venres, 27 de xuño de 2014

Localizan textos inéditos e debuxos do escritor Álvaro Cunqueiro

Documentos anteriores ao ano 1936 localizados nunha viga situada nunha construción anexa á residencia familiar da estirpe dos Cunqueiro na Praza de Mondoñedo permitiron sacar á luz textos inéditos e debuxos do escritor mindoniense.

O fondo documental presenta un estado de conservación deficiente polo paso do tempo, a climatotoloxía e o propio lugar no que se gorecía.

Está dividido en tres bloques, o primeiro con escritos e imaxes gráficas, o segundo, centrado en correspondencia epistolar; e o terceiro, articulado en base á documentación orgánica do Partido Galeguista e do nacionalismo galego en xeral.

Nun deses textos, Álvaro Cunqueiro di ''Chegamos de corazós de antigos simpres, amábeles como fábulas ou peites vellos'', e unha estampa na que se ve un arco iris, elemento que forma parte do léxico que el empregaba nas súas obras, un cervo e unha mazá, froita pola que sentía auténtica debilidade.

Ata o punto de que o experto César Morán reflexa, neste mesmo medio, que a súa casa de Vigo, na que faleceu, sempre estaba chea de mazás, "que tiñan que ser de Mondoñedo", un municipio lucense que nos seus traballos era moito máis que un recurso.

Mazás, ás que se unían laranxas e, en ambos os casos, incluso "esparexidas polo chan", ilustra este especialista, e sostén, acerca deste descubrimento, que "sendo de Cunqueiro, todo o que apareza é interesante", mentres que do lugar elixido para gardar este material, opina que descoñece a razón, aínda que "pode ser que non fose polos poemas, senón pola documentación política".

Ningún comentario:

Publicar un comentario