martes, 30 de outubro de 2012

Retranca contra o "trienio negro" para a educación en Galicia

"-Máis xubilacións e máis alumnos igual a... menos profesores! -In English, please!". É un dos diálogos que se puideron escoitar na mañá deste luns nas inmediacións da Consellería de Educación. Tras meses de protestas de diferente formato para rexeitar os recortes educativos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dedicidu desta volta botar man da retranca para, no inicio do curso escolar en secundaria, transmitirlle á sociedade "máis que unha parodia, unha realidade teatralizada" do que para este colectivo foi, en verbas do seu voceiro, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, un verdadeiro "trienio negro" para a escola pública.

Profesores transformados en alumnos, por unha banda e en alumnas, pola outra, ateigaban as cadeiras colocadas fronte á sede da Consellería. Ao son da gaita procuraban o seu sitio ollando para os indicadores: "boys/niños" dun lado, "girls/niñas", do outro. Á fronte da clase, uns peculiares Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez, tesoira en man, impartían clases de recortes por doquier ata que un bispo e un crego irromperon na aula. Previa bendición, reciben unha cuantiosa suma de cartos públicos. "Ao mesmo tempo representamos a masificación das aulas, a falta de profesorado e a cativa presenza do noso idioma no ensino", explica Louzao, nun inicio de curso no que "o PP está a actuar como unha verdadeira fábrica de crear desemprego" entre os docentes: desde 2009 hai "2.000 profesores menos no ensino público", calcula a plataforma. Mentres, "dedícanse ao ensino privado concertado máis de 248 millóns de euros ao ano".
A plataforma denuncia un recorte de 2.000 docentes "mentres se dedican 248 millóns ao ano á privada concertada".
"Profe, non collemos na aula!", protestaban o particular alumnado mentres o cabezudo conselleiro amagaba con botar man da regra e non era quen de responder ás preguntas da aula, metáfora dos "800 profeseores e profesoras que teñen que impartir materias nas que non son especialistas". "Falta planificación" e mesmo danse "actuacións irregulares e anómalas", denuncia Louzao, caso por exemplo dos "55 profesores" con praza pero "sen destino, que saben que van traballar nunha zona aproximada, nun radio de 50 quilómetros" mentres "ao mesmo tempo hai centros que necesitan profesorado para atención á diversidade" ou para "programas de cualificacións" especialmente "masificados".
Parodias á parte, a Plataforma considera "evidente" que no comezo do curso 2012-2013 "se vai conculcar o dereito á educación de moito alumnado no noso país, na medida en que as baixas non se van cubrir" se duran "menos de 10 días". "Ese alumno ou alumna, no mellor dos casos -explica- estará atendido por profesores que non son especialistas, e digo no mellor dos casos porque haberá centros que teñan que agrupar dúas aulas, porque non vai haber profesorado dabondo para cubrir as gardas", describe Louzao, nun contexto no que para moitos traballadoras e traballadores do ensino o "panorama é máis que escuro", con "máis de 1.000 profesores" que viñeron traballando como substitutos e interinos e que agora "non foron chamados", en moitos casos tras "quince, vinte ou vinte e cinco anos traballando". "A pesar do que digan o presidente e o conselleiro estase a poñer en tea de xuízo o dereito á educación", conclúe.



Ningún comentario:

Publicar un comentario