xoves, 19 de xuño de 2014

O informe da Mesa fai que a Academia urxa á Xunta a atender a situación do galego no ensino

Dous días despois de que a Mesa presentara os alarmantes datos de uso do galego en educación infantil, a Academia urxe á Xunta a avaliar a situación do galego no ensino. 


A Comisión Executiva da Real Academia Galega acordou dirixirse tanto á opinión pública como ao goberno galego sobre o deterioro da situación do galego no sistema educativo, diante do que definiu como “importantísimo problema, en que se xoga en boa medida o futuro do galego”. Dous días despois de que a Mesa presentara o resultado da súa enquisa cos centros de ensino das cidades, a RAG urxe ao goberno galego a que “proceda a avaliar a evolución da situación do galego no ensino e os efectos desta nas competencias do estudantado nos niveis non universitarios”, de maneira especial no que respecta a educación infantil e primaria. Só 7 dos 289 centros de ensino imparten Educación Infantil maioritariamente en galego segundo se recolle nos alarmantes datos feitos públicos pola Mesa. 
Reclama a Academia tamén que tome “as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística no referente ao sistema educativo como axencia de normalización da lingua galega, non de desgaleguización”. A institución presidida por Xesús Alonso Montero ampara a súa solicitude no “decreto para o plurilingüísimo” que contempla unha avaliación anual despois de cada curso escolar. Denuncian que, catro anos despois da súa aprobación, a Xunta “continúa sen realizar as devanditas avaliacións, sen facer públicos os seus resultados e sen tomar medidas que puidesen rectificar unha deriva en aparencia claramente desfavorable ao galego no sistema educativo, e por tanto, nas competencias e uso da lingua por parte do estudantado”. Esíxelle, polo tanto, ao goberno de Feijóo que cumpra co texto normativo e desenvolva a avaliación, comunique os resultados á opinión pública e “no seu caso, poña en marcha as medidas tendentes a asegurar que o sistema educativo xogue o papel que ten legalmente atribuído na recuperación e normalización do idioma galego”.
Datos ocultos e decreto de plurilingüísmo
Para Marcos Maceira, presidente da MNL, “unha institución que ten como obxectivo a defensa e promoción do idioma galego como é a Academia ten que ser contundente á hora de esixir ao goberno galego que interveña nunha situación extrema”. Lembra Maceira que a Mesa elaborou xa dous informes sobre a situación do galego en educación infantil nas cidades e que “a Xunta ten que tomar nota dos datos que fixemos públicos mais tamén avaliar os que xa teñen destes cinco anos que nunca quixeron facer públicos”. 
O presidente da Mesa  valora que a Academia atenda á denuncia que presentaron hai tan só dous días na que se mostra unha aínda maior merma da presenza do galego no ensino infantil mais insiste en que “non abonda con reclamar á Xunta a avaliación da situación do galego no ensino. Os datos xa os coñecemos e nunca foron tan negativos. Compre esixirlle ao goberno de Galiza que interveña para garantir que, en especial no fundamental ciclo de Educación Infantil, o alumnado poda exercer os seus dereitos lingüísticos”.  Para Maceira, a situación chega co goberno de Feijóo a uns mínimos históricos que fan temer pola transmisión xeracional da nosa lingua e esixe, polo tanto, que a “Academia esixa á Xunta que derogue o decreto de plurilinüísmo e que volte o consenso acadado co Plan Xeral de Normalización Lingüística”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario