A Mesa pola Normalización Lingüística continuou esta mañá en
Pontevedra a súa rolda de entrevistas cos novos gobernos municipais para
abrir unha “nova etapa” na política lingüística “co impulso dos
concellos”. Marcos Maceira e Paulo Filgueiras mantiveron esta cuarta
feira un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores,
e o concelleiro de normalización, Alberto Oubiña, para lles trasladar
as propostas da Mesa encamiñadas a impulsar a normalización do galego
desde a administración local.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salientou que Pontevedra “xa
vén aplicando” moitas das medidas de mínimos que desde a entidade en
defensa da lingua están a lle trasladar aos concellos, o que
exemplificou na referencial Ordenanza Municipal de Normalización
Lingüística que desde hai anos funciona na cidade e que supón un
excelente punto de partida para continuar avanzando na promoción do
galego no Concello. Maceira reiterou a importancia de que a
administración local adopte un “compromiso real” coa lingua galega e que
non cómpre máis que vontade política para pór en marcha accións
concretas para a normalización do idioma que repoñan o galego en todos
os espazos dos que foi excluído.
Entre elas, o responsábel da Mesa destacou a atención ao público dos
funcionarios en galego, que as empresas que traballen para a
administración fagan uso do idioma propio de Galiza, que todas as
actividades se desenvolvan en galego, incluídos os concursos, ofertas e
redacción de estudos técnicos, o impulso do servizo de normalización
lingüística ou a utilización do galego nas escolas infantís municipais.
Maceira, que explicou que estas propostas están tendo un “acollemento
moi bo” entre os concellos, celebrou que Pontevedra se convertese nos
últimos anos no “gran referente” da cultura en Galiza “e co galego como
bandeira”, e manifestou o seu desexo de que este
exemplo se estenda agora que, logo das eleccións do pasado 24 de maio,
“hai máis alcaldes nas cidades falando galego que tres semanas atrás”.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou a “total
disponibilidade” do Concello de Pontevedra para continuar a colaborar
coa Mesa e traballar pola normalización do uso do galego en todos os
ámbitos da vida, pondo en valor e prestixiando un idioma que “nos
identifica e nos une”. Neste sentido, o alcalde afirmou que o goberno
municipal seguirá a traballar para aumentar a presenza do galego nas
relacións co comercio, os veciños ou as asociacións culturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario