INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
martes, 12 de xuño de 2012
O xornal dixital en lingua galega Sermos Galiza chegou aos quioscos o 8 de xuño
Sermos Galiza, novo medio dixital galego, acaba de comezar a súa andaina no eido tradicional de distribución xornalística, isto é, na da súa versión en papel, que foi dende o comezo da iniciativa un obxectivo clave a perseguir.
Así, Sermos Galiza quixo dende os seus primeiros pasos cubrir non só o baleiro deixado por medios como Galicia Hoxe ou A Nosa Terra, senón tamén dar conta de certa ausencia dunha canle de información xeral, non específica, que o cubrise todo: dende os espazos 2.0 de vangarda até os revisteiros dos nosos fogares, locais hostaleiros ou centros sociais, arestora ben deficitarios de información en galego.
Segundo informan dende Sermos Galiza, cada sexta feira (venres) desde o próximo día 8 de xuño os quioscos recibirán un novo número do semanario. As persoas que optaren pola subscrición terán no seu domicilio o xornal a través dun “sistema áxil de distribución de imprensa que garantirá a chegada no mesmo día”. Un sistema de repartición de prensa, explícase, empregado para a entrega de xornais diarios facilitará a distribución nos núcleos urbanos. Na zona rural será distribuído por medio do servizo de correo postal. A subscrición é posible facela directamente premendo na ligazón da cabeceira do diario dixital.
“As persoas que mercaren ou se subscribiren ao xornal semanal terán nas súas mans uns contidos informativos diferentes aos que Sermos Galiza ofrece na rede”, sinálase. Así, a idea é que o semanario conte con pezas de máis demorada elaboración e lectura, seccións fixas e xéneros como a reportaxe, entrevistas ou artigos de reflexión e análise.
Información tirada de Código Cero.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario