mércores, 17 de outubro de 2012

A Unesco constata un recorte do 30% no investimento educativo do Goberno español

Unesco


Informe completo, na web da Unesco

Os "recortes" no ámbito social están no centro do debate político dende o inicio da crise económica. A redución do déficit ou o pagamento dos xuros da débeda pública condicionan o investimento en áreas como a sanidade, a atención á dependencia ou a educación. No ámbito educativo é no que se vén de deter a Unesco. A axencia da ONU especializada na cultura vén de facer pública unha nova edición do seu informe Educación para todos, un amplo traballo no que fican constatadas as abismais desigualdades que existen no acceso á formación no mundo, pero no que tamén está reflectido con claridade o desplome das achegas dos gobernos á educación nos chamados "países desenvolvidos". No caso español, a caída foi dun 30% entre 2008 e 2010, isto é, xusto antes de que o Goberno central aplicase os grandes paquetes de recortes seguindo instrucións da Unión Europea, primeiro co goberno dirixido por José Luis Rodríguez Zapatero e despois, co de Mariano Rajoy,
A Unesco non dubida que por tras da redución dos orzamentos para a educación están as "presións políticas e financeiras" que reciben os gobernos a causa da "axuda externa" para as súas contas, isto é, da débeda. E neste contexto, lamentan, os cartos reservados para o sistema educativo poden ser un "obxectivo doado para os recortes". Non dubida á axencia da ONU á hora de incluír o caso español entre os países que "fixeron recortes drásticos". "España, que se convertera nun importante investidor'" en educación "na pasada década, fixo recortes de máis do 30%", explica o informe.
Líderes en fracaso escolar e desemprego xuvenil
Un terzo do alumnado español de secundaria abandona os estudos antes de rematalos
Pero o Reino de España non destaca só neste estudo pola súa destreza coa tesoira. Tamén o fai, moi sinaladamente, polos seus "preocupantes" niveis de fracaso escolar. Mentres que "en promedio" no conxunto da Unión Europea o abandono das aulas antes da fin do ensino secundario está no 14%, "en España un de cada tres alumnos abandona a escola secundaria". Estas cifras son, para a Unesco, "motivo de inquedanza", máis aínda tendo en conta a "gravidade da crise económica" e, sobre todo, do "nivel de desemprego da xente moza", que en marzo de 2012 xa acadara o 51%. "Cómpre que en todos os países se preste atención á adecuación do ensino secundario ao mundo do traballo", explica, nun contexto no que o Estado español é "o máis afectado" da UE polo paro entre a mocidade, nun contexto no que "cando menso un cuarto da xente nova que deixou os seus estudos ao rematar o primeiro ciclo do ensino secundario e un quinto dos que abandonaron despois do bacharelato" non teñen emprego nin o buscan.
Así e todo, a Unesco sinala que a mera creación de postos de traballo "non nos sacará da crise por si soa", xa que a ausencia de formación, a falta de competencias profesionais, "aboca" a moitos mozos europeos a "desaproveitar o seu potencil" e tamén a "perder oportunidades de emprego". Por este motivo a axencia recomenda "formar a mocidade con competencias profesionais axeitadas, con experiencia previa e con capacidade de adaptación ás novas tecnoloxías". Cada dólar investido en educación, resalta, supón un retorno de 10 dólares para a economía de cada país.



Ningún comentario:

Publicar un comentario