martes, 12 de xuño de 2012

PuntoGal reinvestirá beneficios no fomento do galego nas novas tecnoloxías


A Asociación PuntoGal presentou formalmente onte a candidatura do dominio .gal ante o organismo competente, o Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). PuntoGal leva seis anos traballando para conseguir que a cultura e a lingua galegas teñan un espazo propio na rede.
Trátase dun labor que conta apoio institucional e financeiro da Xunta de Galicia, que desde 2007 achegou máis de 490.000 euros á asociación para o desenvolvemento das actividades necesarias que permitisen a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado este ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e A Asociación PuntoGal para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á comunidade contar cun dominio propio en internet. Pereira inaugurou onte a xornada “A candidatura dun dominio de internet para a lingua e a cultura galegas”, organizada pola asociación PuntoGal e na que tamén interveu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A responsable de Modernización sinalou que cando hoxe alguén dende Galicia rexistra un dominio xenérico, a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra. A activación de .gal permitirá que a maior parte da repercusión económica directa quede en Galicia, polo que servirá tanto para captar ingresos de fóra coma para reducir o volume de diñeiro que marcha ao exterior produto do rexistro de dominios.
Ademais, Mar Pereira destacou que para que as empresas que comercialicen na rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación, etc.) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía, etc.), ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.
Pola súa banda, o responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, puxo de manifesto que “acadar o dominio .gal é moi importante para a proxección do galego do mundo, e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de internet”.
Manuel González González, presidente da Asociación puntoGAL e membro da Real Academia, destacou na súa intervención que o .gal servirá para aumentar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia, favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións. González explicou que o .gal estará dispoñible para todas as webs que empreguen o galego ou que fagan nelas referencia á cultura galega.
Autofinanciamento
PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos. Por exemplo, na última convocatoria os beneficios dos rexistros dos .cat servirán para financiar proxectos da sociedade da información en catalán que melloren a accesibilidade ás novas tecnoloxías por parte de persoas con discapacidades físico-sensoriais, que axuden a xerar contidos ou que desenvolvan ferramentas baseadas en estándares abertos.
O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 55.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísiticos.
A ICANN prevé un prazo de doce meses, aproximadamente, para dar o resultado das primeiras avaliacións. Polo que, de entrar na primeira quenda de avaliacións e superar o exame, PuntoGal podería estar na rede a finais do próximo ano.

Información tirada de Galicia Hoxe. Máis ligazóns relacionadas con esta nova en Galicia Confidencial e no web da SXPL. [Cómpre dispor de acceso a internet para as dúas primeiras ligazóns.]

Ningún comentario:

Publicar un comentario