luns, 5 de decembro de 2016

A RAG busca xa a palabra deste ano

Abre o prazo de presentación de candidaturas á Palabra do Ano 2016. As propostas porán facerse ata as doce da noite do 14 de decembro. As máis populares pasarán á segunda fase.

O Portal das Palabras acaba de abrir o prazo de presentación de propostas para elixir a Palabra do Ano, unha iniciativa que busca a implicación cidadá para escoller o termo que mellor resuma os últimos doce meses.
A corrupción foi a Palabra do Ano 2015 escollida pola RAG
A corrupción foi a Palabra do Ano 2015 escollida pola RAG
Ao longo das dúas primeiras semanas de decembro, ata as doce da noite do día 14, recolleranse as suxestións das persoas que se animen a participar a través de http://portaldaspalabras.gal/palabradoano/. As máis populares e cun maior peso de significado entrarán posteriormente nunha fase de votación na que se decidirá cal é a Palabra do Ano 2016. Na edición de 2015 a escollida foi refuxiados e na de 2014, corrupción.
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as dúas institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que permiten un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

A normalización lingüística é a área de xestión da Xunta que máis orzamento perdeu con Feijóo

A Xunta disporá, de media, dun 5% máis de fondos para gastar durante o ano 2017. No entanto, esta suba non se distribúe de xeito homoxéneo entre as partidas dos Orzamentos Xerais entregados este sábado polo Goberno no Parlamento de Galicia. Da trintena de funcións -grandes áreas en que se dividen as contas públicas- do orzamento só cinco diminúen a respecto de 2016 e as demais incrementan a súa dotación, coa área de desenvolvemento empresarial á fronte, dotada con case un 30% máis. Entre as que soben, a maioría, e as cinco que baixan, fica unha practicamente en plano, a normalización da lingua galega. Non en van, esta función dos Orzamentos Xerais foi, entre as áreas xestionadas pola Xunta, a máis recortada porcentualmente dende o ano 2009.
Mentres que unha ampla maioría das áreas do Orzamento presentan signo positivo con relación a 2016, o panorama é ben diferente en comparación coa situación que atopou Alberto Núñez Feijóo ao chegar á Presidencia. Así, en comparación coas derradeiras contas públicas do Executivo de coalición de PSdeG e BNG, só cinco áreas teñen máis dotación orzamentaria. Entre elas destaca a función de débeda pública, cun crecemento superior ao 300%.
A función do orzamento que máis medrou dende 2009 foi a da débeda pública, cun crecemento superior ao 300%
Na banda contraria están as transferencias ás entidades locais, isto é, a participación de concellos e deputación nos fondos autonómicos, cuxa dotación caeu case un 90%. Xunto a este orzamento, xestionado en última instancia polas Administracións municipais e provinciais, a área máis prexudicada polos axustes orzamentarios dos últimos anos é a normalización lingüística, cunha caída acumulada próxima ao 70%.

Os fondos desta partida do Goberno non só son moitos menos que na etapa do bipartito, senón que tamén continúan notablemente por baixo dos últimos orzamentos dos gobernos de Manuel Fraga. Así, nas derradeiras contas públicas do Executivo que dirixía o fundador do PP, con Feijóo como vicepresidente, a promoción do idioma propio levaba un investimento público un chisco superior aos 20 millóns de euros.
A promoción da lingua pasou de 21 millóns a menos de 7 en apenas cinco anos
A liña ascendente iniciada con Fraga continuou con socialistas e nacionalistas ata 2008, cando superou os 23 millóns de euros. No ano 2009 perdera xa uns 2 millóns de euros e a partir de 2010, nos primeiros orzamentos tras o regreso do PP á Xunta, iniciou un rápido devalo ata 2015, ano no que estaba dotada cuns 6,7 millóns de euros. Dende ese ano o orzamento de normalización lingüística permaneceu practicamente invariable na contorna dos 6,8 millóns.

venres, 2 de decembro de 2016

A LOMCE non é só as reválidas. A loita continúa

No día de onte coñecemos, á fin, unha boa noticia respecto á educación. Despois de pasar anos enfrontándose a docentes, familias, alumnado e, incluso á propia realidade, o Ministerio de Educación deulle peche ao episodio das reválidas. Ben é certo que é un peche en falso, xa que segue mantendo, aínda que con carácter mostral as probas en 3º e 6º de primaria e en 4º da ESO, pero conquistamos varias reivindicacións que toda a comunidade viña esixindo dende hai anos.
Non podemos ocultar a nosa satisfacción por estes logros, e a convicción de que se conseguiron grazas á loita de toda a comunidade educativa. Pero no STEG non queremos durmirnos nos laureis, porque somos conscientes de que a loita continúa. Non debemos deixar que esta loita centralizada nas reválidas nos últimos cursos eclipse as numerosas inxustizas e despropósitos que seguen en vigor coa LOMCE:
-a relixión debería estar fóra da escola pública, pois entendemos que a escola debe respectar e promover o dereito á liberdade de conciencia, o coñecemento empírico da realidade a través da racionalidade e do empirismo, así como evitar a discriminación de xénero ou contra a diversidade sexual (moi presente, por contra, na doctrina católica). Maís aínda, se a Relixión nesta lei se sitúa ao mesmo nivel que o resto das materias en canto á nota media; unha materia onde para subir nota o alumnado ten que crer no que di o docente, e que, sospeitosamente, obtén sempre calificacións moito máis altas có alumnado que se matricula na súa alternativa.
- a penosa e atropelada implantación da FP básica, que segue sendo unha educación completamente precaria, en que remata caendo o alumnado con máis dificultades ou nunha situación socioeconómica máis vulnerábel, con aulas masificadas e que nin sequera pode cursar todas as materias no mesmo centro educativo, polo que resulta totalmente insuficiente para as necesidades educativas do mesmo.
- a Lingua Galega segue véndose discriminada por esta lei que non é quen de garantir que o alumnado remate a súa educación obrigatoria con plenas competencias na mesma, detraendo horas de impartición en favor dun plurilingüismo que xa é evidente que non serve para aprender mellor a lingua estranxeira, se non para deixar de adquirir outras competencias e contidos básicos.
- o sistema de elección das direccións segue sendo totalmente antidemocrático, facultando a Administración a colocar nos centros educativos persoas totalmente alleas aos centros, ou o que é peor, persoas que teñen todo o claustro na súa contra, convertindo as direccións e moitos casos (tal e coma denunciamos que podería suceder) en comisariados políticos ás ordes directas da aministración, que fan e desfán ao seu antollo no relativo aos horarios do profesorado, materias afíns que se imparten con especialidades que non teñen nada que ver entre sí e restrinxindo o funcionamento democrático dos centros.
- o tratamento marxinal que recibe a atención á diversidade e o espírito último da LOMCE, que segue a ter un claro afán privatizador, entendendo que o ensino público debe servir soamente para o éxito académico, polo que favorece o ensino privado e concertado onde, aínda dándolle facilidades para seleccionar o alumnado e desfacerse das crianzas que a priori teñen máis dificultades, se demostrou en repetidos estudos que, correxindo este sesgo de poboación, teñen peores resultados cós centros públicos.
E os recortes que se derivaron da aplicación da LOMCE, tanto na diminución do persoal docente (sobre todo o profesorado de apoio), coma o aumento das ratios de alumnos, coma a presenza anecdótica no currículo das humanidades e as ensinanzas artísticas, fainos seguir en pé de guerra contra esta lei.
Por todo isto, no STEG non imos descansar ata que esta lei se derrogue, dando paso a outra que conte coa participación de toda a comunidade educativa, fóra de pactos políticos que só pretenden un lavado de cara desta infame LOMCE.

O alumnado galego luciu técnica e creatividade no certame Mecano de robótica

O Campus Industrial de Ferrol (na Facultade de Humanidades e Documentación) acolleu este martes 29 a gran final certame de robótica Mecano, logo dun mes de obradoiros e de competición en si mesma. No concurso participaron máis de 120 alumnos de segundo curso de Bacharelato de cinco centros galegos: IES Fene, IES Otero Pedrayo, de Ourense; IES Lucus Augusti, de Lugo; IES Francisco Asorey, de Cambados e IES A Pinguela, de Monforte de Lemos. Segundo lembra a Universidade da Coruña, o concurso incluíu nas semanas previas diversos obradoiros impartidos por técnicos do Campus Industrial, actividades que serviron para introducir ao alumnado na vertente técnica e software da robótica e da tecnolóxica. O obxectivo: axudar aos estudantes a preparar un proxecto baseado na construción e deseño dun robot e na definición das potenciais utilidades que pode ofrecer o mesmo. Os robot resultantes foron o miolo da recta final do concurso.
Segundo nos conta a organización, os días 22 e 28 de novembro comezou a competición propiamente dita a través da páxina oficial do concurso en Facebook, onde os diferentes institutos penduraron un miúdo vídeo explicativo do seu proxecto presentando o seu enxeño tecnolóxico e facendo unha pequena demostración das súas funcionalidades.
Nesta primeira fase do concurso achegouse puntuación tendo en conta os gústame que os seareiros do certame deron aos diferentes vídeos, un total de 3.751 likes, sendo o IES Fene o que máis apoios tivo, seguido do IES Francisco Asorey, de Cambados, do IES Otero Pedrayo, de Ourense, o IES Lucus Augusti, de Lugo e do IES A Pinguela, de Monforte. O alcance obtido a través de Facebook foi de 96.844 usuarios, con máis de 22.517 interaccións, xerando máis de 36.000 reproducións entre todos os vídeos.
Todo devandito (formación, enxeños, puntuacións obtidas) constituíu o alicerce da gran final deste martes, na que os diferentes presentaron os seus proxectos ante o xurado. O IES Fene deu a coñecer o seu robot baseado en servizos humanitarios e sociais. O IES Francisco Asorey fixo o propio cun enxeño para recoller e servir menús de comida. O IES Otero Pedrayo, pola súa banda, amosou o seu “robot espía anti-crime” e o IES Lucus Augusti unha tecnoloxía avanzada para recoller neve. O IES A Pinguela expuxo o seu proxecto baseado no bufet libre para comensais.
Finalmente, e logo dun proceso moi igualado que amosou, en palabras da organización “un alto nivel técnico e creativo”, o ES Fene fíxose coa primeira edición do Concurso Mecano, seguido moi de preto polo resto dos centros galegos.
Concurso Mecano
O concurso Mecano é unha actividade promovida polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña que ten como obxecto estimular a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e a tecnoloxía aos estudantes do último ano dos institutos galegos a través da construción e a programación dun robot. Esta iniciativa forma parte da estratexia de aproximación do Campus Industrial de Ferrol para que o alumnado de Bacharelato de Galicia teña unha visión “máis próxima das potencialidades da oferta académica universitaria, desde a perspectiva da tecnoloxía e a enxeñaría”.

CEAPA considera unha boa noticia a retirada do borrador da Orde Ministerial das reválidas

CEAPA considera unha boa noticia a retirada do borrador da Orde Ministerial das reválidas e o anuncio de que se elaborará un novo borrador que, no caso de segundo de Bacharelato, devolveranos ao escenario da selectividade, recuperando algo do sentido común perdido.

CEAPA considera que, tras a reunión da Conferencia Sectorial celebrada na tarde do pasado luns 28, a decisión de retirar o borrador de Orde Ministerial que regularía as reválidas, segundo as deseño a LOMCE, era a única que se debía tomar e así foi.
CEAPA móstrase satisfeita coa retirada do borrador da devandita Orde Ministerial, así como coa confirmación de que se aprobará un Real Decreto Lei que modificará a base legal sobre a que se sustentan as reválidas na LOMCE e tamén algúns Reais Decretos de desenvolvemento da mesma, entre eles o 310/2016 que foi aprobado o 29 de xullo e que xerou todo este descomunal e absurdo conflito, xunto co resto da LOMCE.
CEAPA está segura de que as reválidas morren antes de nacer do todo como consecuencia das mobilizacións e actuacións realizadas contra as mesmas, realizadas por toda a Comunidade Educativa, entre as cales tivo, non pode obviarse, un papel transcendental a espectacular folga estatal que se fixo o pasado 26 de outubro polo alumnado e as familias, á que se sumou
unha parte do profesorado nalgunhas Comunidades Autónomas. Queremos aproveitar esta nota de prensa para agradecer ás familias que atendesen a chamada de CEAPA para realizar a devandita folga e para felicitar a todas as que participaron na mesma porque, sen dúbida, as familias fomos actores principais na loita contra as reválidas e é momento de reiterar que os dereitos se conquistan e deféndense. Defensa que non se pode facer deixando que sexan outros os que se movan e loiten.
Con todo, en CEAPA non nos fiamos dos anuncios, tendo en conta o sucedido nos últimos anos. Aínda que hai motivos para pensar que esta vez as declaracións dos responsables do Ministerio de Educación pódense corresponder coa realidade, sen dúbida porque ven obrigados a iso, ata que non coñezamos oficialmente o contido do Real Decreto Lei, do novo Real Decreto e da nova Orde Ministerial, e que todo iso sexa correcto e estea publicado no BOE, non poderemos celebrar de verdade a eliminación das reválidas, porque xa asistimos a moitos anuncios que se quedaron só niso.
E avisamos, non aceptaremos que as reválidas se convertan en probas muestrales pero con liberdade para que as Comunidades Autónomas fáganas censales, porque xa sabemos o que sucederá en moitas delas. Esa posibilidade non debe incluírse no Real Decreto Lei.
CEAPA reitera que, se o Goberno quere que nos creamos que busca un pacto educativo de verdade, xa sabe que esiximos que retire a súa ameaza contra o Congreso de acudir ao Tribunal Constitucional se non se retira a Proposición de Lei sobre a LOMCE aprobada nos pasados días. Pola contra, será o Goberno o que demostrará que non quere o pacto e dinamitaría calquera posibilidade de conseguilo. En Democracia non se poden consentir as ameazas.

“Cultura, comunidade e futuro”, cerna do Culturgal 2016

Chega o Culturgal 2016. A novena edición da feira galega das industrias culturais celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o venres 2 e o domingo 4 de decembro, en horario ininterrompido de 11 a 21 horas (o domingo de 11 a 20). Haberá 80 stands dedicados a libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía e moito máis e levaranse a cabo máis de 120 actividades, dende concertos a espectáculos familiares, pasando por encontros con escritores, estreas de filmes ou demostracións científicas. E, coma sempre, co impulso e a organización da Asociación Culturgal, integrada pola Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías).
A entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros e a entrada para os tres días custa 3 euros.  Mentres, nenas e nenos ata 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros polo bono
Ao igual que nos últimos anos, haberá que pagar unha mínima cantidade para poder acceder ao recinto, polo carácter de "proxecto colectivo onde o público contribúe á sostibilidade" que ten o Culturgal. A entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros e a entrada para os tres días custa 3 euros.  Mentres, nenas e nenos ata 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros polo bono. Os e as menores de 3 anos non pagan entrada. En todos os casos entrégase unha pulseira que permite entrar e saír en calquera momento. Ademais, ofrécense descontos ás visitas colectivas organizadas por escolas, asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.
No 2015 un total de 14.500 persoas pasaron polo recinto nos tres días que durou o evento, apreciándose como o domingo vai desprazando progresivamente ao sábado como o día de maior afluencia da feira
A organización espera repetir o éxito acadado en edicións anteriores. No 2015 un total de 14.500 persoas pasaron polo recinto nos tres días que durou o evento, apreciándose como o domingo vai desprazando progresivamente ao sábado como o día de maior afluencia da feira. "Culturgal aposta por constituírse en espazo de mediación, de encontro entre sectores empresariais, institucións e públicos, razón pola que non pode conformarse. Cos pés ben chantados sobre os seus alicerces, cada edición debe continuar mellorando, innovando e sorprendendo”, salientaba daquela Manuel Bragado, presidente da asociación Culturgal.
O lema de Culturgal 2016 é “Cultura, comunidade, futuro”, incidindo na importancia que xogan e deben xogar as iniciativas novas e impulsadas por xeracións mozas no impulso da cultura galega e das súas apostas empresariais. Resulta difícil salientar apenas unhas poucas citas entre a moi completa programación do evento. As presentacións literarias e os encontros con autores e autoras son sempre un dos pratos fortes da feira, o mesmo que a música, as actividades para os máis pequenos e pequenas da casa e tamén as proxeccións de produtos audiovisuais, filmes e clips. A través da web cultur.gal poden seguirse en directo algunhas das actividades do programa da Feira 2016.

O Festival Agrogay da Ulloa, premio do público

O lema de Culturgal 2016 é “Cultura, comunidade, futuro”, incidindo na importancia que xogan e deben xogar as iniciativas novas e impulsadas por xeracións mozas no impulso da cultura galega e das súas apostas empresariais
A organización do Culturgal sinalou hai algunhas semanas tres candidaturas para gañar o premio do público: Gciencia, NUMAX Cooperativa e o Festival Agrogay da Ulloa, "tres proxectos que botaron a andar no último lustro en Galicia que, porén, xa gozan de prestixio e solidez", destacábase. Finalmente, o gañador foi o Festival Agrogay da Ulloa, recibindo un total de 2.153 votos a través da web, superando por moi pouco a NUMAX (2.149) e ficando GCiencia en terceira posición, con 1.229. O galardón entregarase o vindeiro domingo 4 de decembro ás 18 horas. Nas edicións anteriores o público recoñecera o labor do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013), do Diario Cultural da Radio Galega (2014) e do Festival de Cine Curtocircuíto (2015).

As grandes industrias seguen a aumentar a súa contaminación en Galicia

Unha vez máis os datos confirman a elevada contaminación que as grandes industrias galegas provocan. Como antes fixera o estudo de Ecoloxistas en Acción, desta vez é un informe oficial da Administración o que confirma non só o sabido, senón o aumento en Galicia das emisións contaminantes destas grandes firmas industriais. Tanto que o país sobe do cuarto ao segundo posto no Estado.
Esa é a posición na que se sitúa Galicia segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) publicado o pasado 15 de novembro de 2016 e que mostra cifras máis preocupantes que as do estudo anterior, que data de 2012.
Galicia ocupa o segundo lugar no ránking de emisións contaminantes por autonomías no Estado
Así o destaca Adega nun completo artigo do ex-presidente da entidade ecoloxista, Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e experto en contaminación atmosférica. E outra vez, coma sempre, son as grandes industrias instaladas en Galicia as principais responsables dese nada desexado lugar no podio do rexistro de emisións contaminantes. As centrais térmicas das Pontes e Meirama, Alúmina-Aluminio de Alcoa, PSA-Citroën, as madereiras Ence, Finsa ou Intasa ou as factorías de ferroaliaxe de Ferroatlántica.
O país é responsábel do 15% do total das emisións contaminantes á atmosfera por parte do Estado
Así, e segundo o documento, Galicia é responsábel do 15% do total das emisións a atmosfera de España, con 14.284.312 toneladas por ano, fronte ao 12% de 2012. Pero ademais, é a primeira en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos e a segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/precursoras de ozono. Ao tempo, sitúase como o terceiro territorio na emisión á atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (covmn), metano, arsénico e cromo. En canto a emisións de óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto, posiciónase no cuarto lugar.
Galicia é responsábel do 15% do total das emisións contaminantes á atmosfera por parte do Estado
Tampouco son moito mellor os datos no que ten que ver coa contaminación da auga. Segundo o informe, os vertidos contaminantes á auga de Galicia supoñen o 10,5% do total do Estado, con 84.814 toneladas por ano, sendo así a cuarta comunidade autónoma neste ránking.
O país é primeiro en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos e o segundo en dióxido de carbono e gases de efecto invernadoiro
O máis destacable é que, sendo alta ou moi alta a contaminación, son poucos os focos contaminantes, apenas algo máis de dez agás no caso do amoníaco. Así, dos 14,2 millóns de toneladas de dióxido de carbono emitidos, 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas das Pontes e Meirama (o 74%) e 1,16 millóns a refinería de Repsol na Coruña, o restante 2,5 millóns de toneladas  repartanse entre once grandes industrias (Alúmina Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide), tal e como destaca Adega. As emisións de flúor, nas que Galicia está á cabeza por emisión no Estado, están relacionadas só con cinco empresas: Meirama, As Pontes, Ferroatlántica de Sabón, Aluminio Español -filial de Alcoa- e Alcoa Inespal. As emisións de mercurio á atmosfera e á auga débense a once complexos: centrais térmicas, Ence, Elnosa ,PSA, Alumina, Unemsa, Intasa e varios complexos de Finsa.
As térmicas das Pontes e Meirama emiten o 74% do total de dióxido de carbono

 

Emisións "extremadamente elevadas"

Malia ter Galicia só o 4,45% do total dos complexos con información pública no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, é responsable de, por exemplo, o 80,5% dos perfluorocarburos; do 36,6% do flúor; ou do 30,5% de mercurio, entre outros compostos. Son, como destaca Adega, emisións "extremadamente elevadas" tendo en conta o número e tamaño da industria de Galicia, o número de habitantes, a extensión xeográfica, o PIB ou o nivel de vida. E, ademais, aumentan respecto a 2012 e, tamén respecto ao 2007.
Mentres o dióxido de carbono no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, hai tan só tres anos representaba o 12%. E escollidos 32 contaminantes considerados como os mais importantes, no ano 2015 vinte e un deles tiñan valores superiores aos do ano 2010 e aínda máis 14 superaban os valores que tiñan no ano 2007, tal e como se pode ver nesta táboa.

Cadro-contam-2012-15
Táboa de comparación de contaminantes atmosféricos / Adega

A Organización Mundial da Saúde (OMS), tal e como lembra Adega, recoñece que a contaminación do aire representa un importante risco para a saúde. "Debemos polo tanto preocuparnos polas altas emisións e buscar solucións xa que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de morbilidade e mortalidade", remata.

En Movistar non me deixan falar en galego!

Acabo de ter unha conversa com unha señorita da compañia de Movistar. Reclamaban o pagamento dunha factura. Tentei razoar com ela acerca de que eu necesitaba saber os conceptos da mesma. Expliquei que, varias veces, via telefónica eu reclamara e que me prometeran que así sería. Como a señorita falaba e falaba sen me querer escoitar, eu pedín:
-Déixeme falar que lle explico.
-No! No le dejo hablar mientras no me hable en castellano!
O que irritou a miña sensibilidade, como se pode comprender. Expliqueille que se me pedía para falar en castelán podía facelo, pois eu domino varios idiomas e ese, en particular, non ofrece ningunha dificultade para min. Mais tanto falaba e falaba que acabei por perguntar se estaba prohibido falar em galego.
-Conmigo si, porque no la entiendo! Para empezar no sé lo que significa falar ni tengo por qué saberlo.
Contesteille que era unha inculta.
Como se pode deducir, a moza entendía perfectamente. Só era preciso que me pedise, por favor, ou sen el, que falase en castelán. Nunca que me dixese que NON PODIA FALAR EN GALEGO!
Así están as cousas. Nós non nos damos a valer e diante da máis mínima dificultade escondemos o noso: O idioma, a cultura ou o patrimonio riquísimo da Galiza. Mesmo hai algunha xente que agocha a sua condición de ser galego ou galega.
Por iso a xente séntese con dereito a gritarnos polo teléfono:
-No, no la dejo hablar mientras me hable en gallego!
Esperemos que esta carta denuncia serva para espertar conciencias. Todas as persoas podemos entendernos sempre que haxa vontadade para o facer. As linguas son unha riqueza. Nunca unha fronteira. Eu ben quixera saber falar e comprender ben o catalán, ou o euskara, que considero pobos irmáns, e ainda moitos outros idiomas. A aprendizaxe das linguas é moi boa para estimular a boa función do cerebro e para facilitar a empatia con outros pobos e outras culturas. Hoxe, que se está a falar da lei de educación, sería bo introducir algunha modificación a ese respecto.
Coñecer as linguas e as culturas peninsulares sería un obxectivo prioritario para esa reforma se pretende formar cidadáns libres, cultos/as e tolerantes fronte á diversidade dos pobos da Hispania.

xoves, 1 de decembro de 2016

As tres universidades impulsan os vídeos en galego no certame Youtubeir@s

Once concellos participan tamén nesta iniciativa que inclúe un concurso de pezas audiovisuais 

Incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo e incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos é o fin principal de Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede que impulsan os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e o Grove.
Os detalles do concurso presentáronos este martes 29 representantes das entidades implicadas no seu desenvolvemento nun acto no Colexio de San Xerome que presidiu a vicerreitora de servizos Universitarios, Carme Silva, e xunto á que tamén interviñeron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia; a concelleira de Cultura de Teo, María Pilar Pérez Faxil e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña. O acto permitiu destacar o valor das novas tendencias sociais na comunicación actual no relativo ao papel activo dos e das youtubers na rede.
Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede, comezará o xoves 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración aproximada de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Quen optar ao concurso, poderá concorrer en dúas categorías: ‘Vídeo-facermos’ para videotitoriais que amosen como realizar calquera proceso (dende unha receita ata como instalar un programa informático), e Vídeo-opinarmos, para aquelas propostas que acheguen unha opinión ou valoración respecto de calquera tema.
Cada unha destas categorías premiarase cun premio en metálico de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración do xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de xeito parello ao concurso, estarán impartidas pola produtora Illa Bufarda. O seu obxectivo é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Aumenta a contaminación das grandes industrias en Galicia

O Rexistro Estatal revela que xa é a segunda comunidade máis contaminante e líder en flúor e mercurio

Medran en Galicia as emisións contaminantes das grandes industrias. Ata o punto de que a comunidade vai do cuarto posto ao segundo do Estado, en só tres anos, segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) publicado o 15 de novembro de 2016 e que amosa datos más preocupantes que o estudo anterior, datado no 2012.
Segundo denuncia o colectivo ecoloxista Adega, “constátase un aumento das emisións, situándose en 2015 no segundo posto entre as comunidades do Estado, ascendendo dende o cuarto lugar acadado en 2012”.
Galicia é responsábel do 15,08% do total das emisións a atmosfera de España, con 14.284.312 toneladas/ano. Ademáis é a primeira en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos. É a segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/precursoras de ozono. Tamén é a terceira comunidade por emitir á atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM), metano, arsénico e cromo. Para rematar, ocupa o cuarto posto en emisións de óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto.
Cadro-contam-2012-15
Adega analiza os datos nun completo artigo asinado por Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e experto en contaminación atmosférica. Os datos son tamén preocupantes para a contaminación da auga. Segundo os datos oficiais , os vertidos contaminantes á auga de Galicia significan o 10,46% do total do Estado con 84.814 toneladas/ano, ocupando con este valor o cuarto posto no conxunto das comunidades. Ademais, Galicia é a primeira comunidade do Estado en verter compostos organoestannicos e carbono orgánico total (COT).
Varela Díaz califica de “sorprendente” que no Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes, Galicia teña so o 4,45% do total dos complexos con información pública e que ao mesmo tempo “sexamos responsábeis das emisións a do 80,5% dos perfluorocarburos; do 36,6% do flúor; do 30,5% de mercurio; do 22,0% do cloro; do 19,2% do dióxido de xofre; do 18,7% das particulas (PM10); do 15,1% do dióxido de carbono; do 12,6% dos óxidos de nitróxeno… por non citar os vertidos á auga de compostos organoestannicos (54,4%); zinc (16,4%); chumbo (15,3%); cloruros (10,1%); cobre (8,6%); compostos orgánicos haloxenados ( 5,9%)…”
Moi poucas industrias provocan unha contaminación moi elevada en Galicia
“Estas emisións son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nível de vida…”, analiza Ramón Varela, “pero ademais están a aumentar con relación ao ano 2012 e mesmo a datas anteriores como o ano 2007, previo á crise”.
Mentres o dióxido de carbono no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, fai tan só tres anos representaba o 12%. En tres anos Galicia pasou do cuarto lugar no Estado ao segundo. Escollidos 32 contaminantes considerados como os mais importantes, no ano 2015 21 tiñan valores superiores aos do ano 2010 e aínda máis 14 superaban os valores que tiñan no ano 2007 (ver táboa).
Cadro-contam-2012-15-2
O biólogo Ramón Varela sinala ás grandes industrias que teñen a responsabilidade destas emisións: “a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas de As Pontes, Meirama), aluminio (Alúmina-Aluminio de Alcoa), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (refinería de Repsol), madeira (Ence, Finsa en diversas fábricas, Intasa), ferroaleacións (Ferroatlántica en tres localidades), son as principais responsábeis de que ocupemos  hoxe – igual que anos atrás- un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado”.
As centrais térmicas en Galicia emiten máis de 10 dos 14 millóns de Tm de CO2
Varela salienta como “curioso” que aínda sendo alta ou moi alta a contaminación, os focos contaminantes son moi poucos, apenas pasan dunha decena, a excepción da contaminación por amoniaco. De feito, dos 14,2 millóns de toneladas de Dióxido de Carbono emitidos, 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama e 1,16 millóns á refineria de Repsol na Coruña. Mentres as restantes 2,5 millóns de toneladas  repartanse entre 11 grandes industrias (Alúmina, Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide).
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que a contaminación do ar representa un importante risco para a saúde. “Debemos portanto preocuparnos polas altas emisións e buscar solucións xa que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de morbilidade e mortalidade”, saliente Varela.
Adega insiste antes os datos que “os poderes públicos non poden quedarse á marxe dun problema tan grave se de verdade perseguen mellorar a saúde dos habitantes e protexer o territorio. O Goberno galego debería promover un Plano de diminución progresiva da contaminación (dióxido de carbono, chumbo, mercurio, cadmio, óxidos de nitróxeno, etc.) nas grandes industrias para protexer realmente os ecosistemas e a nosa saúde, alén de poñer urxentemente en práctica as Directrices da OMS para partículas (PM10 e PM2,5) xa que os niveis da lexislación actual son moi permisivos e duplican o recomendado”.

Unha de cada catro redes Wi-Fi públicas están desprotexidas

Segundo a empresa de protección informática Kaspersky Lab, unha de cada catro redes Wi-Fi que temos á nosa disposición nun cumpre cos requirimentos mínimos de seguridade (representando en ocasións un risco para os nosos datos persoais, que estarían a disposición de calquera outro usuario cun mínimo de coñecemento informático). Este dato figura nun estudo de seu sobre a calidade dos accesos sen fíos de índole pública. Para darlle forma, a firma avaliou máis de 31 millóns redes Wi-Fi públicas ou hotspots en todo o mundo. A conclusión é que o 25% das mesmas están desprotexidas, o que significa, nas súas palabras, “que todo o tráfico transmitido a través desas redes, incluíndo mensaxes persoais, contrasinais, documentos e moito máis, pode ser doadamente interceptado polos ciberatacantes”.
Dende o punto de vista da incidencia xeográfica, a investigación apunta a que os 20 países con meirande porcentaxe de hotspots Wi-Fi non cifrados inclúen moitos destinos turísticos populares: Tailandia, Francia, Israel, Estados Unidos, entre outros
No estudo tamén se sinala que o 3% dos puntos de conexión sen fíos usan WEP (Wired Equivalent Privacy) para cifrar datos, “un protocolo que non é do todo seguro e que se pode inutilizar en cuestión de minutos con ferramentas que están dispoñíbeis de balde en Internet”. Polo que atinxe ao resto, Kaspersky informa que case tres cuartas partes dos espazos públicos de conexión sen fíos tiran partido “dunha forma máis segura de cifrado” baseada na familia de protocolos de Acceso Protexido Wi-Fi (WPA). O consello da compañía, a respecto de todo o devandito, é que os usuarios “se manteñan alerta cando se conecten a unha rede Wi-Fi pública e que non utilicen puntos de acceso sen fíos sen contrasinais para realizar actividades de alto risco, como banca dixital, compras, ou transferencia de información confidencial”.

A Mesa pola Normalización Lingüística estará un ano máis no Culturgal

Concertos e presentacións de proxectos serán parte da proposta que A Mesa achegará o Cultural o domingo 4 de decembro

A novena edición do Culturgal terá lugar os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este ano, segundo anuncia a organización,  xirará ao redor da construción comunitaria da cultura do futuro.
Programa_Culturgal_MESAA Mesa pola Normalización Lingüística fará presenza no evento a través do seu expositor coa información sobre a súa actividade e cos produtos á venda. O domingo 4 de decembro a Mesa achegará á organización da principal feira cultural galega con actividades como o concerto de A voz do vento, a presentación da Liña do Galego co presidente da Mesa, Marcos Maceira ou a presentación de Peixes e outra fauna mariña con Mónica Pazos e Alfredo López.
 O stand da Mesa será o número 45. A axenda coa que A Mesa completa a súa presenza no Culturgal é a seguinte.

Domingo 4 de decembro. Culturgal. Pazo da Cultura. Pontevedra

12h: Espazo Carpa. Concerto de Fran Amil e a tribo incomprensíbel presentando o libro-disco A Voz do Vento. Poemas de Manuel María.
13.30h. Espazo Foro. Presentación da App A Liña do Galego. Con Marcos Maceira, presidente da Mesa.
16.45h. Espazo libro. Presentación do libro didáctico infantil Os peixes e outra fauna mariña. Con Mónica Pazos, vicepresidenta da Mesa e Coordinadora, e Alfredo López “Tokio”, ilustrador,
https://youtu.be/hcEQOY6FE-o
https://youtu.be/EMntWv3QvEU

CIG-Ensino e a Mesa denuncian que a combinación da LOMCE co Decreto de Plurilingüismo foi “explosiva” para o galego

A presenza da nosa lingua no ensino secundario é inferior ao 15%
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a “persecución” que sofre a nosa lingua no ensino, en xeral, e na ESO, en particular, cunha presenza inferior ao 15% a consecuencia da combinación “explosiva” do Decreto de Plurilingüismo coa LOMCE. Unha situación que vulnera a legalidade nacional e internacional e contra a que xa anunciaron mobilizacións. A primeira, unha concentración diante da Consellaría o 14 de decembro ás 11:00 horas.
Segundo explicou Anxo Louzao, as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE, supoñen unha nova e acrecentada discriminación da nosa lingua respecto á contemplada no decreto 79/2010. “Este decreto estabelecía as materias que se debían impartir en lingua galega e en lingua castelá na ESO, cun total, nos catro cursos, de 25 horas en lingua española e 24 horas en lingua galega”, explicou.
Porén, denunciou, “esta discriminación dispárase agora, pois o alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas”.  Esta distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español, na modalidade de ensinanzas aplicadas, e 10 menos nas académicas.
Diante desta situación, o pasado 29 de setembro de 2016, a CIG-Ensino dirixiuse ao conselleiro de Educación para deixar constancia das inmediatas consecuencias da aplicación da LOMCE: incremento da españolización e redución do ensino en galego. Xunto a isto, na Mesa Sectorial do 11 de outubro incidiu novamente na necesidade  de “desfacer este novo atropelo á nosa lingua”, sen que até agora a Consellaría emprendese ningunha modificación do Decreto 79/2010 para desfacer esta discriminación.
Atendendo a isto, Louzao denunciou que “a política lingüística da Consellaría está asentada non só na discriminación, senón tamén na persecución do noso idioma como lingua vehicular do ensino”, porque é perfectamente coñecedora de que hoxe “nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega” e de que a imposición do decreto 79/2010 está dando os froitos previstos pola Consellaría, “minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística”.
Informes do Comité de Expertos para a Carta Europea das Linguas
Neste sentido, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegurou que a intención de “igualar” o ensino das linguas manifestada no decretazo “é falsa”, tal e como sinalou o Comité de expertos para a Carta Europea das Linguas en dous informes sucesivos (2011 e 2015). No último, mesmo pasando as recomendacións do Comité de Ministros que sinalan que a introdución dunha terceira lingua non poden ir en detrimento da propia.
Maceira acusou ademais a Xunta de Galiza de tratar de cargar sobre pais e nais a responsabilidade da adquisición de mínimas competencias en galego, e mesmo inutilizar a pouca distribución horaria favorábel ao galego o que, lembrou, “motivou a supresión da enquisa ou de elección individual de lingua a utilizar nas aulas polo TSXG”. Sentenza que, ademais, recollía como garantía para manter a igualdade, a avaliación sobre o decreto no propio decreto, descoñecida até hoxe, e sen datos públicos de ningún tipo.
O estudo e recurso da CIG-Ensino, segundo o Presidente da Mesa “demostran outra vez a verdadeira intención de converter o galego en residual no ensino en Galiza”. Un obxectivo que foi denunciado xa desde o principio pola comunidade educativa a través de Sindicatos, ANPAS, MRPs, organizacións estudantís, Consello Escolar de Galiza, Consello Consultivo, e mesmo en dúas ocasións polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas. A última, segundo lembrou Maceira, en 2015, que mesmo valeu unha recomendación do Comité de Ministros do Consello sinalando que “ a introdución dunha terceira lingua non pode ir en detrimento da propia”. 
Europa a favor dunha lingua propia
Maceira lembrou os esforzos sociais realizados para evitar esta situación con mobilizacións en demanda de que se respectasen e se cumprisen os acordos, entre os que salientou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos de 1996, promovida pola UNESCO ou a Carta Europea, mais tamén acordos nacionais como o PXNLG. “Todos eles ratificados nunha declaración conxunta promovida pola Mesa o 15 de xullo de 2015 por todos os partidos con representación en Galiza, tamén co PP”.
Porén, diante dos incumprimentos reiterados da normativa e a “persecución” á que está sometida a nosa lingua por parte da Consellaría, anunciaron a convocatoria de mobilizacións, nomeadamente dunha concentración para o día 14 de decembro diante da propia Consellaría de Educación na que demandarán a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo, “por supor unha involución no marco xurídico e no uso do idioma” e a elaboración dunha nova norma que camiñe  cara á plena normalización lingüística no ensino.
En todo caso, e mentres non se derrogue o Decreto 79/2010, exixen que se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español; unha actuación urxente para adecuar e ampliar as áreas que hai que impartir en lingua galega e  levantar o veto de impartir en galego Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía.

“Cultura, comunidade e futuro”, cerna do Culturgal 2016

Chega o Culturgal 2016. A novena edición da feira galega das industrias culturais celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o venres 2 e o domingo 4 de decembro, en horario ininterrompido de 11 a 21 horas (o domingo de 11 a 20). Haberá 80 stands dedicados a libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía e moito máis e levaranse a cabo máis de 120 actividades, dende concertos a espectáculos familiares, pasando por encontros con escritores, estreas de filmes ou demostracións científicas. E, coma sempre, co impulso e a organización da Asociación Culturgal, integrada pola Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías).
A entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros e a entrada para os tres días custa 3 euros.  Mentres, nenas e nenos ata 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros polo bono
Ao igual que nos últimos anos, haberá que pagar unha mínima cantidade para poder acceder ao recinto, polo carácter de "proxecto colectivo onde o público contribúe á sostibilidade" que ten o Culturgal. A entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros e a entrada para os tres días custa 3 euros.  Mentres, nenas e nenos ata 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros polo bono. Os e as menores de 3 anos non pagan entrada. En todos os casos entrégase unha pulseira que permite entrar e saír en calquera momento. Ademais, ofrécense descontos ás visitas colectivas organizadas por escolas, asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.
No 2015 un total de 14.500 persoas pasaron polo recinto nos tres días que durou o evento, apreciándose como o domingo vai desprazando progresivamente ao sábado como o día de maior afluencia da feira
A organización espera repetir o éxito acadado en edicións anteriores. No 2015 un total de 14.500 persoas pasaron polo recinto nos tres días que durou o evento, apreciándose como o domingo vai desprazando progresivamente ao sábado como o día de maior afluencia da feira. "Culturgal aposta por constituírse en espazo de mediación, de encontro entre sectores empresariais, institucións e públicos, razón pola que non pode conformarse. Cos pés ben chantados sobre os seus alicerces, cada edición debe continuar mellorando, innovando e sorprendendo”, salientaba daquela Manuel Bragado, presidente da asociación Culturgal.
O lema de Culturgal 2016 é “Cultura, comunidade, futuro”, incidindo na importancia que xogan e deben xogar as iniciativas novas e impulsadas por xeracións mozas no impulso da cultura galega e das súas apostas empresariais. Resulta difícil salientar apenas unhas poucas citas entre a moi completa programación do evento. As presentacións literarias e os encontros con autores e autoras son sempre un dos pratos fortes da feira, o mesmo que a música, as actividades para os máis pequenos e pequenas da casa e tamén as proxeccións de produtos audiovisuais, filmes e clips. A través da web cultur.gal poden seguirse en directo algunhas das actividades do programa da Feira 2016.

O Festival Agrogay da Ulloa, premio do público

O lema de Culturgal 2016 é “Cultura, comunidade, futuro”, incidindo na importancia que xogan e deben xogar as iniciativas novas e impulsadas por xeracións mozas no impulso da cultura galega e das súas apostas empresariais
A organización do Culturgal sinalou hai algunhas semanas tres candidaturas para gañar o premio do público: Gciencia, NUMAX Cooperativa e o Festival Agrogay da Ulloa, "tres proxectos que botaron a andar no último lustro en Galicia que, porén, xa gozan de prestixio e solidez", destacábase. Finalmente, o gañador foi o Festival Agrogay da Ulloa, recibindo un total de 2.153 votos a través da web, superando por moi pouco a NUMAX (2.149) e ficando GCiencia en terceira posición, con 1.229. O galardón entregarase o vindeiro domingo 4 de decembro ás 18 horas. Nas edicións anteriores o público recoñecera o labor do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013), do Diario Cultural da Radio Galega (2014) e do Festival de Cine Curtocircuíto (2015).