venres, 2 de agosto de 2013

Defendendo lingua e patrimonio

O proxecto 'Palabras de pedra' agarda continuar as actividades tres anos máis.

O IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) é o artífice do Proxecto Mámoas-Palabras de Pedra. unha inicitativa que busca a valorización da nosa nosa lingua e o noso patrimonio, en concreto das mámoas de OIrós. Dende a súa posta en marcha fai pouco menos dun ano, xa deu varios froitos como é o libro Mámoas de Oirós. Lendas Possíveis, de Ramón Taboada, que foi presentado pola asociación Novo Cruceiro durante a noite de onte.


 A asociación cultural Novo Cruceiro presentaba onte o libro Mámoas de Oirós. Lendas Possíveis de Ramón Taboada e ilustracións de Calota Salgado. Unha recreación de lendas vinculadas á necrópole megalítica de Oirós: Mulleres que se converten en serpes ou tesouros escondidos de Cruces. Forma parte do Proxecto Proxecto Mámoas-Palabras de Pedra que o IES Marco do Camballón impulsa para valorizar o patrimonio material e sociolingüístico do concello.
O Clube de Lingua deste centro de educación secundaria foi, en colaboración con Novo Cruceiro, o artífice da posta en marcha deste proxecto no pasado mes de setembro. Dende entón alumnos, mestres, pais e nais, así como outros axentes do concello sumáronse a esta iniciativa.
Á vez que manteñen contacto cos arqueólogos que excavaron as mámoas nos anos 60, desenvolveron xa varias actividades, como unha excursión a Oirós en compañía de Celso Fernández Sanmartín ou unha conferencia de Manuel Gago, quen os achegou ao patrimonio e á historia de Vila de Cruces.
Asimesmo, en colaboración coa asociación, crearon a colección Os livros de rastalavras. A obra de Taboada é a segunda, despois de Sexo, Lingua e Rock'N'Roll, unha antoloxía elaborada por alumnado, exalumnado e profesorado do centro que conta con textos de xente vinculada á comarca, como a xornalista Belén Regueira ou a poeta Iria Anido Pedreira. Tamén participan no libro creadores como O Leo e Arremecaghona ou Vituco Neira, cantante de Ruxe Ruxe, xunto ao deseñador gráfico Raio. Tamén destaca o disco Camballón Mix, que recolle pezas de grupos a nivel galego e nacional e que xa vai pola súa sexta edición.
Pero o proxecto vai para longo, posto que teñen previsto seguir en marcha tres anos, como mínimo. De feito, xa son varios os proxectos que teñen en mente. Como a elaboración dun mapa dos tesouros de Vila de Cruces. Así como a limpeza dunha das mámoas, cos permisos de rigor.Un proxecto de normalización lingüística que recibiu un premio á innovación educativa da Xunta de Galicia.
De momento, para continuar co proxecto e como parte da semana cultural, a asociación propón unha camiñada o día 6 de agosto ao campo de mámoas de Oirós, que sairá ás 10.30 horas do iES Camballón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario