mércores, 1 de xullo de 2015

A USC mostra os resultados das súas investigacións tecnolóxicas nunha xornada de portas abertas

O próximo 3 de xullo, amósanse os logros alcanzados polo equipo científico, moitos deles á vangarda da innovación mundial.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) organiza o próximo 3 de xullo o encontro Inside The Lab, unha xornada de presentación de tecnoloxía en Santiago de Compostela. O obxectivo é mostrar os resultados de investigación únicos obtidos ao longo dos últimos anos polo equipo científico, moitos deles á vangarda da innovación mundial.
Un modelo de atención visual que imita o comportamento do ollo humano (cualificado como "o mellor do mundo" pola University of Southern California no ano 2013), algoritmos que contribúen a incrementar a eficiencia en procesos industriais ou unha nova tecnoloxía capaz de converter grandes cantidades datos numéricos en linguaxe natural (utilizada actualmente por Meteogalicia para xerar predicións meteorolóxicas textuais en cada un dos 314 concellos galegos) son tres dos dezaseis exemplos que se mostrarán ao público.
O traballo desenvolvido nos laboratorios do CiTIUS está a transformar resultados científicos en tecnoloxías innovadoras, o que serve para achegarse ao sector empresarial. Os investigadores exporán as vantaxes e numerosas aplicacións dos seus sistemas, a través dun percorrido por distintos puntos de información repartidos por todo o edificio do CiTIUS, situado no campus sur.
14 DEMOSTRACIÓNS E 2 SPIN-OFF. As demostracións realizaranse entre as dez da mañá e as dúas da tarde. Non haberá unha axenda con horarios prefijados xa que a estrutura do formato será dunha Xornada de Portas Abertas. Á súa chegada, os visitantes recibirán un plano coa localización dos distintos puntos informativos, podendo asistir ás presentacións na orde que desexen.
En total serán 16 demostradores científicos os que se mostrarán aos asistentes, que incluirán 2 spin-off do centro: Cilenis, especializada en tecnoloxías da linguaxe e SiTUM, cuxo núcleo de negocio son as tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores. Con respecto ás empresas fundadas por investigadores do centro, serán os propios emprendedores os encargados de presentar os innovadores produtos comerciais que ambas as startups teñen actualmente no mercado, defendendo ante os visitantes as vantaxes de apostar por estas compañías. Para participar nesta xornada, o único requisito é inscribirse previamente na web do CiTIUS antes do 3 de xullo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario