xoves, 2 de xullo de 2015

A Consellería continúa recortando profesorado e negándose a cubrir as demandas feitas polos centro

Pretende recortar o xa insuficiente número de docentes, nomeadamente o profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).

A Consellaría de Educación deu instrucións á inspección educativa para que se continúe recortando profesorado nos centros educativos. Neste momento estanse fixando os cadros de persoal para o curso vindeiro e pódese constatar como a Consellaría, non só non atende as solicitudes dos centros educativos, senón que pretende recortar o xa insuficiente número de docentes, nomeadamente o profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).



O cambio de conselleiro non trouxo consigo mudanza ningunha da política educativa, senón que se continúa a desmantelar o ensino público, a minguar a calidade do ensino e acrecentar precariedade. A Consellaría está impondo aos centros a supresión de profesorado, malia a que nos últimos anos se suprimiron máis de 3000 prazas, o peche de escolas, agrupamentos de alumnado de diferentes idades e/ou cursos nunha mesma aula, ampliándose rateos -mesmamente superando os máximos estabelecidos- e suprimindo ou recortando profesorado de PT E AL.



As directrices da Consellaría poñen en perigo a atención a diversidade, suporán maior fracaso escolar e desatender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.



Neste momento as Xefaturas Territoriais pretenden ou ben dar largas as solicitudes de profesorado de PT e AL ou ben que compartan centros ou negarse a cubrir as necesidades reclamadas. Como exemplo os centros de Tui que solicitan 6 prazas de AL e a Xefatura Territorial inicialmente só pretende cubrir cinco. Ao CRA do Rosal en lugar de corresponderlle un AL a tempo completo obríganlle a compartilo co CEIP do Rosal. No CEIP Nicolás del Río DE Cedeira suprimen 1 PT, igual que no CEIP Pazos, de Ferrol, que tamén suprimen 1 praza de PT. En Ourense a Xefatura Territorial pretende suprimir 14 postos de traballo (6 de educación Infantil e 8 de educación Primeira). Na Coruña entre as numerosas supresións previstas teñen anunciado a supresión da praza de AL no CEIP Bormoio de Coristanco, CEIP Alcalde Xosé Pichel e CEIP A Cristina de Carballo.



A CIG-Ensino esixirá nas reunións previstas coas Xefaturas Territoriais, o mantemento dos cadros de persoal, a concesión do profesorado solicitado polos centros e a dotación do profesorado especialista necesario para garantir a calidade do ensino e unha axeitada atención á diversidade. Do contrario estarase de novo ante un inicio dun curso conflitivo e non exento de mobilizacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario