venres, 24 de xullo de 2015

A Universidade de Vigo aproba enviar á Xunta a proposta de crear Enxeñería Aeroespacial

O pleno deste órgano reuniuse no campus de Ourense

A proposta de Enxeñaría Aeroespacial, lista para ser remitida á Xunta tralo apoio do Consello Social

Tamén se informou favorablemente a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

O pleno do Consello Social da Universidade de Vigo, reunido este xoves no campus de Ourense, deu o seu visto e prace á implantación do grao de Enxeñaría Aeroespacial e á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Despois de ter luz verde do claustro e do Consello de Goberno, con este informe favorable do órgano de participación da sociedade na Universidade, péchase dentro da institución académica o proceso de proposta de creación do novo título e procédese á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa verificación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ACSUG. “A proposta vai con todos os coidados e avais para que sexa aprobada”, recalcou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, trala celebración do pleno.

Tanto en materia de creación, modificación e extinción de títulos como no que se refire á posta en marcha de centros, as propostas que aprobe o Consello de Goberno da Universidade deben ter obrigatoriamente un informe previo e favorable do Consello Social antes de ser remitidas á Xunta de Galicia. Por este motivo, e tras ser aprobada o pasado 17 de xullo no Consello de Goberno, a proposta deste título foi un dos puntos da reunión ordinaria do pleno celebrada este xoves en Ourense. Os seus membros aprobaron por unanimidade os informe favorables á implantación do grao e á creación da escola. “É un día especial para este campus, para Ourense e para súa contorna”, subliñou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.

Pasar “con nota” as seguintes etapas

Pedrosa salientou como este grao constitúe un “título único en Galicia, con pouca competencia en España, unha aposta de vangarda” pola “que mereceu a pena agardar” pois “vai permitir unha proxección nova no ámbito social e universitario”. O novo grao, recalcou Mato, “suporá un punto de inflexión no campus de Ourense”, dándolle “unha musculatura tremenda que repercutirá tamén no resto da súa oferta académica”. Deste xeito, apuntou, con dúas enxeñarías potentes e con prestixio, a Aeroespacial e a de Informática, o campus pode converterse nun polo tecnolóxico en Ourense. Ademais, engadiu o reitor, a creación do novo título e escola “será unha peza fundamental” na creación do polo aeronáutico galego no que traballa a Xunta de Galicia.

Sobre a implantación destes estudos, a Universidade, explicou o reitor, conta xa “cos medios humanos e materiais necesarios para arrancar esta titulación”. Segundo destacou, a institución académica ten nos espazos e laboratorios dispoñibles capacidade para atender as necesidades dos dous primeiros cursos e para acoller os novos laboratorios que se precisen para os seguintes cursos, laboratorios para os que se buscará financiamento específico unha vez sexa aprobado o novo título. Sobre a posibilidade de crear un centro propio para albergar esta escola, o reitor apuntou que ese debate non se abrirá ata ter acadado efectivamente a implantación da nova titulación.

Respecto ás seguintes etapas na tramitación do grao, Mato destacou que “nós cumprimos todos os pasos” e agora é o momento de pasar "con nota" a avaliación primeiro dos expertos externos da ACSUG e, se é aprobado, do Consello Galego de Universidades antes de que remate o ano. “Poucos plans de estudos e acreditación foron tan traballados coma este. Está feito para sacar nota”, afirmou. O reitor salientou como nesta proposta participaron todos os departamentos e centros da Universidade con vinculación con esta área e como se cotexou co tecido empresarial e profesional e cos outros centros que imparten este tipo de titulacións en España.

Outros temas do pleno

Durante a celebración do pleno tamén se informou sobre as propostas de posta en marcha do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda e as modificacións de diferentes títulos para o curso 2016/2017. A reunión tamén contou entre a súa orde do día a comunicación ao pleno de distintos acordos da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social reunida o pasado 29 de xuño, referidos a cuestións académicas e axudas económicas concedidas para o desenvolvemento de distintas iniciativas. Entre os temas abordados estiveron a adxudicación previa das bolsas-colaboración en departamentos concedidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á Universidade de Vigo para o curso 2015/2016, e as axudas ou patrocinios a diferentes iniciativas, como son a preincubadora de empresas INCUVI 2015, a realización dos estudos sobre a situación laboral dos egresados da Universidade de Vigo e o estudo sobre a percepción de empregabilidade dos alumnos desta universidade, e diferentes eventos que se desenvolverán durante o vindeiro curso académico nos diferentes campus, como un Congreso Internacional en Historia previsto para os días 30 e 31 de outubro en Ourense. Tamén foi a este pleno a aprobación definitiva da creación da empresa de base tecnolóxica EBT Quantum Innovative, S.L. e á participación da Universidade de Vigo no seu capital social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario