venres, 3 de xullo de 2015

Galiza é o segundo territorio de todo o Estado con menor medre económico, só un terzo da media española

Un informe do Foro Económico Galego alerta da maior fenda entre a economía de Galiza e a española desde 2005, unha fenda que vai a máis. Somos un dos territorios que menos medra e onde menos cae o paro.

O Foro Económico de Galicia (FEG) vén de editar esta semana o seu ‘Informe de coxuntura socio-económica’, un documento no que se explica por que a economía galega está a medrar por baixo da media estatal, nunha diferenza que se está a agrandar cada vez máis, levando ao risco dunha ‘desconexión’.
Se nos primeiros meses deste ano a economía galega creceu un 0,9% a española fíxoo nun 2,7%, tres veces máis, o que implica unha “diverxencia”. Unha febleza que se resume en que Galiza é o segundo territorio de todo o Estado español con menor crecemento económico.
E por que esta menor intensidade da economía galega? Os expertos do FEG explican que esa realidade provén tanto do comportamento da demanda interna como da demanda externa. Por exemplo, o gasto en consumo privado medra un 1,3% na economía galega fronte ao 3,4% na española. Doutra banda, a demanda externa, a pesar do crecemento económico dos principais mercados galegos (España, Francia e Portugal) detrae ao crecemento agregado do PIB 1,2 puntos por mor do estancamento das exportacións.
Mesmo naqueles sectores da economía de Galiza cun bo comportamente, este é sensibelmente inferior ao que eses mesmos sectores rexistran a nivele estatal: o crecemento do 1,1% da industria manufactureira e a consolidación da recuperación da construción, que medra un 2%. Na economía española a industria manufactureira medra un 2,8% e a construción un 5,8%.
Cinco advertencias
Os economistas e expertos que elaboraron este informe fan cinco advertencias, cinco cuestións que consideran que se debe de ter en conta: Galiza rexistra unha nova caída da poboación activa, aumenta o número de persoas con máis de dous anos en paro (o que contribúe ao aumento de fogares que non contan con ningún tipo de ingresos), por quinto trimestre consecutivo a taxa de paro galega mantense como a máis elevada das autonomías norte peninsular. E, por último, o menor medre económico tradúcese en que Galiza é unha das comunidades tanto con menor creación de emprego como con menor queda do paro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario