venres, 31 de xullo de 2015

As familias móvense contra o 'recorte' de persoal nas escolas infantís da Xunta

As amortizacións e perda de profesionais nos centros da rede pública vai prexudicar o servizo e dificultar a conciliación, afirman. Anpas como a da escola de Vilagarcía impulsan unha recollidas de sinaturas.

A partir do mes de setembro na escola infantil 'A Galiña Azul' de Vilagarcía deixarán de contar con 2 prazas das que viñan dispoñendo desde a inauguración deste centro da rede pública da Xunta: unha educadora e unha PSX. A maiores, vaise suprimir unha praza de mestra que non se chegara a cubrir. ·Unha política de 'recortes' que non afecta exclusivamente ao noso centro, senón que atinxe a un total de 35 escolas da Rede xa en funcionamento e a 14 de nova apertura no curso 2015-2016”, afirman desde a ANPA 'O Año Pitaño', que impulsa unha recollida de apoios para pedir ao Consorcio Galego de Benestar que cese nesta política. Piden “a paralización das amortizacións de persoal na Rede Galega de Escolas Infantís A Galiña Azul e conservación da parella educativa como piar fundamental da Rede”.
Prexuizos
Sosteñen as familias que con estes recortes vai haber un deterioro do servizo que se lles presta ás crianzas, “xa que se van ter que limitar moitas das actividades que desenvolvían ata o momento ao non contar con persoal suficiente para levalas a cabo”. E non só iso. Tamén, afirman, “vai dificultar a conciliación das familias: ao ter só unha persoa de referencia, e se esta causa baixa por calquera motivo, as crianzas poden ter que pasar a un novo período de adaptación improvisado e sen planificación posible por parte das familias”.
Na súa petición, esta ANPA lembra que un dos eixos principais – e que aínda podemos ler na propia páxina web- do Consorcio Galego do Benestar é “a aposta pola calidade vertébrase arredor de dous elementos fundamentais: a redución da ratio de alumnos/as por educador/a e a formación continua. Para facer posible o primeiro, apóstase pola parella educativa”. Figura que desaparece despois das amortizacións plantexadas, afirman as familias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario