martes, 9 de outubro de 2012

O BNG pide que o dominio do galego puntúe no acceso a postos laborais nas institucións da UE


O BNG pediu á Comisión Europea (CE) que o coñecemento da lingua galega sexa valorado no proceso de selección para acceder a postos de traballo nas institucións da Unión Europea. Para iso apoiouse en que é "a lingua cooficial de tres millóns de persoas".
En concreto, realizou esta solicitude a través da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen presentou unha iniciativa parlamentaria dirixida ao órgano con sede en Bruxelas, segundo indicou a formación a través dun comunicado.
Para a deputada do Bloque na Eurocámara "non é comprensible" que o dominio dunha "lingua propia de tres millóns de europeos" non puntúe como mérito pero si o faga o "coñecemento doutros idiomas que non son propios da UE". Neste sentido, Miranda destacou que, ademais de ser "a lingua propia" dos galegos, conéctaos con 240 millóns de habitantes do mundo da lusofonía.
Precisamente, esta petición produciuse no Día europeo das linguas. Tal e como censurou a formación na súa nota de prensa, esta xornada, que se celebra desde o ano 2001, conmemora "a riqueza lingüística da UE con 23 idiomas oficiais", pero "sen considerar como tales" as linguas cooficiais en España.

Información tirada de Galicia Hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario