martes, 12 de xuño de 2012

VIII Curso de verán de dinamización lingüística


Un ano máis, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña, en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), co Concello de Carballo e mais coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), convoca o Curso de verán sobre dinamización lingüística, que nesta oitava edición leva por título "Dinamización lingüística e xustiza social". O curso terá lugar no Fórum Carballo, sito no concello de Carballo, os días 18, 19 e 20 de xullo. O prazo de inscrición xa está aberto.
O obxectivo principal deste curso é fortalecer a idea de normalización lingüística como unha causa máis para reivindicar a xustiza social. Ademais, isto servirá para vincular a dinamización da lingua co ecoloxismo, o feminismo, a cooperación para o desenvolvemento, a defensa das persoas desfavorecidas, etc. Procurarase amosar a oportunidade e necesidade de conectar e crear vínculos entre diferentes espazos que procuran unha maior xustiza social. Ao mesmo tempo deseñaranse iniciativas para que os movementos, colectivos, asociacións, etc. que desenvolvan esas causas asuman máis activamente a defensa da normalización lingüística como algo propio que ten que formar parte de seu da súa programación cotiá.

Máis información sobre o xeito de inscrición e o programa do curso no web da CTNL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario