martes, 26 de xuño de 2012

A plataforma GalegoLab impulsa un proxecto que facilita o lecer lúdico en galego


GalegoLab, a plataforma dixital de iniciativas colectivas para promover o galego, segue adiante na súa procura intensiva de espazos onde a lingua xa non se le nin se escoita. Este labor de observatorio do retroceso do galego vénse de manifestar unha vez máis coa posta en marcha de LEGA (Lecer Galego), proxecto que será presentado o xoves 21 de xuño ás 11.30 horas na Libraría Couceiro e que está dirixido a achegarlle á sociedade da nosa terra recursos lúdicos dixitais, xerando contidos baixo licenzas principalmente libres que posibiliten a súa distribución e uso sen barreiras. E todo facendo fincapé nos ámbitos xeográficos, urbanos case todos eles, onde o galego é xa case unha anécdota.
Velaquí os proxectos cos que LEGA bota a camiñar:
Galegogym, un CD de música galega, en Creative Commons, para facer fitness en galego, que contou coa colaboración de artistas como GalegoZ, Zimmer 103 e Projecto Mourente.
• Astronomía básica, un recurso de astronomía orientado a seareiros presentes ou futuros da astronomía. “O proxecto”, informa GalegoLab, “consta de material dixital de astronomía, unha guía de astronomía básica e un DVD do sistema operativo Ubuntu en galego, totalmente funcional para usos xenéricos, e modificado de tal xeito que se engaden programas de astronomía en galego de mapas e atlas celestes (Stellarium e Cellestia)”. Tanto o software coma o navegador ou procesador de textos e o reprodutor de vídeo están completamente en galego. Cómpre destacar que é executable sen instalar. Astronomía básica levouse a cabo en colaboración con Astronomía na Beirarrúa, un proxecto xurdido ao abeiro da Universidade de Santiago e do seu traballo por achegar esta disciplina científica e investigadora á cidadanía de xeito lúdico e participativo.
• Xogos para ordenador totalmente traducidos ó galego: polo de agora (e agárdanse en breve máis achegas) Frozen Bubble e Childsplay.
• Subtitulado ó galego de Sintel, unha curtametraxe de animación desenvolvida pola fundación Blender.
Os recursos de todos os proxectos rematados en GalegoLab estarán tamén dispoñibles para a súa descarga.

Información tirada de Código Cero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario