INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
martes, 9 de outubro de 2012
O ensino público perdeu en Galicia máis de 1.000 docentes en dous anos
Os datos adoitan ser un dos mellores antídotos contra as as consignas ou os eslogans, especialmente en campos sensibles da permeable fronteira que separa a política e os servizos públicos. Ao longo da lexislatura autonómica que remata non foron poucas as ocasións nas que o Goberno galego e, nomeadamente, a Consellería de Educación, polemizou con representantes da comunidade educativa -asociacións de pais e nais, sindicatos, organizacións estudantís- para rebater as acusacións en torno aos recortes de profesorado. Mentres dende a Xunta falaba de racionalización ou axustes nas aulas dos centros públicos alertábase de que se estaba a practicar unha tesoirada. Existiu unha tesoirada? Os datos oficiais din que si, de máis de 1.000 profesores e profesoras en apenas dous anos.
Segundo as cifras oficiais do Instituto Galego de Estatística a finais do pasado setembro exercían en Galicia un total de 36.656 docentes, dos que 28.917 profesores e profesoras pertencen ao ensino público e os 7.739 restantes, ao privado. Estas cifras contrastan coas rexistradas dous anos antes polo IGE. En 2010 os centros públicos do país contaban cun cadro de profesorado formado por 30.026 persoas, isto é, 1.109 docentes, o que supón unha redución do 3,8%. Tamén perdeu persoal a escola privada, aínda que nunha magnitude moi inferior, non só en números absolutos, con 54 docentes menos, senón tamén en termos porcentuais, quedando o recorte en apenas o 0,6%.
Só fican 21 docentes dos máis de 1.000 sumados durante o mandato do bipartito
Esta baixada no cadro de mestres e mestras, que os sindicatos educativos explican con factores como a non cobertura de xubilacións, a ausencia de convocatorias de novas prazas ou a supresión de interinidades, permite tamén realizar unha lectura adicional acudindo un chisco máis atrás nas estatísticas do IGE. Ao realizar esta operación é posible concluír que o ensino público de Galicia perdeu xa practicamente todos os docentes que sumara durante o mandato do Goberno bipartito. Cando PSdeG e BNG asumiron o Executivo nas escolas públicas do país impartían clase 28.899 persoas. No último ano completo que gobernaron, o 2008, había 1.130 máis, chegando aos 30.029. En en 2009 a cifra caeu ata os 29.977 e en 2010 repuntou levemente, ata situarse en 30.026, iniciando despois a devandita caída ata a actualidade. Así as cousas, do profesorado sumado neses anos apenas fican 21 docentes.
Outro dato a ter en conta son as variacións experimentadas polo ensino privado nestes mesmos anos. Mentres as oscilacións na escola pública foron notables, na privada produciuse un crecemento sostido no seu cadro docente entre 2005 e 2011, pasando de 7.356 a 7.818. A primeira caída chegou neste 2012, cando os colexios privados contan cos mencionados 7.739 mestres e mestras.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario