martes, 14 de xullo de 2015

O portal pasaXe! integra xa os certificados de discapacidade e familia numerosa

O Portal de Interoperabilidade pasaXe! incorporou os días pasados tres novos documentos. Trátase do certificado galego de asimilación á condición de familia numerosa, o de discapacidade e o título de familia numerosa. Segundo informa o Goberno galego, os máis de 233.000 galegos que dispoñen destes documentos acreditativos xa non terán que presentalos naqueles trámites administrativos que os requiran. A incorporación dos novos documentos foi dada a coñecer pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
Segundo informaron, Traballo e Benestar é o primeiro departamento autónomo en adherirse ao nodo de interoperabilidade. Tamén fixeron saber que pasaXe, só no primeiro cuadrimestre de 2015, “evitou a petición de 500.000 documentos ou certificados a cidadáns e empresas para a realización de trámites administrativos”. Igualmente, lembraron que o nodo é a plataforma tecnolóxica que permite o intercambio de información entre as administracións, permitindo desbotar o envío de documentación que xa estea en poder das mesmas e reducindo pois a tramitación precisa para xestionar un expediente. Tamén se encamiña a unificar nun único punto as relacións con outras administracións
Con estas tres novas incorporacións, sinalaron Mato e Pereira, pasaXe! permite consultar 35 tipos de certificados, entre os que se contan o de identidade, o de dependencia, o da renda, os datos catastrais, o do pagamento das obrigas tributarias, o dos datos catastrais, os títulos universitarios, os certificados de nacemento, matrimonio ou defunción ou a alta na Seguridade Social, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario