mércores, 1 de xullo de 2015

A Mesa pide aos concellos que promovan o galego nas escolas infantís e nas subcontratas

Os alcaldes de Ferrol, Pontevedra e A Coruña van recibir nesta semana ao colectivo progalego, que reclama medidas concretas para rematar co que define como "sexenio negro" institucional.

A Mesa pola Normalización Lingüística comeza hoxe a rolda de contactos cos alcaldes das cidades galegas en Ferrol. A reunión co novo alcalde, Jorge Suárez, ten lugar no concello ás 17.00 e participan o presidente da Mesa, Marcos Maceira, xunto co Responsábel da Mesa de Ferrolterra e membro da Comisión Permanente Carlos Outeiro.
 
Nesta mesma semana a Mesa manterá outros encontros. Mañá xoves 1 de xullo ás con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e o 2 de xullo co novo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.
 
Desde a Mesa confían na posibilidade de abrir unha nova etapa para a lingua galega co impulso dos concellos, que remate co "sexenio negro de accións institucionais contra o idioma que caracterizaron o paso de Feixó pola Xunta". 
 
Para iso da Mesa propoñen iniciar accións concretas, “que só precisan de vontade, e que terían un efecto multiplicador e efectivo para recolocar e repor o galego en todos os espazos de onde está excluído”, indicou Marcos Maceira que engadiu que “se houber vontade é moito e moi efectivo, o que se pode facer desde os concellos para reverter a situación da lingua galega”.
 
As propostas que contempla a Mesa en relación aos concellos contemplan, entre outras, a oferta positiva na administración, que os concursos, ofertas e estudos técnicos estean redixidos en galego, que as empresas que prestan servizos aos concellos empreguen o galego con total normalidade ou a utilización do galego nas escolas infantís municipais.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario