante conflito político sobre todo cos partidos e a sociedade catalá e vasca".
A centralización e homoxeneización dos contidos pode supoñer a centralización da produción dos libros de texto, o que afectaría en gran medida ás editoriais de todas as comunidades autónomas da periferia
Os libros de texto supoñen unha parte importante da produción editorial, que está a sufrir a crise de forma moi grave noutros ámbitos. A centralización e homoxeneización dos contidos pode supoñer a centralización da produción dos libros de texto, o que afectaría en gran medida ás editoriais de todas as comunidades autónomas da periferia do Estado español e nomeadamente ás galegas, catalás e vascas.
Bragado engade, botando man dunha teima varias veces expresada por Galicia Bilingüe, que "pode que as matemáticas que se estudan en Galicia sexan iguais que as que se estudan en Murcia pero dende logo non son as mesmas a historia, as ciencias sociais, as ciencias naturais ou a música".

Ningún comentario:

Publicar un comentario