venres, 7 de decembro de 2012

A Mesa pide que as institucións da Cultura se posicionen contra Wert


O borrador da LOMCE espertou tal rexeitamento en Catalunya que até o Barça emitiu un comunicado defendendo a lingua propia como "parte da nosa identidade" namentres na Galiza entidades como a Real Academia e o Consello da Cultura gardan silencio. Noutra orde de cousas, as organizacións que gañaron o recurso contra o decreto do plurilingüismo xuntáronse co BNG para artellar ''unha ofensiva'' pola derrogación desta norma.
A contrarreforma educativa que prepara o Goberno español espertou o rexeitamento en todos os recunchos de Catalunya. Até o Fútbol Club Barcelona fixo público un comunicado en que reivindica a lingua catalana e o seu ensino nas escolas como "parte da nosa identidade e un elemento cabal para a cohesión social e a convivencia do noso pobo".
A entidade deportiva reaccionou antes de que na Galiza o fixesen institucións como a Real Academia ou o Consello da Cultura perante unha LOMCE en que se dispón que centros privados serán finanzados con diñeiro público para educar integramente en español ou onde a materia de relixión goza de maior importancia que as linguas propias até o punto de que o Estado deixa liberdade aos centros para decidir cantas horas lectivas lle dedican a impartir galego, éuscaro e catalán.
Ao entender de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, o silencio da RAG e do CCG "é unha mostra manifesta de que as nosas institucións culturais teñen que espertar do seu sono e ser máis vivas". Callón reiterou máis unha vez o seu apoio á entidade que preside Méndez Ferrín após un recorte orzamentario que alcanzaría o 70% desde que o PP está na Xunta. A última tesourada, pola volta de 340 mil euros, coñeceuse hai dous meses. Porén, o que desde unha asociación en defensa da lingua como A Mesa non se entende é que "cada vez que Ferrín se xunta con Feijóo só realice reivindicacións económicas".
Recalcou Callón que de calcularmos as subvencións públicas que reciben as asociacións pro-lingua e as equipas de normalización "xuntas non chegan nin á metade do que recibe a Academia" e, após citar actuacións puntuais como o recurso contra o decreto do plurilingüismo que a RAG presentou tamén, sinalou o presidente da Mesa que "co diñeiro que reciben deberan facer moito máis polo noso idioma". Respecto do Consello da Cultura, Callón queixóuse de que desta institución "non ouvimos nin 'mu'".

Contra as normativas da 'wertgoña'

Ao fío, após coñecer a folla de ruta da LOMCE, o BNG mantivo esta cuarta feira unha xuntanza coas entidades que gañaron o recurso contra o decreto do PP: A Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino. Analizaron en conxunto o que supoñen tales resolucións do Tribunal Superior de Xustiza no marco dunha norma que pretende reducir máis aínda a presenza do galego nas escolas, e cadraron na necesidade de lle reclamar á Xunta "que exerza as súas competencias" en materia educativa e, para alén de derrogar o decreto galego e voltar "ao consenso" do Plano de Normalización que o PP rachou "unilateralmente", exixen a Feijóo que lle plante cara a Wert e se revolva contra o borrador da lei.
Porén, namentres a conselleira de Educación de Catalunya se ergueu da mesa durante a conferencia sectorial e deixou claro que a Generalitat interporá un recurso perante o Tribunal Constitucional se Wert non recúa, desde a Galiza Núñez Feijóo aplaudiu a reforma española e mostrouse orgulloso de que o seu modelo "bilingüe" se espalle ao resto do Estado. O conservador refusou dicir ás claras que o seu Goberno tamén pagará centros privados para que as familias poidan educar as crianzas en español, mais xustificou tal medida argumentando que a Constitución estabelece "a obriga do bilingüismo" nos territorios con lingua propia e acrecentou que o español "é a lingua común para todo o Estado".
Fronte a tal mostra de orgullo, o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, lembrou a reacción provocada polo decreto do galego, con manifestacións históricas en defensa do galego, catro sentenzas xudiciais en contra, informes do Consello de Europa descualificando a política idiomática da Xunta e o rexeitamento "practicamente unánime" da comunidade educativa. Acto seguido, e parafraseando un xogo de palabras que circula polas redes sociais, Jorquera afirmou que Feijóo é "unha wertgoña para Galiza" e anunciou unha "ofensiva parlamentar" instando á Xunta a pular polo galego.
Após lembrar que o doce deste mes ás doce do mediodía hai convocada unha mobilización en defensa do galego diante de San Caetano e máis unha manifestación nacional o 27 de xaneiro, Carlos Callón valorou as declaracións de Feijóo: "velaí o que queren dicir cando falan de bilingüismo", apuntou o tamén presidente de Queremos Galego, ironizando sobre a necesidade de que se tipifiquen "as mentiras dunha autoridade pública" e preguntándose a si propio "que bilingüismo é ese que erradica o propio dos centros de ensino?" Un informe realizado pola Mesa nas escolas das cidades do País destapou que o decreto do plurilingüismo imposto polo PP varreu o galego das contornas urbanas: só o 9% dos centros imparten "algo" na lingua propia.



Ningún comentario:

Publicar un comentario