xoves, 2 de xullo de 2015

"O máis grave da nova lei de seguridade xa está conseguido: o medo"

Listas de prohibicións e de condutas potencialmente sancionables inundan este 1 de xullo medios de comunicación e redes sociais. A entrada en vigor da nova lei de seguridade pública, a alcumada como "Lei Mordaza", provoca reaccións que van dende a indignación de diversos movementos sociais ata o aplauso do PP, que a impulsou en solitario, ou de grupos ultraconservadores. Mentres, entre un bo número de profesionais da xudicatura cunde tamén o rexeitamento á nova regulamentación. Este é o caso, por exemplo, de Xuíces para a Democracia, cuxo coordinador en Galicia, Xermán Varela, vai alén da lectura concreta de "cada artigo" para analizar o texto de forma panorámica. O seu principal obxectivo xa está "conseguido", asegura. E non é outro que "o medo".
"O máis grave da lei é o espírito que hai por tras e como xustifica e promociona unh adeterminada visión da orde pública e do exercicio dos dereitos", explica Varela en conversa con Praza Pública. "Alén de artigos concretos", indica o maxistrado, o actual Goberno de España "impón unha visión que entende que unha parte da cidadanía ten que se tratada como inimiga", mudando "de forma completa o modelo de política criminal e a concepción do espazo da segurdade pública". Que un Executivo "considere unha parte da sociedade como inimiga, como un risco, é moi preocupante".
A lei "impón unha visión que entende que unha parte da cidadanía ten que ser tratada como inimiga"
Mesmo tendo en conta que o contido "dalgúns artigos" xa "estaba en leis anteriores", Xermán Varela ten claro que o "realmente grave" é a intención política do aprobado. "Xa conseguiron", por exemplo, "que cando alguén escribe, o faga con medo" a posibles sancións. Trátase, indica, dun "efecto desalento" encamiñado a "provocar que a xente non estea disposta a exercer os seus dereitos fundamentais". E isto, afirma, non é outra cousa que "camiñar cara a un modelo máis próximo a concepcións autoritarias que a concepcións democráticas".

O novo Código Penal 

Dende o punto de vista de Xuíces para a Democracia cómpre analizar a entrada en vigor da 'Lei Mordaza' de forma conxunta coa da reforma do Código Penal. Neste caso, Xermań Varela destaca puntos especialmente preocupante, como a conversión das faltas en delitos leves. Con este movemento, indica, o Goberno non cumpre un dos obxectivos anunciados, a "redución de carga de traballo nos xulgados" e, ao tempo, "agrava as penas" e pon máis persoas en risco de ter antecedentes penais. Isto, di Varela, é unha porta aberta a "etiquetar a cidadanía" para así crear "baremos de risco" e poder "adoptar medidas contra ela" con máis facilidade. "Isto é realmente preocupante", asegura.
O novo Código Penal contribúe "a crear un inimigo externo representante do mal absoluto"
A nova regulación dos delitos de atentado, "equiparando a seguridade privada coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado", ou a extensión dos delitos que poden ser tipificados como terrorismo son, para este colectivo progresista de profesionais da xudicatura, un xeito de crear "un inimigo externo e paradigmático", un "representante do mal absoluto" que "non merece ningún tipo de respecto" e cuxa "mera mención desfai a posibilidade dun debate racional". Etiquetas xenéricas, como "terrorista" ou "delincuente" contribúen a "situar fóra da sociedade" a unha parte da mesma, "negan a condicón de cidadanía" a quen se lles aplican, porque "pasan a ser inimigos".

Chamada á reflexión nas posicións progresistas

Aínda que tanto o novo Código Penal, con medidas como a cadea perpetua revisable, como a nova lei de seguridade son impulsadas polo PP en solitario, Xermán Varela advirte de que "esta utilización de significantes agresivos que impiden debates racionais sobre os problemas delincuenciais" non son, nin de lonxe, "monopolio da dereita autoritaria". Ben ao contrario, "esténdense en moitos discursos". "Mesmo organizacións e persoas progresistas, das que se espera que comprendan as esixencias democráticas do dereito penal e da seguridade pública", di, asumen o "virus de concepcións autoritaristas".
"Mesmo organizacións e persoas progresistas asumen o virus de concepcións autoritaristas" sobre, por exemplo, "a liberdade de expresión"
"Eu -di- chamaría a unha crítica profunda destas reformas pero, sobre todo, a unha reflexión entre as persoas demócratas sobre como concibimos o dereito penal e a seguridade pública". Así, por exemplo, dende unha "posición democrática" non debería caber que "haxa unha reacción social" cando se "persegue, sancionan ou denuncian" declaracións ou afirmacións "de personaxes públicos como Albert Pla ou o cantante de Def con Dos", e que ao tempo "se reclamen sancións contra outras persoas por dicir outras cousas". "Hai que asumir a liberdade de expresión de forma completa, en todo o seu contido", reflexiona. "Quizais -conclúe- deixar de utilizar o dereito penal como arma no propio discurso sen unha reflexión previa permitiríanos enfrontarnos no futuro con este tipo de normas" porque "como dicía Tomás Vives, estar en contra do terrorismo ou doutro actos abxectos é doado e esperable, o máis complicado é ser demócrata".

Ningún comentario:

Publicar un comentario