venres, 11 de setembro de 2015

O PSdeG denuncia que o curso escolar comezará con 900 profesores menos na provincia da Coruña

Augura un período lectivo "caótico" e ve "improvisación" no sistema de bancos de libros de texto.

O PSdeG denunciou que o curso escolar comezará na provincia da Coruña "con 900 profesores menos", ao tempo que augura un período lectivo "caótico" nos seus centros escolares, entre outras cuestións pola "improvisación" na implantación do sistema de bancos de libros de texto.

Nun comunicado, o secretario de Educación da Executiva provincial socialista, Antonio Álvarez Cisneros, incide "na enorme carga burocrática e administrativa que supuxo para os centros" e cuestiona que sexan os propios colexios "os encargados de adiantar o diñeiro para a compra dos libros que falten cando a demanda do alumno sexa maior que a oferta do banco".

Por outra banda, critica que estas adquisicións se fagan con cargo aos gastos de funcionamento dos centros, "que en 2015 foron recortados pola Xunta por sexto ano consecutivo polo que, para este curso, os 446 centros escolares da provincia disporán de 1,2 millóns de euros menos dos que tiñan en 2009".

RECORTE DE DOCENTES

Así mesmo, denuncia "un recorte de 900 prazas docentes" na provincia nos últimos catro anos, "un problema que afecta especialmente ás bisbarras rurais da provincia como Bergantiños-Costa da Morte e Ferrolterra-Ortegal, con 190 e 194 profesores menos, respectivamente", apunta como exemplos.

A esta cuestión, suma "a perda de unidaded educativas no rural e a non adecuación dos ciclos de FP á realidade laboral e ao tecido produtivo das diferentes bisbarras", remarca o dirixente socialista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario