mércores, 30 de setembro de 2015

Por permitir manifestacións misóxinas, homófobas, machistas e de apoloxía da violencia.

O STEG solidarízase coas súas afiliadas da Universidade de Vigo e coas persoas que se viron forzadas a levar esta institución aos tribunais ante a súa permisividade no uso dunha conta de correo institucional para enviar contidos do tipo anteriormente indicado.
O señor SERGIO PAJARES DOMÍNGUEZ (Xefe de Sección do Servizo de contratación) hai moitos anos que fai comunicacións onde se incita ao uso da violencia e á discriminación cultural, política ou sexual, con contidos atentatorios contra a intimidade e a honra ou sexualmente explícitos, o cal ―á marxe do dubidoso gosto―supón un claro caso de acoso moral e de vulneración do dereito de igualdade.
Este xefe de sección fixo moitas das súas comunicacións electrónicas desde a propia conta institucional (xascopo@uvigo.es), mesmo en horario laboral e a listas de correo da comunidade universitaria. A pesar das innúmeras denuncias e queixas presentadas por colectivos ou por persoas individuais perante os responsábeis da Universidade (Reitor, Xerencia e Unidade de Igualdade), a institución fecha fileiras e teima en protexer o señor Sergio Pajares argüíndo que “o contido das mensaxes podería estar amparado polo que permite a liberdade de expresión”.
Ante tal situación non podemos senón manifestar o noso estupor e asombro, apoiando sen reservas esta acción nos tribunais na confianza de que a xustiza prevaleza e que feitos de tamaña gravidade sexan debidamente corrixidos e punidos.
O martes 29 de setembro o STEG estará presente ás 10h 25 vista que terá lugar no Tribunal Contencioso-Administrativo nº 1 de Vigo. Animámosvos tamém a que vos xuntedes a nós como acto de solidariedade e de apoio para coas vítimas deste acoso.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG

Ningún comentario:

Publicar un comentario