venres, 3 de xullo de 2015

TELGalicia celebra este día 3 a súa xornada sobre recursos docentes abertos

A rede de investigación en innovación docente con novas tecnoloxías, TELGalicia, organiza este 3 de xullo a oitava edición da súa Xornada sobre Recursos Educativos Abertos (REA). O encontro, que comezará arredor das 10.00 horas no salón de graos da EE de Telecomunicación da Universidade de Vigo, arrancará cun relatorio da especialista Virginia Rodés, da Universidade da República, Uruguai, titulado Uso docente de repositorios de recursos educativos abertos, a que seguirán outros especialistas de Chile, Reino Unido, Ecuador e España.
Lembrar que a Rede TELGalicia é un tecido galego-europeo de grupos de investigación xurdido en 2012 co interese común na aplicación de TIC en novas propostas pedagóxicas de Primaria e Secundaria.
Trátase por unha banda de promover un emprego máis axeitado dos novos recursos tecnolóxicos dispoñíbeis (encerados dixitais, tabletas, etc.) de xeito que se faga un mellor aproveitamento de tódalas súas potencialidades. Por outra banda tamén se pretende ofrecer prácticas educativas innovadoras que involucren estes recursos tecnolóxicos e os cambios nas pedagoxías mesmas, “de xeito que se consiga unha participación máis activa e implicada dos alumnos”.
Como dixemos, a xornada contará coa presenza de Virginia Rodés, pero tamén de Javiera Atenas (University College London) e Ignasi Labastida (Universitat de Barcelona).

Ningún comentario:

Publicar un comentario