O secretario de Organización do PSOE, Óscar López,
anunciou este luns que a formación denunciará ante o Tribunal Supremo o Real
Decreto que regula as bolsas e axudas ao estudo, aprobado polo Goberno o pasado
2 de agosto, como parte dunha "grande ofensiva" que os socialistas poñerán en
marcha este curso "en defensa da educación e da igualdade de oportunidades".
Estamos a estudar ese decreto en profundidade para ver a posibilidade de
denuncialo ante o Tribunal Supremo en defensa da igualdade de oportunidades",
explicou López en rolda de prensa ao termo dunha reunión do Grupo de Traballo de
Educación que presidiu o secretario xeral do partido, Alfredo Pérez Rubalcaba,
no seu primeiro día de traballo tras as vacacións.Segundo dixo en relación á Lei Orgánica de Educación, o decreto nace dunha norma "que ten como obxectivo a garantía da igualdade de oportunidades", o que daría a 'percha' aos socialistas para impugnalo ante o Tribunal Supremo.
Esta é unha das "cinco accións de saída" que o PSOE vai poñer marcha como parte da citada "grande ofensiva" en defensa da educación, que arrancará este mércores coa comparecencia en sede parlamentaria do ministro do ramo, José Ignacio Wert, a quen os socialistas interrogarán sobre a política de bolsas, pero tamén sobre as taxas universitarias e o proxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que se encontra en fase de emendas.
Sobre este asunto, López recordou que "case todos" os grupos da oposición se teñen posto de acordo para derrogar a norma en canto alcancen maioría abondo e ten avanzado que isto "será probablemente o primeiro que aconteza na próxima Lexislatura". Con todo, o PSOE mantén a súa intención de recorrela ante o Tribunal Constitucional tan pronto como se aprobe.
A "terceira acción" anunciada polo responsable de Organización do PSOE consiste en "solicitar reunión coa Conferencia de Reitores de Universidades de España (CRUE) para falar de bolsas e tamén de taxas", co fin de analizar a situación ao seu xuízo, "intolerable", que se produciu tras ampliar o Goberno a forquita de prezos de matriculación.
López considera que o Goberno "está a provocar unha quebra entre cidadáns brutal dependendo do territorio no que vivan" e explica que, a día de hoxe, "o prezo medio dunha carreira en Andalucía é de 750 euros e en Madrid, está entre 1.620 e 1.980, máis do dobre".
Iso é así porque en aplicación das marxes que dá o Goberno, hai comunidades gobernadas polo Partido Socialista que están a conxelar ou soben un un por cento as taxas mentres outras gobernadas polo PP, como Madrid, soben un 20% que acumulado co ano anterior é un 60%. É unha diferenza intolerable", sinalou.
Así mesmo, López anunciou a convocatoria dunha convención "monográfica sobre Educación" que terá lugar o 21 de setembro de cara á Conferencia Política, e a posta en marcha dunha campaña de recollida de libros de texto nas súas sedes de todo o país "para que se poidan organizar bancos de intercambio de libros de texto" que axuden a aliviar a 'volta ao cole' das familias que teñan "máis dificultades".
Ningún comentario:
Publicar un comentario