xoves, 2 de xullo de 2015

Entra en vigor a Lei Mordaza con múltiples e variadas consecuencias para os internautas

Finalmente este 1 de xullo entrou en vigor a coñecida como Lei Mordaza, oficialmente denominada Lei de Seguridade Cidadá, un regulamento que reforma o Código Penal e que, malia non atinxir directamente o ámbito da Sociedade da Información, si que toca múltiples ámbitos da contorna dixital. De feito, o devandito sobrenome de “Lei Mordaza” veu dado, tamén, pola súa implicación respecto ás liberdades de información básicas na Rede, con esta Lei que entra en vigor moi limitadas. Segundo se nos lembra hoxe nunha chea de medios, as cousas van mudar moito nas plataformas en liña a partir deste 1 de xullo en España.
Por exemplo, en base ao artigo 30.3, poden ser multados ou penados con cárcere os que organicen, promovan ou (simplemente) difundan xuntanzas en lugares de tránsito público ou manifestacións, ben sexa a través das canles tradicionais, ben sexa nas redes sociais e nos foros. Segundo se apunta en medios como ADSLZone, a devandita prohibición é extensíbel a servizos de mensaxería instantánea como Whatsapp e semellantes.
Tamén se prohiben cousas como o emprego non autorizado de imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades ou membros das Forzas e Corpos de Seguridade “que poida pór en perigo a seguridade persoal ou familiar dos axentes” (artigo 36.26). Amais, poderá ser multada a publicación de imaxes de policías en redes sociais.
Segundo o artigo 271.6 do Código Penal, será castigado tamén cunha pena de prisión de seis meses a tres anos quen fabrique, importe, poña en circulación ou posúa cunha finalidade comercial calquera medio concibido, producido, adaptado ou realizado para facilitar a supresión non autorizada ou a neutralización de calquera dispositivo técnico que se usou para protexer programas de computador ou calquera das outras obras, interpretacións ou execucións nos termos previstos nos dous primeiros apartados deste artigo.
No relativo ao artigo 197.7, perseguirase a quen sen autorización da persoa afectada distribúa imaxes ou gravacións audiovisuais daquela que obtivese coa súa anuencia nun domicilio “ou en calquera outro lugar fóra do alcance da mirada de terceiros”, cando a divulgación menoscabe gravemente a intimidade persoal desa persoa.
Respecto ao ciberterrorismo e segundo se estipula no artigo 575.2 do Código Penal, perseguirase a visita cotián web sobre e para o terrorismo (apoloxía, organización de actividades consideradas terroristas), ou colaborar con estes sitios de calquera maneira. Isto castigarase con penas de até cinco anos de cárcere. Por certo que os delitos informáticos poden ser cualificados tamén de terrorismo, como por exemplo o ataque a unha web gobernamental.
Polo que atinxe ao intercambio de ficheiros protexidos ou á copia dos mesmos (artigo 270.1), serán actividades castigadas con prisión (e seis meses a catro anos, máis multa) en caso de demostrarse a arela de lucro e o beneficio económico, directo ou indirecto, amais do prexuízo a un terceiro. Isto abrangue a quen reproduza, plaxie, distribúa, comunique publicamente ou de calquera outro xeito explote economicamente, en todo ou en parte, unha obra ou prestación literaria, artística ou científica, ou a súa transformación, interpretación ou execución artística fixada en calquera tipo de soporte ou comunicada a través de calquera medio, “sen a autorización dos titulares dos correspondentes dereitos de propiedade intelectual ou das súas cesionarios”. Increméntanse de forma xeral as penas de todos os delitos, máis polo miúdo até catro anos para algúns delitos contra a propiedade intelectual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario