mércores, 18 de xuño de 2014

Perto de 4.500 sinaturas solidarias co profesorado do Celga

“É inaceptábel que unha administración pública nin sequera garanta os mínimos dereitos laborais legalmente estabelecidos”, denuncia Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, que entregou as sinaturas no rexistro do Parlamento.

CIG-Ensino e profesorado CELGA fixeron entrega no rexistro da Xuntade 4.443 sinaturas en apoio ás persoas que até o de agora viña impartindo estes cursos de galego. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou a situación “irregular, fraudulenta e ilegal” na que afirma que a Consellaría e a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantivo durante anos a este profesorado;  exixiu o recoñecemento dos seus dereitos e reclamou a retirada da Orde pola que se pretende que sexa profesorado en activo quen imparta, en diante, estes cursos.
O profesorado CELGA pasou anos impartindo estes cursos de galego sen que desde a Consellaría se estabelecera ningunha relación contractual con eles. Nin sequera dalos de alta na Seguridade Social. Ante esta precaria situación presentáronse denuncias diante das Inspeccións Laborais provinciais que resolveron que se trataba dunha fraude e mesmo impuxeron á consellaría unha sanción de máis de 200.000 euros.
Lonxe de legalizar a súa relación laboral con profesorado CELGA Educación optou, segundo denuncia o secretario nacional da CIG-Ensino, por responder de forma represiva despedindo a todo este profesorado e ofrecendo ao que está en activo os cursos para impartilos como horas extra.
Anxo Louzao entende que “non é casual” que isto suceda. “Estamos ante unha Consellaría  de Educación que se caracteriza pola persecución ao noso idioma. É un profesorado formado que amosou a súa solvencia para impartir estes cursos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario