luns, 21 de setembro de 2015

Queremos Galego ocupou de forma simbólica o hórreo de Carnota para concienciar sobre a situación do galego

Queremos Galego ocupou de forma simbólica o hórreo de Carnota, en A Coruña, para sensibilizar os veciños da situación pola que pasa o uso do galego, "a peor da súa historia", e "articular unha ampla resposta colectiva" a favor desta lingua.

A deste sábado é unha das iniciativas que a plataforma prevé levar a cabo nos puntos máis emblemáticos da Costa da Morte co fin de que se "erradiquen" os "vellos prexuízos" contra o idioma de Galicia, "acrecentados nos últimos tempos, e "recuperar os espazos que lle son negados".

Despois de que o grupo de pandereteras 'Millo Verde' dese inicio ao acto, o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, deu a benvida á plataforma, á que agradeceu o seu labor en defensa do idioma propio de Galicia.

Tras iso, tomaron a palabra distintas personalidades do mundo da cultura na bisbarra, como Paco Souto, Mónica Góñez ou Alex López, que deron paso ao presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.

Na súa intervención, Maceira denunciou que "cada maltrato á lingua" é "un maltrato colectivo ao pobo galego" e apostou por "frear" estas agresións para "poder avanzar na reposición e recuperación de espazos para o galego".

Con todo, o presidente da Mesa mostrouse "optimista" sobre o futuro do galego. "A acción diaria de centos de colectivos demostran que é posible outra situación para a lingua galega, que o galego está vivo e ten futuro porque unha grande parte do pobo así quéreo", apuntou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario