martes, 12 de xuño de 2012

Cultura e Educación e EFE asinan un convenio de colaboración para a difusión do galego

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a representante da Axencia EFE, Ana Martínez, asinaron un convenio de colaboración para a difusión da lingua galega a través das noticias publicadas por esta axencia de comunicación. No acto estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
Coa sinatura deste convenio, a consellería dirixida por Vázquez Abad contribúe a lles dar cumprimento ás medidas establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega de aumentar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación de masas, nas industrias culturais e na publicidade, de tal xeito que se garanta unha completa oferta informativa, lúdica, cultural e formativa no noso idioma.
No marco deste convenio de colaboración, a Axencia EFE comprométese a potenciar o uso e a presenza do idioma galego nas noticias que difunde e a garantir un control de calidade lingüística das informacións e contidos publicados ou emitidos en galego. Con esta finalidade, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forneceralle apoio e asesoramento lingüístico.

Información tirada do web da SXPL.





Ningún comentario:

Publicar un comentario