INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
mércores, 27 de xuño de 2012
O Día das Letras Galegas de 2013, na honra de Vidal Bolaño
O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, destacou "a forza e potencia creativa" de Vidal Bolaño, recalcando que non foi unicamente un autor de teatro, senón que destacou en todas as facetas do xénero, ensinando con igual mestría a súa faciana de actor, director e escenógrafo. "É o noso Darío Fo", dixo a académica Margarida Ledo, salientando tamén ela a traxectoria do homenaxeado, alén da súa capacidade para potenciar o teatro nos múltiples rexistros desta arte. Pola súa banda, Euloxio Ruibal definiu a Bolaño como "un imprescindible" do século XX.
Roberto Vidal Bolaño
Vidal Bolaño, nacido en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1950 e finado na mesma cidade o 11 de setembro de 2002, foi unha das figuras máis relevantes do teatro galego. Iniciouse no mundo teatral co grupo Antroido, nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), en que se deu a coñecer como dramaturgo e escenógrafo co pseudónimo de Julia Brens.
Entre as súas obras teatrais escritas pódense salientar Laudamuco, señor de Ningures (1976), Bailadela da morte ditosa (1980), Agasallo de sombras (1992), As actas escuras (1994), Doentes (1998), A ópera de a patacón (1998) ou Animaliños (2003), moitas delas, ademais de escritas, tamén dirixidas por el mesmo ou levadas ao teatro por diversas compañías.
Foi un dos impulsores da profesionalización do teatro galego: ao o despediren no 77 do banco en que traballaba, viuse na obriga de converter o grupo Antroido na primeira compañía teatral galega. Foi un dos primeiros directores que participaron do teatro institucional, levando ás táboas co Centro Dramático Galego (CDG) en 1984 a súa obra Agasallo de sombras. No ano 2001 representou co CDG a Rosalía que Ramón Otero Pedrayo escribira en 1958. As súas últimas actuacións foron co grupo Teatro do aquí, a súa compañía nos últimos anos.
Ademais do xénero dramático, cultivou o audiovisual, realizando guións para Televisión de Galicia e a Televisión Española, con traballos como Malos tratos, Novo de Parmiude ou Morosos varios. Tamén levou á pantalla relatos de grandes escritores galegos do século XX, como Ánxel Fole (Cara de lúa) e Eduardo Blanco Amor (O noxo), e participou como actor en series televisivas de prestixio, como Mareas vivas.
Influído por Ramón Otero Pedrayo, defende unha certa recuperación do popular: coma el, cultivou o teatro histórico arredor da figura de Rosalía de Castro, con obras que constitúen verdadeiros ensaios sobre a vida e obra da nosa poeta máis universal. Porén, unha das súas maiores influencias foi o teatro de Valle-Inclán, a quen menciona varias veces ao longo da súa traxectoria, e de cuxa obra Luces de bohemia se nota fonda pegada en Doentes. As correntes estéticas do realismo, simbolismo, surrealismo e expresionismo están igualmente presentes na súa obra.
Novos académicos
O Plenario da Real Academia Galega acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova (Lugo, 1942), profesor titular de Filoloxía Española na Universidade de Valencia, e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.
Información tirada de Sermos Galiza.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario