luns, 15 de outubro de 2012

Volven “Os Axóuxeres”!



Os Axóuxeres actualízanse e transfórmanse neste ano 2012, segundo explicou o secretario xeral de Política Lingüística, "para adaptárense aos retos dunha sociedade que utiliza cada vez máis medios para relacionarse e educar. Os Axóuxeres mudan cos tempos, sempre co empeño de ofreceren ferramentas para cantar, para xogar, para medrar en galego co apoio dos pais e nais que, en definitiva, son os encargados de transmitirlles aos seus fillos e fillas a lingua galega".
Encontros teatrais e dixitais na Rede de Dinamización Lingüística
Os Encontros dos Axóuxeres son pezas teatrais dunha hora de duración pensadas para cativos de 0 a 3 anos, participativas e con moita presenza da música e do xogo. Pola súa banda, os Encontros dixitais son sesións de cine dixital pensadas para nenos e nenas de 3 a 6 anos acompañados dos seus pais e nais. Nestas actividades fomentarase a participación do público con xogos e cancións para desenvolver durante a celebración.
Toda a información sobre este programa estará dispoñible no web Os Axóuxeres 2012.
Os Axóuxeres, tamén na TVG2
Nesta nova etapa, ademais dos Encontros teatrais e dos dixitais, Os Axóuxeres adquiren unha dimensión televisiva para chegar a todos os fogares de Galicia, grazas ao novo espazo televisivo do mesmo nome, que se emitirá a partir do día 22 de outubro na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2). O horario será de luns a venres, ás 7.30, ás 13.00 e ás 17.00 h, no marco da súa programación infantil e do coñecido Xabarín Club.

Máis información no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.





Ningún comentario:

Publicar un comentario