mércores, 15 de xullo de 2015

Histórica declaración conxunta dos partidos de Galiza a favor da normalización do galego

O 15 de xullo ás 12h perante ao monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago.
A proposta conta co apoio da inmensa maioría dos partidos de Galiza e continúa aberta a novas incorporacións.
Marcos Maceira: “Esta declaración ten que abrir o tempo da vontade real de todas e todos por reverter a situación da nosa lingua”.

O monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago acollerá mañá cuarta feira (mércores), 15 de xullo,ás 12h, o acto de sinatura da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística.
O texto da declaración foi proposto pola Mesa a todos os partidos de ámbito galego sen exclusións de ningún tipo, xa que, segundo indican, “a lingua galega une, mais tamén precisa unidade, para que o debate en torno a ela se centre en como aplicar as medidas sinaladas nos acordos tomados colectivamente da mellor maneira posíbel”. O compromiso dos partidos asinantes é reactivar estas medidas acordadas e promovelas en todas as áreas onde teñan responsabilidade de goberno.
Ao acto asistirá representación do máximo nivel das forzas políticas con representación en Galiza: Anxo García Seoane, da Alternativa dos veciños; o responsábel de organización de Anova, Rafael Dopico; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a presidenta de Cerna, Consuelo Martínez; Rafael Cuíña por Compromiso por Galicia; Garcilaso de la Vega, secretario xeral de Converxencia XXI; Fernando Alonso, Secretario Xeral de Coalición Galega; Xavier Ron, portavoz de Esquerda Unida; Breogán Riobó, secretario xeral de Podemos Galiza, Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdG-PSOE; e Guillerme Sánchez, secretario xeral de Terra Galega. Tras a sinatura da declaración farán unha intervención.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, intervirá nun acto que contará coa actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández e será conducido pola actriz Iria Sobrado.
Desde A Mesa manteñen aberta a posibilidade de novas incorporacións. O compromiso de todas as forzas políticas é imprescindíbel para iniciar o camiño da nova política lingüística que o galego e Galiza precisan e para que esta comece a dar froitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario