mércores, 19 de setembro de 2012

Sen escolas no rural, non hai futuro


Acaba de comezar o novo curso escolar 2012/2013, e para o noso rural pode supoñer o punto de non retorno. A causa é o desmantelamento do ensino no rural que suporá a guinda para poñer o seu peche.

Na comparecencia o ano pasado no parlamento, do conselleiro do medio rural (actual delegado do goberno do Estado) , quedou patente a despreocupación e a falta de interese que o actual goberno da Xunta ten polo noso rural. Teñen, certamente, detectado un dos maiores problemas que temos no noso territorio que é o despoboamento (especialmente no interior de Ourense e Lugo), mais na vez de poñerse a traballar para solucionar o problema, afirman que non ten solución e renuncian a defender o que é noso. Juárez afirmou nesa comparecencia pública que a única cuestión que pode facer este goberno é reducir o ritmo de despoboamento, xa que non ten ningunha alternativa nin proxecto que o poda frear. Esta afirmación supón a intención política clara de que o rural pasa a un segundo plano e a súa xestión queda limitada a actuar sobre as cuestións que poidan ser titular nos xornais.

Continuando na liña de expulsión de persoas do medio rural, este ano a política de recortes e supresión de dereitos sociais cébase moi especialmente co rural galego; e en concreto, no ensino vai supoñer:
Redución de máis de 1000 ensinantes.
Supresión de mais de 130 unidades en centros públicos.
Eliminación de 12 centros escolares.
Mais de 100 centros con alunado agrupado de distintos níveis.
Supresión de Preescolar na casa, programa pioneiro e multipremiado en Europa que a Xunta foi afogando até suprimilo, deixando na rúa 32 traballadores/as e varios milleiros de crianzas sen acceso á educación.
4.000 familias quedan sen praza para os seus nenos e nenas.
4.000 alunos e alunas non poderán estudar o ciclo formativo escollido.

A maioría dos recortes están concentrados no rural, o que supón un exterminio planificado que a Xunta quere executar no medio rural galego ao deixalo sen nenos e nenas, ao roubarlle o seu futuro e comprometer o seu presente.

Detrás do peche das escolas e o traslado dos pícaros fóra do seu lugar de vida, está a emigración dos pais e nais que comporta a expulsión definitiva das persoas do rural e confirma a perda do maior activo para a conservación do noso territorio. Co peche e recortes nas escolas do rural afórranse uns poucos miles de euros a curto prazo, pero asentamos as bases para gastar millóns de euros a medio e longo prazo (incendios forestais, conservación do territorio, das infraestruturas, …)

A Escola Pública Rural, ten nestes tempos de crise un papel fundamental como vertebradora da sociedade e do territorio. Conforma unha comunidade social estreitamente vencellada á terra, que reforza e preserva a cultura local e contribúe a manter a vida dos pobos. É un exemplo de integración e atención á diversidade. Favorece o desenvolvemento dunha pedagoxía activa, facilitando a participación do alunado en contacto directo coa realidade social e natural. É por isto que é necesario defender o acceso do alunado do rural a centros docentes da súa contorna.

E a educación no rural, quen a rescata? É un inmenso erro facer desaparecer a escola rural e como consecuencia os pobos. O futuro pasa por conservar o medio natural, os recursos, a alimentación e a cultura que nos fixo sobrevivir. E a escola rural é unha das chaves para para que isto sexa posible.

O rural berra forte contra os recortes nas súas escolas, a través da coordinadora galega de anpas do rural e numerosas organizacións que a apoian; mais faise necesaria a implicación, a concienciación e o compromiso de toda a sociedade; xa que está en xogo o futuro da nosa terra.

Apostar polo noso rural non é unha opción, é unha obriga para quen nos represente en calquera das institucións democráticas. O contrario supón negar o noso pasado e pechar as opcións das xeracións futuras. Neste sentido, o ensino no rural ten que ser unha prioridade de toda a sociedade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario