ROTA A BARALLA UNIVERSITARIA GALEGA.
Fará unha reestruturación de centros e departamentos partindo de cero e desde unha perspectiva xeral // A institución cre que o reparto de fondos a prexudica en relación a Santiago e Vigo // "Cando teñamos feito o axuste levantarase a suspensión temporal do gasto corrente propio para terminar o exercicio", dixo o reitor, Xosé Luis Armesto
A Universidade da Coruña parece non querer aguantar máis no contexto acordado para os campus galegos. Desde a institución se fala dun criterio de reparto de fondos que prexudica ao campus coruñés fronte aos de Santiago e Vigo. O reitor, Xosé Luis Armesto, en concordancia co Consello de Goberno da institución, anuncia a necesidade dun Plan de Reestruturación de centros e departamentos na UDC, "que analizará a situación partindo de cero e desde unha perspectiva xeral". Armesto afirma que os axustes non van tocar as partidas destinadas ao cadro de persoal e aos alumnos e alumnas con menos recursos.Agora queda aberto un prazo de suxestión dos membros do Consello de Goberno para completar a composición da Comisión que tratará o tema. E en calquera caso, incica que "non implica prexuízos nin para as titulacións, nin para a comunidade universitaria".
Todo isto ante "a extraordinaria situación económica na que se encontra a Universidade da Coruña e que levou a tomar medidas drásticas" e ante unha realidade que afirma a institución: "A UDC é unha universidade pública polo que a súa estrutura debe estar suficientemente financiada pola administración pública". Os responsables do campus herculino cren que o financiamento é insuficiente e insisten en que os resultados son bos, aínda que os cartos "para I+D+i ou outros resultados non financian nóminas nin gasto corrente". "Pídesenos o mesmo pero se financia menos".
Nesta situación, a UDC diagnostica que o seu problema é de ingreso, non de gasto, e vén de presentar ante a Xunta un contencioso administrativo para que aboe as cantidades económicas resultantes dunha discrepancia que, segundo o reitor, se elevan a 8.789.679,5 €. A reclamación dirixida á Xunta, finalmente, é que o novo plan do sistema "corrixa o déficit histórico de financiamento da UDC e lle permita converxer dentro do Sistema Universitario Galego".
Armesto compareceu en rolda de prensa tras a reunión do Consello de Goberno, na que se informou da situación económica da UDC e sobre a suspensión cautelar do gasto corrente hai unha semana debido a "tensións da tesouraría e discrepancias na interpretación do plan de financiamento".
"O que defendemos e seguiremos defendendo é que por parte da Xunta no novo plan ten que haber unha parte estrutural que financie ao persoal e o gasto corrente", salientou Armesto, quen considerou que esta premisa "ten que asegurarse para calquera universidade" en termos de colaboración e non de competitividade.
O financiamento da UDC é "claramente insuficiente", reiterou o reitor, que apostou por resolver este problema no próximo plan da Xunta para que "financie mellor" o Sistema Universitario Galego, no que observou que o "cambio de criterio" na repartición de fondos prexudicou á Coruña fronte a Santiago e Vigo.
A UDC recibiu un financiamento de 3,8 millóns de euros menor do orzado inicialmente e, a día de hoxe, recibirá cinco millóns de euros até final de ano, detallou Armesto, quen tamén incidiu en que se están atrasando no pago a provedores, aos que xa abonaron 900.000 euros.
Ante o "incumprimento" do plan pola Xunta relativo a este desaxuste, a UDC formalizou onte un requirimento por escrito para defender a súa interpretación do plan de financiamento que "non é favorable" a esta institución e que incluirá a revisión de anualidades anteriores á de 2015.
Tras reunirse cos conselleiros de Educación e Facenda a semana pasada, o reitor avanzou que alcanzaron un principio de acordo para estudar este tema e buscar solucións "prácticas" para poder acabar este ano e o próximo.
AXUSTE E SUSPENSIÓN TEMPORAL DO GASTO CORRENTE
Segundo Armesto, "non é certo que a UDC gaste máis ou non faga un gasto responsable dos seus fondos", pois "sempre cumpriu co plan de financiamento" e "a día de hoxe non contribúe en nada á débeda financeira que ten a Xunta de Galicia".
Para exemplificar a súa situación e "evidenciar que o financiamento da UDC é insuficiente", sinalou que a institución recibe 4.271 euros de fondos públicos por alumno, mentres que a universidade pública de Navarra conta con 9.363, un 54% máis.
Entre outras medidas, esta universidade expón habilitar un procedemento de mecenado para que as empresas poidan achegar unha colaboración privada "sen problemas".
Sobre a reorganización do centro e os seus departamentos, os membros do Consello enviarán nun prazo de dez días as súas achegas de maneira que, na próxima reunión, acordarán o inicio do plan director de reestruturación por razóns académicas.
"A Universidade da Coruña debe reestruturarse para ter institucións máis fortes, interdisciplinares e con capacidade docente, de investigación e transferencia", apuntou Armesto, quen avogou por facer unha formulación xeral de toda a universidade para conseguilo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario