mércores, 31 de outubro de 2012

Sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais e integrantes da Federación de municipios e provincias erguéronse da reunión deste organismo ante o que consideran "un atentado sen precedentes contra a liberdade de expresión", ao non permitirse o debate das emendas presentadas ao anteproxecto



O Goberno español vén de practicar "un atentado sen precedentes contra a liberdade de expresión" ao impedir o debate dun dos informes alternativos ao presentado pola Permanente do Consello escolar sobre o anteproxecto da chamada Lei de mellora da calidade educativa.
Así o denunciou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen informou de que todas as organizacións sindicais, estudantís, de nais e pais e integrantes da Federación de municipios e provincias --ao redor do 40% do Consello escolar-- se ergueron da mesa e abandonaron a reunión.
"É un feito insólito que non se ten producido en todos os anos de funcionamento do Consello escolar, con gobernos de diferente signo", subliñou Louzao, remarcando a actitude da dereita española e valorando como "máis que preocupante que se negue o debate e se persigan as ideas e a ideoloxía que non concordan co PP".
CIG-Ensino presentou un documento con até 83 emendas ao anteproxecto da Lei educativa exixindo "que se retire esa norma e se abra un amplo debate social para darlle un xiro de 180 graos", acrecentou Louzao.
Para alén de non quitar adiante este texto por supor "unha intromisión nas competencias" da Galiza, o informe alternativo presentado pola central nacionalista sinala o procedemento "totalmente antidemocrático" que seguiu o ministerio que encabeza José Ignacio Wert para a aprobación do anteproxecto, anulando as posibilidades de participación "real" da comunidade educativa.
Ao respecto do contido apunta Louzao que as reformas que se practicarán de aplicarse a lei española "son de gran calado e poñen en cuestión o dereito universal á educación, e son máis unha tentativa de centralización e españolización" do que queda do ensino público galego e en galego.





Ningún comentario:

Publicar un comentario