luns, 27 de outubro de 2014

Labregas e mocidade protagonistas no início do IX Fórum por um Mundo Rural Vivo

O IX Foro por un Mundo Rural Vivo arrincou onte, 24 de outubro, cunha xornada inaugural na que un crisol de procedencias e culturas enraizadas no rural deron boa mostra da riqueza e diversidade que, de seguro, impregnará cada acto deste evento durante toda a fin de semana no Seminario de Mondoñedo. Organizado por Plataforma Rural e acollido polo Sindicato Labrego Galego, este Foro constitúe un excepcional punto de diálogo e encontro para máis de duascentas persoas de dentro e fóra do Estado Español que representan, á súa vez, a organizacións sociais, vilas, parroquias e múltiples iniciativas relacionadas coa agricultura e a alimentación. Encargáronse da inauguración oficial o coordinador do Foro, Antonio Villarino; o alcalde de Mondoñedo, Orlando González; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; e a integrante de Plataforma Rural,  Marimar Martínez.

Botando man de creatividade, e adaptándose a cambios de axenda de última hora, o primeiro espazo de diálogo que ía virar ao redor dos modelos de produción alimentarios alternativos á lóxica do capital, acabou tendo un denominador común inesperado: o de mulleres que se criaron e desenvolveron a súa actividade cívica e profesional nun mundo moi masculinizado, como é o agrícola e rural, pero que foron quen de conquistar espazos de decisión e, co seu labor e exemplo, facilitar a incorporación doutras mulleres a eidos dos que tradicionalmente estiveron vedadas. Casos como o de Raquel Ramírez, de Nalda (A Rioxa), unha pequena vila nas inmediacións de Logroño na que os seus e as súas habitantes se arrepuxeron á especulación urbanística que pretendía roubarlles as súas terras e o seu patrimonio; e para iso, crearon hai vinte anos un movemento de apropiación social do patrimonio artístico e natural chamado Panal, e unha asociación para o desenvolvemento sostible en igualdade, Colletero, que botou a andar hai tres lustros. Tamén Ángeles Ramón, da comarca das Cinco Villas (Zaragoza), labrega dende cativa nun pobo de colonización creado en 1959, que chegou a ser responsable da área das mulleres da Unión de Agricultores y Ganaderos de Aragón (Uaga). E o caso de Josefa Martín, que foi testemuña de como o seu pobo na Serra de Francia (Salamanca) pasaba de 800 a 300 habitantes, ou a escola de 150 a 5 alumnos, decadencia xurdida da sangría da emigración que combateron con iniciativas como a creación dunha cooperativa vitivinícola da que ela foi presidenta durante quince anos. Ou a nosa Henar Román, presidenta dende o ano 2003 da comunidade de montes de Labrada (Abadín),  que viviu a decisión de asociarse da veciñanza en cooperativa para ter máis forza como produtores e produtoras de leite e carne, e tiveron que enfrontarse á usurpación das súas terras por empresas mineiras como Icemarga, por eléctricas ás que lles adxudicaron os montes comunais para instalar parques eólicos, ou pola propia administración que, nos anos 80, pretendeu cercar as 700 hectáreas da Fraga Vella.
O exemplo vital destas mulleres deu paso a un diálogo enriquecedor coas persoas asistentes até o remate da primeira xornada, que había concluír como empezou: con poesía. Se as persoas que se encargaron de inaugurar botaron man de cantores e poetas á hora de intervir -Antonio Villarino recitou Sementeira de Fuxan os Ventos, Orlando González citou a Daniel Viglietti, Isabel Vilalba a Marilar Aleixandre e Marimar Martínez a Rafael de Dios; ao remate, Manuel Regal leu un emotivo texto que rememoraba o legado dos nosos devanceiros  relacionándoo co carballo de Luxís, ao tempo que a luminosidade do Mediterráneo se achegaba a terras mindonienses grazas á creatividade lírica de Tomás de los Santos e aos exquisitos arranxos guitarreiros de Borja Penalba, que constitúen un feraz dúo de cantautores vido dende Valencia.
Tomando o fío do día anterior, o sábado 25 de outubro comezou a xornada cun espazo construído polas mulleres consistente nun diálogo aberto que se iniciou coas voces de labregas como Dora Cabaleiro (Vilar de Ernes, Navía de Suarna), Cristina Sancho (Amayuelas de Abajo, Palencia), Ester Latorre (Cinco Villas, Zaragoza); ou a almeriense Inmaculada Idáñez, que ademais é responsable da Área da Muller de COAG e presidenta de CERES; e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.
Neste espazo de debate xurdiron cuestións de actualidade, como a hipocrisía dunhas institucións que din loitar contra a violencia machista ou contra o sexismo pero que, sen embargo, permiten publicidade, filmes ou videoxogos ao alcance da rapazada e de adolescentes que promoven esa mesma violencia contra as mulleres que din combater, potenciando e consolidando roles e valores que deberían proscribirse. Máis centrada na loita das propias labregas como profesionais foi a problemática da Lei de Titularidade Compartida que, a pesares de ter sido promulgada hai cinco anos coa intención de que se acollesen a ela unhas 100.000 mulleres en todo o Estado, a día de hoxe só se deron de alta 101 (12 na Galiza). Inmaculada Idáñez explicou que a lei, dende o seu nacemento, bateu cunha sociedade demasiado masculinizada e cunha profesión, a agraria, cuxos ingresos, decotío, non permiten que haxa máis dunha cotización por familia; de ambos factores xorde unha realidade na que, o habitual é que sexa o home o que cotice e fique a muller nun segundo plano sen cotización nin dereitos laborais, invisibilizada a pesares de facer o mesmo traballo que o seu cónxuxe. Tamén chamou a atención o exemplo do propio Sindicato Labrego Galego como organización agraria, pioneiro á hora de obrigar estatutariamente a que haxa paridade en tódolos seus órganos decisorios e executivos.

Denuncias e reivindicacións a través do teatro
A mañá rematou co encontro da mocidade, que expuxo o esencial das súas demandas e problemáticas a través dunha representación teatral a través da cal denunciaron as realidades coas que deben enfrontarse no seu día a día, como a falla de financiamento, unha Política Agraria Común que beneficia maioritariamente a xente maior de 50 anos, a miríade de atrancos burocráticos cando se queren desenvolver proxectos agrogandeiros alternativos ao oficial, etcétera. Esta parte do Foro foi a que propiciou unha maior participación das persoas asistentes, que achegaron experiencias reais dende tódolos puntos da xeografía do Estado que demostran que unha agricultura alternativa e moza baseada na agroecoloxía non só é posible, senón que é viable, e constitúe a única vía se realmente queremos un mundo rural vivo con futuro, emprego,  rapazada e xente moza.
Xa pola tarde, os e as participantes afondaron en cuestións que, sen dúbida, ocuparán un espazo central na axenda de traballo das organizacións da Plataforma Rural e do Sindicato Labrego Galego, como o Acordo Transatlántico de Libre Comercio, a Lei Montoro e a compra pública de alimentos, o problema de acceso á terra ou os métodos de traballo e mobilización das propias organizacións sociais. Ao remate do día, o IX Foro por un Mundo Rural Vivo confluíu co Encontro Internacional de Comités de Apoio aos Sem Terra do Brasil e celebrouse unha cea cun alto valor simbólico, ao facerse con alimentos producidos e traídos pola propia xente. Dende este punto de vista, cómpre salientar que os produtos utilizados polas cociñas do Seminario de Mondoñedo durante este Foro están a ser todos procedentes de explotacións labregas do país e da pesca artesanal.
Hoxe, mercado de produtos labregos en Mondoñedo
O IX Foro por un Mundo Rural Vivo chegará hoxe [domingo] á súa conclusión cos acordos que fixarán a axenda común para os dous vindeiros anos de tódolos colectivos e organizacións que formamos parte da Plataforma Rural. Tamén se convocará o seguinte Foro, que será no País Valenciá.
Finalmente, o IX Foro por un Mundo Rural Vivo levará a súa clausura ás rúas de Mondoñedo. Desta maneira, ás 11:30 leranse publicamente na praza do Concello os compromisos acadados polo foro para, de seguido, celebrar un mercado de produtos labregos. 

Introducir as mulleres nas TIC: Como facelo?


  http://ictgogirls.eu/sites/default/files/ICT-Go-Girls_poster.png

O proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países, busca promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado, e loitando contra a minoritaria presenza de mulleres nas facultades de Informática ou nos departamentos de tecnoloxía das empresas. O proxecto celebrou a súa Conferencia Final o pasado 15 de outubro en Amberes (Bélxica).
Alí presentou as súas conclusións e, ademais, unha guía para axudar os mestres e mestras a orientar as rapazas e facilitar o seu achegamento aos estudos técnicos e científicos. María José Rodríguez Malmierca, coordinadora do proxecto, destacaba en entrevista con Praza hai unhas semanas que nalgúns ámbitos o problema non está en que as mulleres "non estuden ciencias ou carreiras científicas e técnicas", senón en que "despois non destacan nelas, ocupan un papel secundario". "E estas cuestións hai que abordalas xusto cando se inicia secundaria, dependendo do país en Europa, entre os 11 e os 14 anos", engadía. Tan só un dato: dende que en 1963 Maria Goeppert Mayer obtivo o Premio Nobel de Física ningunha outra muller recibiu este recoñecemento (que previamente só tivo Marie Curie).
O manual subliña que "a sensibilización acerca das profesións relacionadas coas TIC e o emprendemento é un paso fundamental para promover o emprego feminino" e lembra que "os traballos relacionados co sector TIC volveranse cada vez máis importantes no futuro". Tamén destaca que "as rapazas poden aprender moi cedo a maneira de avaliar as súas fortalezas e habilidades tecnolóxicas e a buscar información, comunicarse e negociar coas persoas desde un posicionamento de liderado". O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo e facilitar o proceso de toma de decisión das mozas".

A situación actual

O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo
A guía parte da situación actual, na que atopamos certos indicadores moi negativos. Segundo datos de 2013, de cada 1.000 graduadas en Europa, sólo 29 mulleres teñen un título relacionado coas TIC, fronte a 95 homes. De igual maneira, a pesar de que as mulleres ocupan máis do 60 por cento dos empregos relacionados coas TIC nos países da OCDE, só entre o 10 e o 20 por cento son programadoras, enxeñeiras, analistas de sistemas ou deseñadoras. A maioría das mulleres neste sector traballan en postos de secretaría, procesamento de textos ou de entrada de datos, é dicir, postos que requiren habilidades de baixo nivel ou de formación técnica limitadas.
En Galicia os datos son aínda máis negativos: Dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. Esta fenda esténdese cara á universidade e as carreiras tecnolóxicas, onde apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás.
Nas carreiras tecnolóxicas apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás
Unha información difundida recentemente pola emisora estadounidense NPR afondaba nesta cuestión, lembrando que a porcentaxe de mulleres que estudaban informática crecera entre os anos 60 e 80 en paralelo coa proporción das que estudaban Dereito, Medicina ou Física, até rozar o 35% do total, pero que a partir de mediados dos 80 comezou a descender, até ficar por debaixo do 20% (mentres nas restantes carreiras o crecemento se mantivo). O artigo especula con que a razón estivo en que no momento en que os ordenadores se converteron nun obxecto usual nos fogares, durante anos foron identificados cun instrumento de uso masculino, sobre todo nos aspectos relacionados cos videoxogos.

As razóns da fenda de xénero

A guía reflexiona sobre as razóns que poden explicar esta fenda de xénero nos estudos e nas profesións técnico-científicas
A guía reflexiona sobre as razóns que poden explicar esta fenda de xénero nos estudos e nas profesións técnico-científicas. Algo sobre o que tamén afondou recentemente este artigo do Caderno de Cultura Científica. A falta dunha información axeitada, a percepción de que os estudos científico-técnicos non teñen unha relación directa co mundo real, o impacto das primeras experiencias lúdicas cos ordenadores ou a idea dunha excesiva dificultade (engadida para as mulleres a outros obstáculos ou á falta de confianza) estarían entre os motivos.
Para superar esta fenda, o manual ofrece unha serie de metodoloxías que os expertos xulgan máis eficaces para empoderar as estudantes e dotalas de confianza e capacidade de emprendemento. Tamén suxire un amplo conxunto de ferramentas e programas informáticos para iniciarse no deseño web ou a programación informática. A guía tamén insta a "utilizar unha linguaxe de xénero e evitar os estereotipos, especialmente nestes casos, cando se trata de sectores cunha fenda de xénero e estereotipos fondamente arraigados".

As TIC galegas entregaron os seus premios

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia celebraron este venres na Toxa unha nova edición da súa Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, dedicada este ano á Sociedade dixital e a saúde.
Ramón Bermúdez de Castro, decano e presidente do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, dirixiu unhas palabras de benvida a todos os asistentes, ao redor de 300, e lembrou que “aquí mesmo, nesta terra, temos creado solucións estupendas, que se están a exportar a outros países, pero que non se aplican en todas as comunidades autónomas. Aquí hai intelixencia, ciencia, saber, capacidade, innovación e dinamismo. Utilicémolos.  Non nos podemos permitir formar a excelentes técnicos e enxeñeiros para que marchen. Apostemos pola investigación e o desenvolvemento, pola vangarda tecnolóxica e dixital, sen dúbida unha das mellores maneiras de facer país”.
Ramón Bermúdez de Castro: "Aquí hai intelixencia, ciencia, saber, capacidade, innovación e dinamismo. Utilicémolos. Non nos podemos permitir formar a excelentes técnicos e enxeñeiros para que marchen"
A seguir, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2014, que recoñecen o compromiso das persoas e empresas co desenvolvemento das TIC. Os sete gañadores desta edición son os seguintes:
Premio Ingeniero Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Torus Software Solutions SL. Entregou o premio o director xeral de Intelsis, Gerardo García Alvela, e recolleuno Guillermo López Taboada, de Torus Software Solutions.
Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica. O propio Francisco Varela recolleu o galardón de mans do director xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Vigo.
Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes. O encargado de entregar o recoñecemento foi o presidente de INEO, Jorge Cebreiros. Recibiuno Alberto Borrego Díez, health-director de Everis.
Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración con Amtega, paran InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable.  Entregouno a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, a Javier Cebreiros, de Info JC.
Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a compañía R. O encargado de recollelo foi Julio Sánchez Agrelo, director da División de Rede da compañía, a quen lle foi outorgado polo conselleiro delegado de Acuntia, D. José Manuel Sánchez Mirón.
Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para a Cruz Vermella de Galicia. Fixo entrega do galardón Ramón Bermúdez de Castro, decano e presidente do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Recibiuno a presidenta da ONG na nosa comunidade, Carmen Colmeiro.
Para Gil Bernárdez, os enxeñeiros de telecomunicación “fomos un piar fundamental para o desenvolvemento da sociedade da información, pero sempre estivemos na trastenda”
Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para Gil Carlos Bernárdez Matovelle, expresidente e socio fundador da AETG, quen recolleu o premio de mans do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Trala entrega dos galardóns, o enxeñeiro do ano, Gil Bernárdez, pronunciou unhas palabras en nome de todos os premiados, nas que asegurou que é “un teleco de vocación” e nas que salientou que os enxeñeiros de telecomunicación “fomos un piar fundamental para o desenvolvemento da sociedade da información, pero sempre estivemos na trastenda”. Agora, nestes momentos difíciles “sobre todo, pero non so, pola maldita crise”, recomendoulles aos seus compañeiros máis novos que opten por dúas vías: “O emprendemento, que require esforzo e non é doado, ou a reconversión, para deixar de ser técnicos e virar en telecnólogos, un palabro que designa a un especialista en aplicar as TIC á mellora dos modelos de negocio dos diferentes sectores produtivos e socioeconómicos”.

Un forte despregamento policial impide unha manifestación estudantil en Redondela

Por volta de medio cento de axentes impediron que unha manifestación estudantil percorrese a vila. 

Na mañá do 23 de outubro un forte continxente policial impediu que na vila de Redondela tivese lugar unha manifestación convocada pola organización estudantil ARDE.
A mobilización, que non fora comunicada á Subdelegación de Goberno, congregou a perto dun cento de estudantes ás portas do IES Pedro Floriani, de onde partiría. Mais @s axentes obstruíron a súa saída rodeando @s alumn@s, na súa maioría menores de idade. O protesto visaba amosar o rexeitamento estudantil á LOMCE.
Máis de 50 axentes e 7 furgóns da UIP
"A policía mantivo unha actitude represiva en todo momento", explica en conversa con Sermos Galiza un dos estudantes e membro de ARDE. "Decidiu reternos, rodearon os estudantes e impedíannos mesmo marchar se era en pequenos grupos", asegura. Boa parte do alumnado foi identificado.
"A policía mantivo unha actitude represiva en todo momento", denuncian desde ARDE
As razóns que argüíu a policía para proceder baseábanse en "evitar altercados como os acontecidos o pasado ano" mais desde ARDE aseguran que o acontecido no curso anterior "foi que un par de estudantes tiraron ao chan uns contenedores" mais, acrecenta, "non pasou de aí". De todas maneiras, explican, "iso non xustifica un despregamento así" que contou con 7 furgóns policiais "mobilizados desde outras zonas", di.
"Foi unha operación para calar as voces disidentes", sinalan e "houbo estudantes que se sentiron intimidados polos cacheos e as identificacións", se ben o que se viviu durante esas horas foi "unha confusión xeralizada" polo que acontecía.
Perante a imposibilidade de iniciaren a manifestación ou marchar, o director do IES Pedro Floriani "ofreceuse para falar coa policía e conseguiu que os máis novos puidesen marchar" e que @s demais estudantes puidesen entrar no centro.
"Foi unha operación para calar as voces disidentes"
Desde ARDE coidan que con accións policiais coma esta "o Estado español está a sacar a carauta e amósase, aos poucos pero cada vez máis, como defensor dunha pequena minoría".
Neste senso, avanzan que respostarán "de maneira pacífica mais contundente", ao que tildan como "un acto infame" contra o estudantado redondelán. Até o momento as mostras de solidariedade fóronlles chegando dunha ou doutra maneira.

Mostras de apoio e solidariedade

Desde a localidade, o Bloque Nacionalista Galego emitiu un comunicado público no seu apoio no que consideran "impropio dun denominado sistema democrático, a prohibición da saída da manifestación" impedindo, din, "a libre expresión do rexeitamento á LOMCE" como "en tempos pretéritos". Para a organización frontista, o despregamento policial reflicte "a prepotencia coa que actúa o PP en todos os seus escalafóns" para "disuadir a resposta social na rúa".
Aliás, outras organizacións como Anova-IN empregaron as redes sociais para se solidarizaren co estudantado redondelán, xunto con organizacións estudantís e xuvenís.

As Anpas galegas reúnense en Vigo para traballar nun calendario reivindicativo

As asociacións de pais e nais do alumnado están a organizar xuntanzas itinerantes para coñecer a realidade das distintas zonas de Galiza e preparar actuacións en defensa do ensino público.  

A Confederación de Asociacións de Nais e Pais (Anpas) galegas, que reúne á maioría de federacións de Anpas do país, realizou este sábado en Vigo outra das súas reunións itinerantes, logo de as ter realizado xa en Lugo e Costa da Morte, e ao marxe das xuntanzas ordinarias na súa sede den Compostela, segundo informou esta entidade nun comunicado de imprensa.
As Anpas galegas convocan estas xuntanza “dunha duración e intensidade superiores ao habitual”, co obxectivo de “afondar na organización dunha estrutura aínda moi nova pero que cada vez ten unha maior presenza no eido educativo galego”. Tamén buscan coas mesmas “achegar á directiva da confederación as diferentes realidades que se presentan na nosa xeografía”.
Solicitan unha maior atención por parte da Xunta nunhas reunións extraordinarias que xa pasaron por Lugo e a Costa da Morte
A faceta reivindicativa tamén estará sobre a mesa. As Anpas galegas aproveitarán esta xornada “para definir as súas próximas campañas de actuación a prol da mellora do sistema educativo, e para reivindicar unha maior atención ao Ensino Público Galego por parte da administración da Xunta”

venres, 24 de outubro de 2014

Medo á educación libre

Cando se afonda nos problemas máis graves do planeta -pobreza, fame, guerra, machismo, desemprego, intolerancia, corrupción…- e búscanse solucións chégase á conclusión de que a clave de todo é a educación, o motor que o pode cambiar todo. A educación é a gran batalla. Non importa que relixión, que goberno, sexa democrático ou ditatorial, todos tratan de controlar o proceso de produción de cidadáns, decidir que se ensina, que se pensa. É a educación como castración. Educamos nenos e nenas para un mundo que aínda non sabemos como vai ser.
Resulta sinxelo ver o integrismo dos talibáns afgáns e o dos bárbaros no norte de Paquistán, tamén nas zonas controladas polo Estado Islámico en Sirya e Iraq. A barbarie dos outros sempre parece máis barbarie que a nosa. A de colo branco parece tan natural que algúns cren que é legal.


O obxectivo debería ser permitir o desenvolvemento de cidadáns libres e capaces. Dous dos modelos opostos e que funcionan son o hipercompetitivo surcoreano e o finlandés, máis preto da ruptura que da tradición.
Os integristas islámicos impoñen unha educación para varóns; ás nenas permíteselles acudir á primaria, e non sempre, pero non á secundaria. A aprendizaxe nas madrasas resulta esgotadora: anos memorizando o libro sagrado coma se na repetición do que non se discute estivese a salvación eterna. Así se protexen en todas as relixións os intérpretes da palabras divina, os sacerdotes, rabinos e imáns, así logran que a súa autoridade xamais sexa criticada. Sería un desafío a deus. Son estes mesmos valores os que se ensinan nas escolas islámicas en Europa. Este foi a reportaxe de Panorama (BBC). Non todo o mundo musulmán comparte esta visión.
Aínda que a relixión é un instrumento de poder e control, a moitas persoas lles serve de guía na vida, axúdalles a saber cal é o camiño; a relixión fainos mellores. Un bo libro para afondar neste asunto: Tratado de Ateología do pensador francés Michael Onfray. Recoméndolles sobre todo as primeiras páxinas, nas que narra a historia dun home pío e analfabeto que teme non chegar ao paraíso porque un día atropelou a un chacal no deserto fronte á duns mozos ilustrados que cren que ao estrelar dous avións contra as Torres Xemelgas terán acceso ás célebres huríes. O problema non é o libro nin a raza nin os apelidos; o problema son as persoas. E ás persoas edúcaselles ou fanatízaselles.

 A tradición empurra as nenas aos labores domésticos e a matrimonios pactados cando son preadolescentes. A educación fainos perder valor no proceso de compra-venda. En Sudán do Sur, un país de maioría cristiá e animista, nada que ver pois co Islam, a unidade de pagamento nos matrimonios acordados son vacas. As nenas que foron á escola valen menos que as ignorantes. Suponse que a educación as fai levantiscas, difíciles de domar.

Na Europa medieval, a educación cristiá non distaba tanto da que se imparte hoxe en Afganistán e Paquistán. O motor do radicalismo é o mesmo. Son as luces da Ilustración e a Revolución francesa os factores que rompen a correlación de forzas. Malia os grandes cambios, a escola segue sendo un elemento de batalla entre a Igrexa católica e o poder político, máis nos países do Sur de Europa e nos países latinoamericanos. En España, o PP considera adoutrinamento deixar de adoutrinar.

Como debería ser a escola? Un espazo para aprender o saber científico, os feitos demostrados, para aprender a pensar e ser mellores cidadáns? Un lugar para desenvolver a creatividade e ser felices? Recoméndolles esta divertida charla de Ken Robinson: Domingo schools kill creativity? Está subtitulada.

En Francia apóstase por unha educación na que se ensina a relacionar asuntos complexos para alcanzar un punto de vista propio. É célebre o exame cunha única pregunta: Conduce a lucidez ao pesimismo? Non basta un si ou un non, o que se pretende é que o alumno empece por expoñer as razóns opostas ás que el defende e despois saiba desmontalas con intelixencia e rigor. Foi un exame de cinco horas. Pero non é ouro todo o que reloce.

En España aínda apostamos pola memoria. Cambiamos versos sagrados pola lista dos Reis Godos, os ríos ou calquera outra lista inútil. Melloramos, si, pero no fondo non tanto. É un problema de investimento.
A cuestión é para que educamos: para crear cidadáns competentes e case seguro críticos, que demanden das súas autoridades eficacia, respecto á lei e honestidade, ou cidadáns adormecidos, sen iniciativa, consumidores de televisión lixo ou de prensa lixo. Non se educa para ser libre.

Este documental, La educación prohibida, é moi bo, paga a pena. Formula todos os debates de fondo que deberiamos resolver.  
 Houbo intentos en Europa, sobre todo no Reino Unido, de alcanzar unha educación alternativa á tradicional. Educar en liberdade. Está o célebre experimento de Neill en Summerhill e a escola experimental de John Ord e Bill Murphy, que esta semana rescataba a BBC nunha longa reportaxe. Eran anos hippys, de LSD, psicodelia e sonos revolucionarios. Non funcionaron, pero o reto segue vivo: atreverse a educar. Educar en liberdade é a arma que cambiaría o mundo, que sementaría a paz.

A marcha estudantil en Madrid pide retirar a LOMCE e que Wert dimita

Unha nova marcha de estudantes no centro de Madrid esixiu a retirada da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e a dimisión do ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, no que foi a terceira e última xornada da folga de 72 horas convocada polo Sindicato de Estudantes.
Na manifestación que empezou ás 18.30 horas na madrileña Praza de Neptuno e rematou na Rúa Alcalá, os asistentes reclamaron o fin dos recortes en materia de educación.
A concentración contou coa asistencia de estudantes de Madrid, profesores e nenos que tinguiron o percorrido de cor verde en defensa da educación e a escola pública.
Tamén asistiron traballadores afectados polo ERE da planta embotelladora de Coca-Cola en Fuenlabrada, que pediron non consumir produtos da marca. "Coca-Cola non consumas ", berraron os manifestantes.
En torno ás 20.00 horas a cabeceira da manifestación chegou á confluencia das rúas Alcalá e Sevilla, onde membros de Comisións Obreiras e a secretaria xeral do Sindicato de Estudantes, Ana García, falaron para os asistentes.
García agradeceu a todos os pais, alumnos e profesores o seu "apoio e alento" que serviu para que a folga de 72 horas fose un "éxito".
Ademais, agregou que aos que lles din que non é momento" para a mobilización lles responderon con esta "masiva" manifestación, que congregou --segundo dixo-- a máis de 70.000 asistentes.
O discurso de García foi interrompido por un altercado protagonizado por varios mozos encapuchados. Algúns asistentes expulsáronlles ao berro de "fóra, fóra", ata que a Policía interveu para rematar coa pelexa.
Durante a marcha púidose ver a pancarta do Sindicato de Estudantes que pedía "educación pública e traballo digno para os fillos dos traballadores", rexeitaba a "contrarreforma franquista" e esixía a retirada das taxas educativas.
Pola súa banda, Comisións Obreras portou outra pancarta na que defendía que "sen educación non hai futuro" e que a educación "non" é un gasto, é un investimento".
Entre as consignas que se corearon destacan "máis educación e menos represión" "queremos bolsas e non hipotecas" "esta reforma ímola parar" e "fai falta xa unha folga xeral". "Wert dimite, o pobo non che admite", reiteraron, para despois engadir: "Así, así, nin un paso atrás. Profes e estudantes á folga xeral".
Ás portas da Bolsa de Madrid, media hora antes do inicio da concentración, García declarou ante os medios de comunicación que a folga foi secundada "masivamente" a través da resposta dos mozos que onte tinguiron "de verde outra vez" as principais cidades de España.
García volveu esixir a Wert que "devolva os 7.000 millóns de euros que roubou á educación pública", que readmita os 45.000 alumnos que foron "expulsados da universidade por non ter diñeiro" e que devolva aos seus postos de traballo aos docentes despedidos.

SITUACIÓN VERDADEIRAMENTE GRAVE

Pola súa banda, a voceira de Educación de CCOO de Madrid e secretaria xeral da Federación de Ensino, Isabel Galvín, destacou que o sindicato apoia as mobilizacións porque a educación en España está "nunha situación verdadeiramente grave".
No seu discurso final, Galvín pediu que a educación pública sexa " de todos e para todos e laica". Así mesmo, pediu a marcha do ministro Wert e da conselleira do ramo en Madrid, Lucía Figar. "Fose a LOMCE", sentenciou.
En declaracións a Europa Press, Jacinto Sánchez, estudante de Enxeñaría de Minas, dixo que "nestes últimos dous anos subiron as taxas un 80 por cento", o que lle afectou no "ámbito familiar".
Pola súa banda, a docente Rebeca Jarque asegurou que se suma a esta protesta porque está "totalmente en desacordo" coa LOMCE. "As leis fanas xente que, evidentemente, non teñen moita idea de educación", afirmou.
Nesta liña, o pai e profesor de universidade Javier Do Río explicou que "non" se pode recortar en educación" porque, ao seu xuízo, con iso se recorta "o futuro do país". Ademais, destacou que a educación é "o principal valor que ten un país".
Efectivos da Policía Nacional e do Samur-Protección Civil estiveron presentes durante a marcha para velar polo bo desenvolvemento desta. Ademais, sete furgóns da Policía Nacional colocáronse na fachada principal do Ministerio de Educación

Feijóo di que a súa política lingüística é a do “bilingüismo cordial ratificada polo TSXG”

Asegura que a súa política lingüística “é exactamente igual a que facía Fraga; bilingüismo nas aulas e promoción do galego nos eidos empresariais e culturais”.

Non hai política lingüística para a Xunta máis alá da do “bilingüismo cordial” que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, instaurou na súa primeira lexislatura e que chegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) logo de que o aplicara lexislativamente baixo a forma de “decreto do plurilingüismo”
 
De feito, Feijóo foi taxativo cando GC lle preguntou este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola súa case inexistente política lingüística. “Actuamos conforme a lei e dando liberdade á xente para que use o idioma que queira”, dixo.
 
“Este xoves cumpríronse dez anos do Plan de Normalización Lingüística cun acto na Cámara. Tivo protestas fóra, dentro os empresarios pediron apoio para o galego e non “esmolas”, os partidos da oposición critican a inexistencia de políticas lingüísticas, o líder do PSdeG di que Fraga o facía mellor e, aínda por riba, nos orzamentos as partidas son menores e non tivo nin unha palabra para a lingua galega no seu discurso de investidura. Cre que isto é apoiar o galego?”, foi a pregunta.
 
E a resposta ben elocuente: “Temos un decreto do bilingüismo que ten o visto e prace do TSXG”, dixo. Sen embargo, ese mesmo tribunal anulou varios artigos desa norma, entre elas, a que estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo por exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de infantil das cidades ou o que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia.
 
De feito, o alto tribunal galego mesmo entendeu que parte do articulado dese decreto era contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego. Unha lei que foi aprobada en época de Fraga e que a oposición e entidades sociais e culturais entenden que Feijóo non cumpre.
 
Sen embargo, o presidente galego insistiu en que a súa política lingüística “é exactamente igual a que facía Fraga; bilingüismo nas aulas e promoción do galego nos eidos empresariais e culturais”, dixo.

O novo recorte orzamentario golpea un sector cultural en crise

A cultura non estivo entre as beneficiadas polo moi reducido incremento dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano (0,5%). De feito, os fondos que o Goberno galego lle dedicará ao ámbito cultural descenden un 5%, un pequeno recorte que se suma a anos de descensos, acumulando unha diminución do 60% dende 2009, pasando de 141,06 millóns de euros a apenas 57,7. E todo nun sector, o cultural, que arrastra unha grave crise que non semella ver preto o final. Nos Orzamentos Xerais do Estado a dotación para Cultura crecerá un 4,3% con respecto ao ano anterior, até chegar aos 794,04 millóns de euros. Porén, o peso nestas contas pública da Cultura, transferidas case por completo ás comunidades autónomas todas as competencias, segue sendo case testemuñal: un 0,2% do total.  
Para a AELG, "estes tampouco serán uns orzamentos proclives para a recuperación do sector cultural pois non consta a cultura e a educación entre as áreas de investimento claramente prioritario"
Dende a directiva da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, sinalan que "á vista do reparto das porcentaxes de investimento por Consellarías, estes tampouco serán uns orzamentos proclives para a recuperación do sector cultural pois non consta a cultura e a educación entre as áreas de investimento claramente prioritario". "Botamos en falta que as cifras aposten verdadeiramente pola cultura desde as súas diferentes vertentes, isto é, tanto desde o plano do apoio á creación e visibilización da expresión cultural en galego como desde o que di respecto da protección e xeración de postos de traballo que actúan ao redor do sector cultural e que xeran riqueza en PIB para a economía do país", engaden.
De igual xeito, Bamad-Galicia destaca que os orzamentos "conxelan todas as partidas para Bibliotecas e reducen un 8,3% as de Arquivos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unhas políticas arquivísticas e bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país". A entidade conclúe que "os orzamentos non son bos" e engade que os datos ·son especialmente negativos xa que levamos acumulados anos de recortes orzamentarios". "A isto debemos engadir", conclúen, "que nos encontramos nun momento no que, tanto os arquivos como as bibliotecas, requiren dun impulso que debe ser apoiado economicamente".
Dende logo, non todo é culpa das políticas do Goberno galego. Pero é innegable que este forte recorte orzamentario axudou a afogar aínda máis a empresas e profesionais no seu peor momento. Entre 2009 e 2013, o emprego no ámbito da cultura descendeu nun 30%, perdéronse máis de 10 mil empregos (pasando de 33.900 a 23.300). Tamén caeron de forma clara as afiliacións á Seguridade Social no sector cultural galego, dende as 12.196 persoas de 2008 até as 10.397 de 2012. De igual xeito, segundo os datos do Observatorio da Cultura Galega, o gasto de galegos e galegas en bens e servizos culturais descendeu máis dun 15% só entre 2011 e 2012, uns 60 euros por persoa, acumulando unha caída total de 130 millóns de euros dende o 2008.

Libro e bibliotecas

Entre 2009 e 2013, o emprego no ámbito da cultura descendeu nun 30%, perdéronse máis de 10 mil empregos (pasando de 33.900 a 23.300)
O sector do libro é, sen dúbida, o máis afectado pola crise; só en libros os galegos e galegas gastaron 15,3 millóns menos no 2012, case un 27% menos. Outro dato: o número de libros editados en galego caeu case á metade en 2013, e supón pouco máis dun terzo dos que se editaban en 2007. E o número de empresas editoras caeu dende as 157 de 2009 até as 144 de 2013.  En opinión da AELG, é moi difícil albiscar un punto de luz a curto prazo para o sector en xeral e para a expresión literaria.
"Unha sociedade que cada vez usa menos o seu idioma tamén demandará menos cada vez os productos culturais e a literatura que nace nese idioma"
En primeiro lugar porque "a precarización do oficio de escribir que impide poder optar á completa profesionalización do mundo da escrita como un preferente medio de vida digno". Ademais, os recentes datos da edición en galego "continúan a fotografar a importante redución no volume de publicacións, o que afecta á mingua expositiva da literatura que se crea en galego nos diferentes xéneros e dos seus autores e autoras, así como da propia industria editorial cada vez máis enfraquecida". Finalmente, sinalan que "a realidade sociolingüística que os recentes datos do IGE continúan a confirmar desde a perspectiva do avance na perda de uso do idioma propio, e ante a cal non se percibe ningún tipo de cuestionamento desde o goberno galego e, consecuentemente, aplicación de medidas de actuación con vontade de intervención e corrección da tendencia, afecta gravemente á recepción e valoración social positiva da literatura galega por parte da sociedade". "Unha sociedade que cada vez usa menos o seu idioma tamén demandará menos cada vez os productos culturais e a literatura que nace nese idioma; consecuentemente producirase menos, minguará a diversidade da oferta para o público lector e teremos menos posibilidade de contribuírmos para a normalización lingüística", conclúen.
E, relacionado co libro, as bibliotecas están entre as unidades da administración que máis sufriron os recortes orzamentarios do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo. En dous anos o orzamento total para bibliotecas descendeu por debaixo da metade, e foi precisamente a partida destinada á adquisición de novos fondos bibliográficos a máis afectada, pasando de 1.5 millóns de euros en 2011 a uns 80 mil euros nos dous vindeiros anos. Ademais, as bibliotecas dos concellos de máis de 30 mil habitantes (as sete cidades, ademais de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía) non recibirán un só euro do Goberno galego para a compra de libros. Nestes concellos vive case a metade da poboación de Galicia.
A directiva da Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Bamad-Galicia) recoñece que "as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas", pero engade que "isto non se debe facer excluindo outras bibliotecas". Ademais, sinala que "esas partidas de cohesión en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os concellos máis pequenos".
Olimpia López, presidenta de Bamad-Galicia, sinalaba que as bibliotecas son "máis necesarias ca nunca en tempo de crise" ao contribuír "á igualdade de oportunidades" no acceso á información e ao ocio. Os datos semellan darlle a razón: a pesar dos recortes, o número de usuarios e usuarias rexistradas en Galicia creceu nos últimos anos, dende as 872.116 de 2008 ás 1.029.856 de 2012. Tamén creceron os préstamos: en 2008 emprestáronse 2.501.382 libros en Galicia; e catro anos máis tarde esa cifra creceu case un 20%, até chegar aos 2.955.733.

Artes escénicas, musicais e cinema

As artes escénicas tamén están entre as máis prexudicadas pola crise e os recortes. E os efectos son claros: en 2012 houbo en Galicia a metade de representacións de artes escénicas que en 2009
As artes escénicas tamén están entre as máis prexudicadas pola crise e os recortes. E os efectos son claros: en 2012 houbo en Galicia a metade de representacións de artes escénicas que en 2009, segundo datos da Fundación SGAE. En Galicia en 2012 houbo 1.611 representacións de artes escénicas, fronte ás 1.977 de 2011, e ás 3.164 de 2009, ano no que se acadaron as mellores cifras. E o mesmo sucedeu coas funcións de danza, que pasaron das 169 de 2009 até as 91 de 2012. Galicia pasou de representar o 4,4% do mercado español das artes escénicas a tan só o 2,9%, coa metade de representacións que Aragón ou Castela e León, que contan con menos poboación.
En total, o número de espectadores do teatro en Galicia descendeu dende os 548.935 de 2009 (xa en descenso dende o 2007, cando acadou o seu máximo con 580.170) até os 396.624 do 2012. O efecto da crise déixase ver tamén, por exemplo, no número de festivais teatrais organizados en Galicia, que pasou de 62 en 2009 até os 46 en 2013. Descendeu así mesmo o número de compañías teatrais, que caeu dende as 267 de 2009 até as 2013 do pasado ano. En termos de recadación, a crise das artes escénicas en Galicia é igualmente evidente: dos 3.853.191 euros obtidos en 2009 até os 2.709.688 de 2012.
Algo mellor está a situación para a música. Crece o número de concertos de música popular (pasan de 4.857 en 2009 a 5.206 en 2012) e tamén o número de festivais (de 23 a 27) e de salas de concerto (de 26 a 27). Pero outros indicadores non son tan positivos; por mor da crise descende o número de espectadores (de 1.593.706 en 2009 a 1.182.888 en 2012). E algúns xéneros coma a música clásica ou o xénero lírico vense claramente afectados, cunha caída dende os 1.431 concertos celebrados en 2009 aos 1.221 de 2012.
No cinema, descende o número total de espectadores e espectadoras en Galicia, dende as 4,2 millóns de 2009 até os 3 millón de 2012
No que atinxe ao cinema, a evolución recente do sector varía moito dependendo do factor ao que se atenda. Crece o número de empresas produtoras (pasan de 15 en 2008 a 18 en 2012) e medra tamén o número de salas (das 170 de 2008 ás 184 de 2013). Porén, descende o número total de espectadores e espectadoras en Galicia, dende as 4,2 millóns de 2009 até os 3 millón de 2012. E, consecuentemente, descende tamén a recadación total, dos 25,2 millóns de euros de 2009 aos 19,8 millóns de 2013).

Alerta contra o "desmantelamento"

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural alertaba de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas estaban poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento"
Hai uns meses a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) fixeron público o manifesto A cultura galega, a nosa angueira, moi crítico coa xestión do Goberno galego en materia cultural. No texto destacábase que "hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios".
De igual xeito, o documento Pensamentos sobre: que facer coa cultura?, elaborado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, alertaba de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas estaban poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento". Sinalaba, ademais, que aínda que as institucións públicas teñen a obriga constitucional de promover e tutelar o acceso igualitario á cultura e o coñecemento, "os axentes culturais debemos reflexionar tamén sobre os valores que hai detrás do noso traballo e o que lle achegamos á sociedade, co obxectivo de que a cultura recupere a súa función de motor social e económico".

O protesto de ducias de estudantes impide a Feijóo inaugurar un curso na USC

Máis dun cento de universitarios recibiron o presidente con berros contra a privatización do ensino ou “fóra fascistas da USC”. O reitor lamentou o que cualificou de “incidentes”.

Varias ducias de estudantes concentráronse desde primeira hora da tarde ás portas da Facultade de Matemáticas da Universidade de Compostela (USC), lugar onde ía decorrer a Conferencia de Matemáticas de España que ía ser inaugurada por Núñez Feijóo. Con cartaces e lemas contra os recortes na educación ou contra a presenza do presidente galego este cento de persoas mostrou o seu rexeitamento á asistencia de Feijóo.
O presidente autonómico e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ficaron no exterior da facultade, optando finalmente por marchar sen inaugurar o curso. A decana de Matemáticas, Victoria Otero, convidou as persoas que protagonizaron a protesta a que explicasen os motivos da mesma e a súa actitude, segundo recolle La Voz de Galicia. As e os estudantes leron un escrito, subscrito por unha ‘asemblea de estudantes’ e na que se criticaba a LOMCE e os recortes.
Juan Viaño, reitor da USC, lamentou os “incidentes”, sinalando que “non os esperaba”. Xa sen a presenza de Núñez Feijóo, a Conferencia de Matemáticas decorreu con normalidade.

 

De cunchas a versos, os tattoos en galego bolen na rede

A imaxinación agroma a rente da pel nos tatttoos en galego que está a recibir o facebook do Clube da Lingua do IES Marco do Caballón de Vila de Cruces. Unha iniciativa de grande suceso. 

Que a “Alborada” de Rosalía pode ser tatuada no corpo? Pode, como versos de Lupe Gómez, como o escudo de Castelao, como a Torre de Hércules en tamaño XL, como unha gaita ou un feixe de percebes. Algunhas imaxes exquisitas como as que mostran ombreiros adornados con delicadas pandeiretas ou plumas con versos e outras facendo gala de certa tendencia kitch nunha cuncha de vieira con bandeira nacional e a lenda “miña terra galega”. Haber hainos e iso é o que lle interesa ao Clube da Lingua do IES Marco do Caballón de Vila de Cruces, identificalos, que alguén os fotografe e mostrar as persoas que se gaban de levar a lingua na pel para toda a vida.
“Olá, boas, déixovos o meu tattoo grazas a unha amiga que me dixo do voso concurso. É unha gaita coas iniciais de meus pais e meus irmáns. Espero que vos guste e noraboa pola iniciativa”, escribe Santi Varela, a nova incorporación á colección de tatuaxes que xa pendura do facebook do Clube da Lingua. 
Sonia, de Vilagarcía, manda un tattoo musical cunha ferreña e unha copla, ela que leva desde os 18 anos cantando e tocando a pandeireta con tanta intensidade que quere mostralo no seu propio corpo. “A copla é unha das que cantamos no meu grupo e síntome identificada con ela, ademais de parecerme preciosa”, explica. Delicadísima tatuaxe como as de Candela e Comba, dúas irmás que comparten tatuaxe en homenaxe a unha persoa moi importante nas súas vidas, a súa avoa. “Un anxo no ceo”, lese nos seus brazos.
“O voso proxecto paréceme cheo de interese, sobre todo porque buscades formas actuais da identidade galega, o que lle dá vitalidade e interese. Facedes dialogar pasado e presente e non vos quedades ancorados nunha identidade só de pasado como se as culturas e os povos foran algo estático e fixo”, afirma o antropólogo Marcial Gondar no propio facebook do Clube da Lingua que estes días ferve de visitas e novas incorporacións de imaxes das máis diversas partes do corpo.

xoves, 23 de outubro de 2014

A folga estudantil do 21, 22 e 23 OU. é un éxito rotundo!

 A folga xeral estudantil do 21, 22 e 23 de outubro é xa un éxito sen paliativos. Contra vento e marea, superando os insultos e descualificacións de Wert e da súa secretaria de Estado Montserrat Gomendio, superando a represión dalgunhas consellerías de educación e de direccións vinculadas ao PP, superando o escepticismo e a pasividade dos que miran cara a outro lado e crúzanse de brazos, hoxe o movemento estudantil ha dado unha lección de dignidade. A folga de tres días é apoiada nos institutos de secundaria por máis do 90% na maioría dos territorios e en numerosas facultades é completamente maioritaria: ¡Máis de dous millóns de estudantes baleiramos as aulas, e máis de 100.000 enchemos as rúas!
Foron manifestacións cheas de entusiasmo e confianza. Preto de 40.000 en Madrid, máis de 20.000 en Barcelona e miles en Tarragona e no resto de Catalunya. En Euskal Herria foi impresionante: preto de 15.000 en Bilbo, máis de 3.000 en Donosti e máis de 4.000 en Gasteiz…En Andalucía máis de 10.000 entre Sevilla e Málaga, e miles máis en todas as capitais e localidades andaluzas. En Asturias, onde o paro foi tremendo, miles entre Oviedo e Xixón, igual que nas capitais de Galiza e do País Valencià onde foron miles e miles de mozos…En Estremadura, en Canarias, en Baleares, en Murcia, en Rioxa, en Castela León e Castela-A Mancha, a folga foi secundada maioritariamente e celebráronse manifestacións e concentracións numerosas. Agora, a loita continúa para a xornada de mañá xoves, con asembleas de valoración, concentracións e manifestacións xunto ás nosas nais, pais e profesores. A todos eles volvemos agradecer o apoio que nos deron nesta folga.
Desde o Sindicato de Estudantes dicimos alto e claro: volveremos ás rúas ata obrigar a Wert a retirar a súa contrarreforma franquista e a súa axenda privatizadora da educación pública, e ata que dimita dunha vez. E témolo que facer todos xuntos: estudantes, nais, pais e profesores. Por iso, non pode haber máis escusas, máis queixumes. As direccións dos sindicatos de profesores e a dirección da CEAPA deben escoitar o clamor das súas bases e dos estudantes: FOLGA XERAL DA COMUNIDADE EDUCATIVA XA

Os estudantes reclaman na rúa a dimisión de Wert

  • "Semana de loita" para protestar contra a política educativa do Goberno
  • A Plataforma de Afectados polas Bolsas (PAB) e o Sindicato de Estudantes fan un chamamento a "non mirar cara a outro lado"

Os estudantes madrileños botáronse á rúa este mércores, no segundo día de folga do ensino, para mostrar o seu rexeitamento á Lei Orgánica de Mellora e Calidade do Ensino (LOMCE) e ao berro de "Non aos recortes" e "Si se pode".

Na protesta que percorreu as rúas de Madrid participaron, segundo os convocantes, entre 15.000 e 30.000 estudantes que secundaron unha pancarta co lema "Non á contrareforma franquista. Bolsas si, taxas non. Wert dimisión". Os manifestantes gritaron consignas como "Queremos unha escola pública laica e plural" ou "Nin un paso atrás contra os recortes".

Preto da cabeceira púidose ver outra pancarta de apoio aos traballadores de Coca-Cola, e tras a mesma, unha de recordo aos estudantes falecidos en México. Moitos dos manifestantes acudiron ataviados coa camiseta de cor verde que identifica as protestas no sector da educación.


Cos actos convocados durante esta "semana de loita" os estudantes piden a dimisión do ministro  José Ignacio Wert, e a retirada da LOMCE.

A Plataforma de Afectados polas Bolsas (PAB) e o Sindicato de Estudantes aproveitaron a mobilización para pedir a alumnos, pais e profesores que non se resignen e non miren "cara a outro lado".

A semana de protestas conta co apoio de Podemos, Esquerda Unida, Federación de Ensino de CCOO. Marea Branca ou Plataforma de Afectados polas Hipotecas, entre outros.

Seguimento do 70% segundo o Sindicato de Estudantes

Entre un 70 e un 90% de alumnos dos institutos de educación secundaria de España secundaron o primeiro día de folga, segundo o Sindicato de Estudantes, convocante deste paro de 72 horas.

O ministro de Educación, José Ignacio Wert, sen embarbo, asegurou que o seguimento da folga estudantil convocada desde o pasado martes está a ser "escaso" e mesmo nalgunha comunidade autónoma é "insignificante". Así o sinalou Wert no Congreso, aínda que matizou que se trata dunha información facilitada polas comunidades autónomas e, por tanto, "non está estatisticamente acreditada".

"Como saben, as comunidades autónomas só poden establecer un seguimento cando os profesores están en folga, cousa que nesta ocasión non se produce, e por elo só pódese facilitar a información que as comunidades autónomas trasladan", resaltou

Protestas en diferentes cidades pola política educativa do Goberno

As manifestacións contra a política educativa do Goberno sucedéronse hoxe en diferentes cidades. Uns 1.800 estudantes, segundo a Guàrdia Urbana, protestaron polo centro de Barcelona en contra dos recortes e o que consideran unha "ofensiva franquista" do PP, e esixiron a dimisión do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e da consellera de Ensino, Irene Rigau.
A manifestación, que segundo os Mossos d'Esquadra se levou a cabo sen incidentes, era o punto central da folga xeral estudantil convocada polo Sindicato de Estudantes para onte, hoxe e mañá.

En Madrid, centos de alumnos dos ensinos públicos maniféstanse desde o mediodía no segundo día de folga convocada polo Sindicato de Estudantes (SE). Non á contrarreforma franquista. Bolsas si, taxas non. Wert dimisión é o lema da pancarta que abre a manifestación.

Igualmente, o SE convocou manifestacións para este mediodía en preto de 40 localidades máis. A mobilización forma parte dunha "semana de loita", que inclúe tres xornadas de folga de alumnado (onte, hoxe e mañá) e conta co apoio da Marea Verde, EU, CCOO, UXT e asociacións de afectados as hipotecas, de preferentistas, Europa Laica, FLGTB, Coca Cola en Loita e a Marea Branca, entre outras.

A subida de taxas e o plaxio, principais problemas para os profesores universitarios
O plaxio ou fraude intelectual no alumnado e profesionais universitarios e a subida de taxas e a súa repercusión nas anulacións de matrículas son dous dos principais temas que máis preocupan aos defensores universitarios.

Os responsables dos dereitos e liberdades da maioría das universidades españolas están a reunirse en Badaxoz, no XVII Encontro Estatal de Defensores Universitarios, para abordar os temas máis importantes desta institución.
Wert asegura que as protestas son "moi reducidas"
O ministro de Educación, José Ignacio Wert, indicou hoxe que o seguimento da folga de estudantes dos ensinos públicos está a ser "moi reducido", segundo a información que lle transmiten as comunidades autónomas.

Nalgúns casos incluso é "insignificante", engadiu en declaracións á prensa nos corredores do Congreso. Pola contra, o Sindicado de Estudantes, promotor de folga, que comezou onte e remata mañá, cifrou o seguimento medio nun 90%.