xoves, 30 de outubro de 2014

Participa no XVII Congreso do Sindicato de Estudantes!

Os próximos 15 e 16 de novembro terá lugar en Madrid o XVII Congreso do Sindicato de Estudantes. Este congreso ten lugar nun momento histórico, tras o éxito da folga xeral convocada polo Sindicato de Estudantes os pasados 21, 22 e 23 de outubro no que logramos unha vez máis baleirar as aulas para encher as rúas contra os que pretenden rematar co dereito ao estudo para os fillos dos traballadores. Durante o congreso debateremos sobre o balance das mobilizacións da marea verde ata o día de hoxe e a continuación da loita contra as políticas clasistas do PP.
Neste Congreso, ao que asistirán mozos de todo o Estado que estiveron a organizar a mobilización nas súas zonas, tamén debateremos sobre os acontecementos máis importantes que sucederon nos dous últimos anos: as Marchas pola Dignidade, a tremenda mobilización que seguiu á abdicación de Juan Carlos I, a vitoria de diferentes loitas que lograron dobregar ao PP como a retirada da Lei do Aborto e a dimisión de Gallardón, a anulación do TIL en Baleares, Gamonal, a vitoria da Marea Branca, o tremendo ascenso das organizacións da esquerda tras as últimas eleccións europeas e o dereito a decidir de Catalunya, Euskal Herria e Galiza
Tamén teremos espazo para tratar sobre temas tan importantes para nós como a loita pola recuperación da memoria histórica ou sobre loitas que se converteron nunha inspiración e nun referente de loita para miles de mozos e traballadores como a dos traballadores de Coca Cola ou a PAH.
Se queres participar ou tes calquera dúbida, non dubides en poñerte en contacto connosco en sindicato@sindicatodeestudiantes.net

Ningún comentario:

Publicar un comentario